Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Como follas de almanaque

"Xigantes" é o novo traballo discográfico dos Ruxe-Ruxe, un grupo compostelán de rock and roll que se inspira na realidade cotiá

LUPE GÓMEZ   | 27.04.2008 
A- A+

Vituco Neira é o cantante de Ruxe-Ruxe, un dos nomes de ouro do rock compostelán

Vivimos nun mundo no que semella que todo se fai moi grande, que todo nos supera e que non nos quedan forzas para resistir. Por iso os Ruxe-Ruxe din que "xigantes somos ti e mais eu cada vez que arrincamos outro día do almanaque". As súas cancións van directamente ao noso sistema nervioso e trasmítennos enerxía, alegría, entusiasmo. O rock debe ser vehemente, e mirarse no espello da sociedade, para ver as miserias e as grandezas.

A Vituco Neira, o cantante dos Ruxe-Ruxe, gústalle moito conversar.

Para el "cantar é como falar, ­unha forma de comunicar". El escribe as letras das cancións, rebeldes e lúcidas, divertidas e rompedoras. "Inspírome no que sucede, na realidade, no día a día. Son as cousas que che veñen á cabeza, sen buscar nada. Eu son bastante rápido, non me rompo o coco. Prefiro que sexa así, porque a música popular é espontánea", di Vituco.

Eles cantan: "Feliz día ós ­desesperados de almas sempre sen acougo. Feliz día ós decepcionados, que o mundo vos devolva os soños. Feliz día ós enfermos, que mañá espertedes curados. Feliz día ós que perderon o seu norte no vello carreiro." Qué é a felicidade? Un ruído imposible? Vituco Neira pensa que: "se ter móbil e mandar mensaxes aos amigos é ser feliz, ou ter unhas zapatillas de marca, esa felicidade atopámola. Pero eso disfraza a realidade que hai ao teu redor. Non podes ser feliz diante dun prato de raxo ou polbo cando na televisión ves nenos morrendo de fame. A felicidade non existe, e ao mesmo tempo sería o noso reto. Os seres humanos somos hábiles e atopámola nas cousas máis pequenas."

Trasmitir boas vibracións á súa xente é a intención dos Ruxe-Ruxe.

Tentan ser un grupo honesto e cercano, e que a música sexa un xeito de facer amigos. Na presentación de Xigantes, que tivo lugar na sala Capitol, xuntáronse máis de 500 persoas. "Oxalá tivesemos 6000 colegas que fosen vernos", engade Vituco. No mes de xuño van estar en Euskadi xunto con Gwendall, unha das grandes referencias mundiais do folk-rock. E en xullo van visitar as illas Azores. Eles opinan que "a música é arte e a arte ten que estar no almanaque".

Ten que existir, asegura o cantante, ese tipo de compromiso e esa sensibilidade, porque senón a música sería unha mentira como o fume.

Teñen o seu local de ensaio en Aríns, moi preto da cidade de Compostela. Nun tempo foi un cortello de vacas, con paredes de terra e bebedeiros para os animais. Agora tén moqueta e é un lugar con moitísimas cores, porque está cheo de pegatinas, fotos, bandeiras?Como é Aríns? Vituco conta que "Aríns era unha aldea esquecida e bonita que en 10 anos pasou a ser un sitio no que o metro cadrado de chan vale moita pasta e no que se fan residencias de luxo. Acabarán por aplastala. É o camiño do mundo."

Ensaian os martes e os xoves e din que "para nós o Ruxe-Ruxe é un xoguete que queremos que nos dure, non queremos que nos rompa". Mesturan, de forma natural, as gaitas e as guitarras eléctricas na súa música. É o que lles fai ser especiais e diferentes. A metade do grupo ten formación de música tradicional e todos aportan o que saben. "Levamos a pandeirada e a muiñeira nos xenes. Nós non provocamos esa mestura, saénos moi fácil. É unha parte fundamental do espírito do grupo."

O tempo vai pasando e algúns dos integrantes de Ruxe-Ruxe xa andan cerca dos 40 anos de idade. Que cousas cambian cando un grupo musical leva xa unha traxectoria de 12 anos? Vituco comenta: "aprendemos nestes anos a valorar máis a situación. Cando tes 20 anos o único que che importa é pasalo ben. Son moitos anos de amizade. Resistimos porque o rock and roll préstanos moitísimo. Agora mesmo a isto non lle vexo un final."

Están moi contentos porque, musicalmente, pasan por un bon momento. "Temos unha páxina web con moitas visitas, sáennos moitos concertos e a xente vai vernos, porque creo que o pasan ben con nós e hai unha boa conexión", explica Vituco. Para eles o rock é un xeito de vida, aínda que economicamente non lles dea para sobrevivir. Vituco lembra que: "dende cativo gústache o rock e o pop. É a música que escoitamos cando somos nenos, adolescentes. Ao principio é como un xogo. Despois convertémonos en escravos desta forma de vivir. É unha pequena droga. É case un oficio, que non está recompensado economicamente pero si moralmente."

O almanaque estaría incompleto sen estes mozos bravos como o toxo, ao mesmo tempo doces como o mel. Xunto con Vituco Neira, forman o grupo Antón "Torroncho" Fernández, Xaco Barona, Martín Zapata, Alex Sevilla, Xan e Jimmy Carlitos Wei. Fan música para protestar e para esconxurar o tempo no que lles tocou vivir. Eles definen así a súa nova creación: "Xigantes son unha ducia de liortas a cara de can entre fumes e lumes, entre fouces e puñadas. Son doce folerpas de neve con forma de estrela e luz que se acenden cada noite e que endexamais nos deixarán durmir."

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS