Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Martes 18.11.2008
Portada
 
atrás Comparte en Yahoo a nova Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía Comparte en Del.icio.us a nova Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía Comparte en Menéame a nova Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

destina un importe de 316.200 euros

Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía

27.09.2007 A cuantía dividirase en 26.350 euros para o presente 2007 e 289.850 para o vindeiro ano

A Consellaría de Cultura e Deporte vai convocar un total de 31 bolsas de formación en biblioteconomía, mediante colaboración titoriada, na organización e descrición de fondos e actividades en bibliotecas e centros de documentación. O importe destinado para este programa de bolsas, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, será de 26.350 euros para o presente ano, e de 289.850 euros para o 2008, até acadar unha suma total de 316.200 euros.

A convocatoria está dirixida a universitarios e universitarias cun perfil no que predomine a formación en Biblioteconomía e Documentación, Historia, Filosofía ou Humanidades. As persoas interesadas presentarán as solicitudes no rexistro xeral da Consellaría de Cultura e Deporte ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, nos próximos días.

Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros que sexan designados e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a través do persoal técnico debidamente cualificado. A relación de centros nos que deberán realizar as prácticas publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

A bolsa terá carácter plurianual, cunha duración total de doce meses, dos que un corresponderá ao ano 2007 e once ao 2008, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría. A duración poderá ser renovada por outros doce meses dependendo do informe favorable do responsable titorial, e máis da existencia de crédito adecuado e abondo para o seu financiamento.

O obxectivo destas bolsas é mellorar a formación práctica dos titulados e tituladas en materias ligadas á biblioteconomía e documentación, e facilitar a súa especialización e inserción laboral. Por esta razón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes desta.

O departamento que dirixe Ánxela Bugallo é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas. Por iso, a través da súa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, vén ocupándose mediante cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos actuais e dos futuros bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Esta formación, esencialmente teórica, non podería ser nunca completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén un contacto diario e directo dos beneficiarios, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca ou centro de documentación. Os bolseiros, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia abondos, benefícianse deste xeito dun medio de promoción profesional.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía Comparte en Del.icio.us a nova Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía Comparte en Menéame a nova Cultura convoca 31 bolsas de formación en biblioteconomía imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade