|
| ||
| |
![]() |
| Xosé Manuel Budiño FOTO: M. Blanco |
Parece que tés un verán movidiño, en cantos proxectos andas metido agora mesmo?
Pois sobre todo na xira coa miña banda, co disco Zume de Terra, e compaxinándoo co novo disco que sairá o ano que vén, no que ademais se cumpren 10 anos da saída do meu primeiro traballo, Paralaia. Quero que sexa unha celebración especial, cun disco un tanto especial. Levo todo o inverno compoñendo e gravando no meu estudio. Sobre todo a partir de setembro centrareime en serio, para facer un bo traballo.
Volves ser o teu propio xefe neste disco, gravando, producindo, compoñendo...?
Si, xa non me deixan saír dese papel. Eu mesmo creo que me obrigo a ter esa inquietude de investigar, de probar... E sobre todo, o poder ter o meu propio estudio obrígame. Porque para min o meu traballo é un luxo; poder ter o estudio, estar probando, compoñendo, gravando...
Pero supoño que non é fácil dedicarse á música, folk, galega, e por conta propia...
É complicado, pero digamos que cando tes un terreo abonado detrás non o é tanto como para un grupo que empeza. Porque hai xa tres discos detrás, moitos festivais recorridos. A xente, non só de Galicia, coñece o traballo de Budiño, e dalgunha forma sempre hai un público que está esperando o novo disco. E os festivais están sempre moi pendentes para facer xiras noutros países. Levamos unha boa andaina: este ano estivemos en Bulgaria, na inauguración do Instituto Cervantes alá, en Arxentina e México...
E que tal foi tocar na "Galicia Exterior"?
Pois sorprendeume moito porque é un público moi distinto. En Arxentina atopamos a toda esa xente que emigrara polos anos 40, 50, 60... Había xente de todas as idades no concerto, desde 80 anos ata os seus bisnetos con dous anos.
E por que a gaita, por que o folk?
Supoño que formaba parte dese contorno musical que había na vila onde nacín. En Moaña había moita tradición de gaiteiros, de corais, de bandas de música, de grupos de baile... Crieime con toda esa música arredor de min e creo que era inevitable que a gaita chegaría un día.