Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

loito

Último adeus ao psiquiatra Ramón Muntxaraz

Fundador do colectivo ‘Gaiola’, este doutor toledano e galego de adopción foi un histórico militante da UPG

MARÉ . SANTIAGO   | 02.07.2008 
A- A+

Cris Tobío
O psiquiatra Ramón Muntxaraz traballou no Hospital de Conxo
FOTO: Cris Tobío

Logo dunha grave doenza, o domingo finou en Compostela aos 61 anos o psiquiatra Ramón Muntxaraz, quen, ademais de participar na reforma psiquiátrica do hospital de Conxo, foi un histórico militante da esquerda independentista en Galicia.

Aínda que naceu en La Puebla de Montalbán (Toledo), Muntxaraz chegou a Galicia en 1979 despois de conseguir unha praza de psiquiatra no Hospital -daquela, sanatorio- de Conxo onde participou na súa reforma. O doutor iniciou, ao chegar ao país, a súa militancia no nacionalismo da man da Unión do Pobo Galego (UPG). De feito, con esta organización, participou no nacemento do BNG en 1982.

Así mesmo, catro anos despois, tamén estivo presente na creación do Partido Comunista de Liberación Nacional, unha das organizacións que en 1988 formarían parte da FPG. Logo, Muntxaraz pasaría a pertencer á APU até que se disolveu a medidados dos 90. Na actualidade, o doutor non militaba en ningunha formación política senón que colaboraba con plataformas como Causa Galiza.

Ademais do seu denodado traballo como psiquiatra, este galego de adopción tamén amosou o seu compromiso cultural. De aí que fose un dos fundadores da asociación cultural Gaiola que traballa pola integración dos enfermos mentais na sociedade así como da súa revista, Gaiola Aberta, punto de encontro de enfermos mentais e de xente que sufriu algunha vez algún tipo de marxinación.

NO CEMITERIO

Despedida en Boisaca

A familia e mais os amigos de Ramón Muntxaraz -que cambiou a esta forma o seu apelido castelanizado Muncharaz- puideron despedilo onte no cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela, nunha ­cerimonia que tivo lugar ás 17.00 horas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS