Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 05.09.2010
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Tesouros dos mouros Comparte en Del.icio.us a nova Tesouros dos mouros Comparte en Menéame a nova Tesouros dos mouros imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

De Lorean de bois

Tesouros dos mouros

26.06.2009 “Actualmente a nosa sociedade posmoderna ten outros medios de atopar tesouros como os blogs”

XOSÉ GAGO

Amalio Touceda e Dolores Besada coa súa familia (Bea Comendador e Chicho Touceda) FOTO: G.H.
Amalio Touceda e Dolores Besada coa súa familia (Bea Comendador e Chicho Touceda)
FOTO: G.H.
Os mouros que creou o imaxinario da sociedade rural tradicional para responsabilizar daqueles elementos da paisaxe, mámoas, castros, petróglifos ou achádegos casuais de obxectos arqueolóxicos nada teñen que ver co Magreb ou coas invasións musulmás da Idade Media. Trátase de seres mitolóxicos, sobrehumanos cunhas habilidades técnicas espectaculares e cos que ás veces os homes topaba dando lugar a relatos que co tempo se convertían en lenda.Os mouros eran creadores de corredores segredos polos que collían carros e cabalos como o que comunica o Castro Alobre co Monte Lobeira ou incluso submarinos como o que atravesa dende o Castro de Neixón até o rianxeiro Castelo da Lúa, mais sobre todo, o interese e abraio que causaban debíase a que acumulaban grandes riquezas en forma de ouro e prata que conformaban cobizados tesouros. Moito podería escribirse, e escribiuse, arredor dos mouros e a que resposta a súa creazón mais non é o tema que nos ocupa.

Actualmente, a nosa sociedade posmoderna ten outros medios de atopar "tesouros", tal é o caso que nos sucedeu navegando pola rede de redes co noso De Lorean ó atopar un blog moi especial: apedradoencanto.blogspot.com ,artellado pola investigadora Bea Comendador quen nos deu a información para a historia de tesouros que imos relatar.

O Tesouro de Caldas considérase a tesaurización máis importante das achadas pertencentes á Idade do Bronce na península Ibérica. A explicación de por que estas xentes facían depósitos ou acubillos de materiais de prestixio debe dárnola a ciencia e precisamente a esa e outras cuestións trata de respostar Bea Comendador mais o Tesouro de Caldas déixanos outra Historia ademais da dos seus creadores que é a dos seus descubridores. Unha historia que nos fala de posguerra, de fame, de estraperlo e de abusos da Garda Civil.

O vinte de decembro de 1940, Amalio Touceda xunto con outros veciños de Caldas estaba a traballar nunha parcela colocando postes de viña, nas Silgadas da que Ignacio Maquieira, Tumbalobos era apoderado por mor de atoparse emigrado na Arxentina o propietario, o seu cuñado. O alcume de Tumbalobos recibiríao anos máis tarde por ter feridas na perna das que non se preocupaba moito deixando un tufo nos bares polos que marchaba a xamón podre que segundo veciños de Caldas, constataba a súa presenza nunha tasca até dúas horas despois de que a abandonase.

Pois ese vinte de decembro, Amalio comezou a furar no xabre ante a resistencia que este lle ofrecía para espetar o poste até que extraeu unha serie de brazaletes, xerras, anillas e cuncas. Non moi conscientes da importancia do achádego foron a casa de Ignacio para pesar e repartir o resultando un peso de vinte e sete quilos dos que levou a metade cada un deixando á marxe o resto da cuadrilla xa que non tiñan dereito, só eles o tiñan por seren o descubridor e o apoderado da parcela .De alí a dous meses, Amalio mandou a súa dona Dolores Besada a unha xoiería de Vilagarcía cun anaco para certificar se se trataba de ouro, buscou unha xoiería cativa para non levantar sospeitas onde lle confirmaron non só que era ouro, senón que tiña unha pureza de vinte e cinco kilates.

Eran tempos de fame, de racionamento e inestabilidade Amalio apenas percibía seis pesetas diarias por iso non dubidou en poñerse en contacto con Alfredo Guimarei, que tiña un camión e se dedicaba ó estraperlo de tabaco, para que lle buscase un comprador. Contactou Alfredo cun xoieiro da Coruña que lles pagaba a dezaséis mil pesetas o quilo e así ós poucos foi vendendo a súa parte, gardando os cartos nunha caixiña agochada no chan da súa casa. Logo puxo tamén a Maquieira en contacto quen tamén comezou a vender a súa parte.

Maquieira era bo bebedor e adoitaba ir ó Cabaret,un bar caldense que aínda existe onde comezou a levantar sospeitas polos seus comentarios entre os parroquianos cando o viño lle soltaba a lingua. Non se sabe se pola indiscreción de Maquieira ou por un soplo dun dos xornaleiros que tamén traballaba na leira ese vinte de decembro ó que lle prometeran unha parella de bois, o feito chegou a ouvidos da Garda Civil que nun principio pensou que andaban metidos nun negocio de estraperlo de divisas.

Tras varias palizas na casa de Amalio primeiro e na comisaría despois, tiveron que cantar. Maquieira cun brazo roto e Amalio Touceda cunha ferida no pulmón que lle quedaría para sempre. A Garda Civil incautouse do resto do Tesouro e dos cartos resultantes da súa venda dos que Amalio non chegara a investir nada logo de estar a piques de mercar unha empresa de transportes e un edificio de varios pisos na Coruña. Maquieira fora máis listo e cos cartos mercara vacas que puña polas aldeas á ganancia isto é: el merca por un prezo e dáballas a un campesiño para criar, logo ó vendelas a diferenza do prezo que pagara Maquieira dividíase a dúas metades entre o campesiño e Maquieira. Polo que unha vez saíu do cárcere, Ignacio Maquieira puido gozar dos beneficios da venda do tesouro mentres que Amalio Touceda tivo que dedicarse ó estraperlo de puntas, de cravos que por aquel tempo escaseaban, dándolle cartos suficientes para montar un negocio, un bazar: Bazar O Tesouro.

O tesouro acabou finalmente no Museo de Pontevedra, ou máis ben o que quedaba del:catorce quilos e novecentos gramos. Actualmente as pezas continúan no Museo de Pontevedra sendo as "pezas estrela " e achándose secuestradas nunha cámara acorazada, detidas no tempo e sen ningún tipo de referencia á historia do seu achado.

As pezas deberían ser devoltas á vila de Caldas para á súa exposición alí e para recuperar e divulgar a historia destes dous homes ós que de nada se lles pode culpar xa que de seren algo son vítimas pois forma parte do patrimonio local.Vítimas por unha banda da fame e a carestía provocadas por unha guerra da que eles non tiveron culpa nin opcións e vítimas da represión exercida pola Garda Civil sobre un "pobo amedrentado"en verbas de Bea Comendador e que só tiveron a sorte (ou mala sorte)de toparse cun tesouro. Se cadra non souberon desfacer o encantamento ó que estaba suxeito o acubillo de ouro.

A historia que aquí referimos está baseada nunha entrevista de Bea Comendador e Chicho Touceda a Amalio Touceda e a súa dona Dolores Besada que agardemos algún día alguén publique polo seu alto valor testemuñal ou que alguén siga investigando nesta truculenta historia contrastando puntos de vista pois o Tesouro de Caldas non é só un achado illado como pretenden moitos arqueólogos.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Tesouros dos mouros Comparte en Del.icio.us a nova Tesouros dos mouros Comparte en Menéame a nova Tesouros dos mouros imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade