Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Venres 27.03.2009
Portada
 
atrás Comparte en Yahoo a nova Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión Comparte en Del.icio.us a nova Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión Comparte en Menéame a nova Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

"TRADICIÓN VIVA E UN TRABALLO CON FUTURO”

Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión

14.12.2007 O vicepresidente mantivo hoxe unha xuntanza con redeiras no Porto de Lorbé

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza no porto de Lorbé con representantes das redeiras galegas coas que tivo ocasión de falar da situación da profesión e das súas inquedanzas. No marco deste encontro, Quintana presentoulles o Proxecto Redeiras 2008, un programa compartido entre a Vicepresidencia da Xunta, a Federación Galega e as Asociacións de Redeiras Artesás “para facer desta ocupación unha tradición viva e un traballo con futuro”.

O departamento autonómico vai investir 600.000 euros neste Plan, co que se pretende o fomento do asociacionismo das redeiras, achegar novos recursos formativos que permitan introducir melloras significativas nas condicións de traballo e salariais, fomentar a creación de cooperativas lideradas por mulleres e explorar novos nichos de mercado para os produtos.

No eido do fomento do asociacionismo, Quintana apostou por reforzar as capacidades e recursos cos que conta a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao e as asociacións que nela están integradas, para que poidan ampliar o número de socias e se convertan na organización que represente os intereses das más de 700 mulleres que traballan no sector.

O vicepresidente destacou como outro alicerce do Redeiras 2008 a promoción do cooperativismo, a través dunha liña de asesoramento e titorización para favorecer a creación de cooperativas de redeiras e a exploración de novos mercados para os produtos.
Axudas á formación
Dentro do Proxecto Redeiras 2008, deseñarase ademais un programa de formación para o emprendemento económico e social, que achegue novos coñecementos para a xestión económica, o acceso ás novas tecnoloxías da comunicación, a reciclaxe profesional ou o desenvolvemento de estratexias que favorezan a igualdade e proxecten valores propiamente femininos presentes na actividade das redeiras, como o traballo en equipo e a cooperación.

O Plan recolle tamén unha liña de axuda á formación. Neste senso, Quintana explicou que cada unha das redeiras que participe no curso de formación recibirá unha axuda de 500 euros para que poidan afrontar as actividades formativas con desafogo facendo máis doada a conciliación do seu traballo, a vida familiar e a adquisición de novos coñecementos profesionais.

En definitiva, na opinión de Quintana, trátase dun proxecto “para a visualización e dignificación do traballo das redeiras galegas”, ao tempo que o destacou como “unha iniciativa a favor da igualdade”.

Na súa intervención, engadiu que se trata dun “compromiso co futuro dunha actividade artesanal que é patrimonio da cultura de Galiza“ e amosou a súa confianza en que, co esforzo de todos e todas, seguirá sendo un medio de vida para moitas mulleres galegas. Neste senso, reiterou que é un traballo que hai que valorizar dende a nosa tradición cultural, pero que ha de ter tamén un proxecto de presente e futuro para que sexa “unha tradición de futuro”.

Visita a Sada
Esta tarde, o vicepresidente realizou tamén unha visita institucional ao Concello de Sada, onde mantivo unha xuntanza co alcalde da localidade, o nacionalista Abel López Soto. No marco desta visita, Anxo Quintana e López Soto asinaron un protocolo de colaboración no que o departamento autonómico e o municipio expresan a súa vontade de mellorar e o reforzar a cooperación no eido dos servizos sociais.

Anxo Quintana explicou ao termo da sinatura que a Vicepresidencia e o Concello queren colaborar para levar a cabo un programa para a construción, mantemento e xestión dun centro de día residencial para persoas maiores no municipio. Ademais, segundo apuntou, no protocolo figura a colaboración para o equipamento e xestión da escola infantil municipal de Sada.

Segundo expuxeron Quintana e López Soto, no documento que hoxe asinaron explicítase a vontade do Concello de facilitar a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a ubicación dos centros de nova creación. O mantemento destes recursos farase, segundo aclararon, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ao que o concello de Sada se ten incorporado o pasado 5 de setembro.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión Comparte en Del.icio.us a nova Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión Comparte en Menéame a nova Quintana presenta ás redeiras un plan para dignificar a profesión imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade