Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

lidade

Un mozo arousán percorre Galicia coa "Casa do Poeta"

Juan Carballo saca as obras das librerías e lévaas polas rúas de vilas como Sada ou Verín para recuperar a esencia da tradición trobadoresca

A. CONDE/AGN   | 22.07.2008 
A- A+

O arousán Juan Carballo recupera as vellas tradicións trobadorescas e percorre Galicia cunha vella furgoneta que el converteu en A Casa do Poeta

Un mozo arousán botou a casa ao lombo co obxectivo de recuperar as vellas tradicións trobadorescas, levando a poesía ás rúas e prazas de Galicia. Juan Carballo é un trobador moderno. Aos seus 26 anos, este mozo asentado en Vilagarcía apostou por sacar a poesía de librerías e bibliotecas e facer quilómetros para achegala á xente do montón. Para iso, rescatou do despezamento unha vella Wolksvagen do 81 que, grazas a uns cantos mobles baixados do seu piso e varios libros, converteu en A Casa do Poeta.

Así se titula o libro de poemas que está escribindo este polifacético artista, que un día sentiu a necesidade de recitar os seus versos "recuperando a esencia do trobador". Foi así como xurdiu tan orixinal idea de organizar unha xira que, baixo o mesmo nome, busca achegar este xénero "ata á xente que nunca se interesou por el". "A poesía perdeu a súa transmisión oral e quedou reducida a círculos minoritarios, polo que é hora de levala a sitios comúns para todo o mundo, sacala das librerías e levala á rúa", sostén o mozo, que antes de saír á rúa xa sorprendera o público recitando en bares.

O espectáculo en movemento, concibido sobre todo para pobos pequenos, estreouse recentemente en Caldas de Reis e proximamente chegará a localidades como Vilagarcía, Sada ou Verín. A representación, que adoita durar pouco máis dunha hora, conta coa actuación dun cantautor, Moncho Núñez, que acompaña a Juan Carballo na súa odisea sobre rodas. Unha aventura que leva uns riscos que non sofre o artista ao uso, como demostra a saída de vía que sufriu Juan de camiño á súa primeira actuación en Caldas e que lle supuxo un pequeno susto antes da actuación. "É o que ten ser poeta de estrada!", exclama divertido.

Pero tan curiosa xira tamén deixa polo camiño simpáticas anécdotas, como cando se trasladou ao concello de Rianxo a presentar o seu traballo. "Aparquei a furgoneta diante da Casa da Cultura e pregunteille a un taxista se podía deixala alí cinco minutos. Díxome: "home claro, pois non vas cargar cos libros", recorda Juan entre risas, tras o que incide en que a súa proposta "non é unha tolería dun día, senón o resultado de moito esforzo e meses de traballo". Empregado nun centro de discapacidade, o mozo, co que se pode contactar en juanracarballo@gmail.com, di que da poesía non se vive "nin facendo quilómetros con ela", aínda que a súa paixón pola literatura é o motor "dunha proposta romántica cunha función social".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS