Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Desde a "defensa insubornable"

As Redes Escarlata premian a Felipe Lubián por manter vivo o galego nos concellos de Zamora

O Concello de Lubián acollerá este sábado a entrega do galardón ‘Roberto Vidal Bolaño’

MARÉ . SANTIAGO   | 24.06.2008 
A- A+

Lubián (dta.) recibiu o Pedrón de Honra no 2003 de mans de Avelino Abuín

Felipe Lubián Lubián, alcalde do Concello de Lubián, na provincia de Zamora, recibirá este ano o V Premio Roberto Vidal Bolaño, que anualmente conceden as Redes Escarlata. Con este galardón, a asociación recoñece persoas e institucións que se distinguen "na loita pola emancipación de Galicia e das súas clases populares", segundo subliñaron onte as Redes Escarlata nun comunicado. Nesta ocasión, tívose en conta, engaden, "a defensa insubornable que Felipe Lubián leva realizado da galeguidade lingüística e cultural dos catro concellos galegófonos de Zamora en todas as corporacións locais, provinciais e autonómicas das que formou parte desde hai 30 anos".

 Tamén se premia, subliñan os membros da asociación, "o seu compromiso coa cultura popular, principalmente co teatro de base, como promotor e coordinador da Asociación Cultural Xente Nova das Portelas, e por facer de Lubián o único concello de fóra da Galicia administrativa onde o galego é lingua cooficial, ao mesmo tempo que na escola Tuela-Bibei de Lubián está o único centro escolar de Zamora onde se ensina a Lingua Galega".

O Premio entregarase dentro da II Xeira de Lingua e Cultura galegas nas Portelas, que se ha celebrar na Casa da Cultura de Lubián este sábado, 28 de xuño.

Os actos están organizados pola Escola Fermín Penzol da Universidade de Vigo, as propias Redes Escarlata e a Asociación Cultural Xente Nova das Portelas de Zamora.

O PROGRAMA

Presenza de Ferrín e Pereira

Ademais da entrega do premio, o acto inclúe a presentación do número 73 de A Trabe de ouro, coa presenza de Méndez Ferrín, Dionisio Pereira, Xosé Henrique Costas e o propio Felipe Lubián. Tamén se proxectará o filme A mariñeira que dirixiu Antón Dobao.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS