Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 05.09.2010
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova ‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD Comparte en Del.icio.us a nova ‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD Comparte en Menéame a nova ‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

UN RECOMPILATORIO DE LUXO

‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD

18.07.2010 Enfudado nunha carátula coa “icona pop” do Pelegrín, este Caribe Mix Compostelán, recompilatorio de vinte e catro bandas que habitan a capital de Galiza, é unha mostra da excelente saúde que experimenta o rock na cidade. A presentación será o día 23 na Sala Moon. O prezo? Só 6 euros

MARGA TOJO

Contraportada do cd ‘Come on pelegrín’. son 24 bandas (hai dous números 16) FOTO: G.H.
Contraportada do cd ‘Come on pelegrín’. son 24 bandas (hai dous números 16)
FOTO: G.H.
Un CD con nada menos que vinte e catro temazos do mesmo número de bandas compostelás é o que ofrece o recompilatorio Come On Pelegrín que o día 23 se presenta na  Sala Moon de Santiago. Nacido do inquedo maxín de Carlos Pereiro, aka Carlangas, guitarrista e cantante de Novedades Carminha, Adrián Moreno, alma máter do blog de música Pista Oculta, e Julián Sobrino, dos hardcoretas Rayo Vaticano, faille xustiza ao excelente estado de saúde do underground na capital de Galiza. Tanta creatividade vén, ademais, enfundada nunha “xenial portada”, tal como a cualifica Moreno,
deseño de Rubén Prol, alias Zé Pequeno, de Metralletas Lecheras, que constitúe unha oda á “auténtica mascota” do Xacobeo, o Pelegrín.
“Para nos Pelegrín é unha icona pop” –alega Carlangas–. “Isto, xunto coa estética teletexto paréceme o realmente vintage. Os 60’s están pasados de moda, Andy Warhol nos avalaría, estou seguro.  Non coñezo a Xubi, pero é un  nome superpureta. Todos estes debuxiños e logos son unha paletada suprema, mais sempre hai unha dobre interpretación artística e discursiva. Somos galegos”. Ao que engade Moreno: “Como en tantos outros campos, Xubi é un intento de renovar algo que posibelmente non era necesario renovar. Tendo un icono recoñecido e querido preferiuse apostar por un novo sen personalidade, con ese fin único”.
Los Chavales, con Alfonso Espiño, 1º pola dereita FOTO: GH
Los Chavales, con Alfonso Espiño, 1º pola dereita
FOTO: GH
A presentación farase en palabras dos organizadores, “cunha festa como deus manda”: Dúas actuacións en directo de El Pito de Pikasso e Metralletas Lecheras, unha picada de luxo a cargo de Shy Boy de Los Chavales  e “por só seis euros a entrada” un sae da sala co disco baixo o brazo. “Vamos, que só poderiamos melloralo regalando bocadillos de Nocilla coa entrada”. The Homens, Novedades Carminha, Samesugas, Los Chavales, Dr. Gringo, Royalties, Shit Pony, Sr. Anido, Dirty Socks, Pity Sanz, Sinestesia, Strabismo, Tapiporla, Ataque Escampe, Javi Pretty, Los Lombardi, Secho y Los Invisibles, Medomedá, Ruxe Ruxe, Desequilibrio Mental, Acción Kannibal, Rayo Vaticano, Metralletas Lecheras e El Pito de Pikasso son os artistas que contén o disco.

Compostela é un poderoso reduto do underground. É que ninguén se enterou? Éche o que ten o de ir por abaixo?
Carlangas: Pois aquí o teñen. Sen recriminarlle nada a ninguén. Seguro que as paletadas que organizan requiren de moito tempo. Se o queren ver, só teñen que mirar, e se queren explotar o diamante en bruto, non teñen máis que tratarnos como nos merecemos. Agora demostramos que valemos, ou non?
Adrián: creo que para os grupos pequenos, que están empezando, ou incluso os que xa levan anos na escena pero non saíron do círculo “underground”, custa moito traballo conseguir darse a coñecer. Ás veces estamos infinitamente máis enterados do que están a facer uns raparigos na outra punta do mundo coa súa banda que o ben que sona o grupo dos rapaces do barrio, pero isto non é algo exclusivo ó musical.
Novedades Carmiña, con Carlangas, no centro FOTO: GH
Novedades Carmiña, con Carlangas, no centro
FOTO: GH
Como se lles ocorreu esta xenial idea?
Carlangas: Somos nerviosos, e por tanto temos que canalizar os impulsos dalgún xeito. Esta vez ocorréusenos facer un recompilatorio de bandas de rock and roll de Compostela, porque creo que é un proxecto que implica, á parte do propio formato físico, a iluminación dun movemento que realmente existe e que nin nós mesmos, que tocamos en grupos e facemos xornalismo musical, sabiamos que existía. No fondo foi un pequeno labor de investigación no underground. Creo que a partir de agora seremos máis fortes como escena, e espero que sirva para que o público poida coñecer máis bandas, asistir máis a concertos e estar máis atentos ao que ocorre na súa cidade. Todo isto ocorreu dun mes a esta parte. Coordinámolo desde Madrid e Santiago de Compostela. Púxenme en contacto con Adrián, responsable da páxina pistaoculta.com, para expoñerlle a idea e  mans á obra. Primeiro buscamos algo de financiación coa axuda do terceiro coordinador, Julián Sobrino, e botamos contas. Todo o demás foi pedir cancións e propoñerlles a idea ás bandas, avisar a técnicos de son, a deseñadores gráficos para a portada, á propia fábrica de discos. Creamos un bo equipo de traballo, e espero que o produto cumpra as expectativas, aínda que estou seguro. Hai un nivelón  increíble.
Samesugas, con Alberte ‘de perruqueiro’ FOTO: GH
Samesugas, con Alberte ‘de perruqueiro’
FOTO: GH
Adrián: co blog non teño maior obxectivo que falar un rato de música, que é unha das miñas paixóns. Parte do tempo que boto nel aprovéitoo para dar a coñecer grupos locais, porque cando comecei co blog achei que non había un medio que lles dedicase un espazo no que contar as novidades en torno a eles, ou que os dese a coñecer ó mundo. Cando Carlangas me comentou a idea de facer o recompilatorio me pareceu xenial, para deixar constancia de todos o movementos máis ou menos amateur (chamémoslle underground) que hai en torno á música en Compostela, e ademais encaixaba totalmente co labor de difusión da música máis local, á que máis lle custa conseguir un óco nos medios tradicionais. A partir de aí, organizamos a tres bandas os aspectos técnicos, artísticos e económicos do disco, contactando coas posibles bandas para saber se estarían interesadas e obter os fondos para financialo. Gracias ós patrocinadores do disco puidemos facelo sen que sexa un custo para os grupos, e esperamos poder darlle unha boa difusión para que ninguén
quede sen oír o que se está a facer en Santiago.
O nome evoca a aquel dos Pixies ‘Come on Pilgrim’.
Carlangas: Si, é un recompilatorio de música Pop.  Os Pixies seguramente sexa unha das tantas bandas que nos unen como fans. Non é unha guerra fría contra ninguén. Creo que con publicacións como esta demostramos ter forza e calidade suficiente para que nos fagan caso, sen acritude o digo . Aínda que non é para nada iso o que nos preocupa. Cos cartos que custa un pincho calquera no concello, dos que hai a diario, nós montamos un circo e de calidade. Mais sabemos onde estamos, seguimos traballando, e espero que isto sirva para facer forza e chamar a atención. Ás veces si que é verdade que desde algunhas institucións se apuntan logros, pero a cultura non é subvencionable.

Ese é o grande erro, pensan que  cunha rede de locais de ensaio estamos contentos, e creo que iso non é tratarnos como nos merecemos, xa se ve que todo funciona tratando as cousas con cariño e cun pouco de xeito, con iniciativas que realmente chaman a atención e son de interese público. Moitas veces veñen dez grupos punteiros durante o verán a Santiago, que me parece perfecto, e ningún de aquí, cando hai xente de aquí que está metendo 400 persoas na sala Nasa ou actuando con éxito polo resto de España. Eu só espero que non se apunten o tanto de ter recompilada a escena da súa cidade, fóra de subvencións, fóra de amaños que nada teñen que ver coa propia música, e lles sirva para reflexionar, e poder abrir unha porta de traballo e colaboración entre as institucións e os que traballamos día a día con isto. Creo que ninguén o fará mellor que nos mesmos neste ámbito, aínda que deberiamos empezar a funcionar doutro xeito. Non é cuestión de cartos, xa se ve que non os necesitamos para facer algo atractivo.
The Homens, con Roi Fernández, 2º pola esquerda FOTO: GH
The Homens, con Roi Fernández, 2º pola esquerda
FOTO: GH
Adrián: ás veces non serve de nada esperar a que veñan e cho dean todo feito, hai que levantarse e ser ti o que dea o primeiro paso. Se queres que se recoñeza algo que cres que o vale, a mellor maneira de deixalo claro é montándoo ti mesmo.
Este cd é un antídoto contra tanta vulgaridade programativa oficial?
Carlangas: Este cd é bo, a pesar de ser o Caribe Mix Compostelán creo que hai calidade, hai boas cancións, hai actitude… Eu vou ir a todo, sobre todo ás orquestras, que me parecen divertidísimas. Quizais cada persoa programaría dunha forma as festas. É un tema complicado, que non ten nada que ver conmigo, non me interesa.  Quizais me interese máis un grupo que mete nunha sala pequena 50 persoas e levan un mes de xira sen cobrar un peso que Bebe, pero si necesitas que algún grupo underground veña á túa cidade e o mellor que podes facer é organizarlles un concerto. Así con todo na vida. DIY (faino ti mesmo)
Adrián: Penso que este cedé pode servir para calqueia que se queira interesar pola música que se está facendo na súa cidade, que probablemente non coñeza e lle sorprenda a cantidade de grupos que se estaba a perder. Non é un disco definitivo no que estea toda a música compostelá, pero é un bo punto de partida para quen queira descubrir algo máis alá do que xa coñece.
Ten moito que ver niso a Casa Xurásica?
Carlangas: Ten moito que ver, ese si que é un reduto do underground. De ahí saíron as mellores bandas de Compostela ultimamente. Creo que hai catro grupos da casa xurásica no recompilatorio, ou algún máis. É una pena que nos discos non collan máis de 80 minutos, porque hai grupos como Fluzo, Malandrómeda, Kaze Dj, Galegoz, e mil máis que me esquezo que merecen moitísimo a pena. O que pasa é que tivemos que traballar cuns límites estilísticos. De todos xeitos non descartamos tocar a electrónica ou outros estilos en próximos proxectos.
Adrián: o labor que fai a Casa Xurásica de mantemento e difusión da cultura musical do-it-yourself compostelán paréceme digno do maior dos eloxios. Dela saíron multitude de grupos, algúns no disco, coma Samesugas, The Homens, Royalties..., e tantos outros que non encaixaban tan directamente no disco. E coa mesma, os concertos, festivais e demais eventos organizados por eles son do mellor que hai para a difusión da escena compostelá, son un dos seus mellores escaparates.
Fálenme da interacción entre as bandas, da creatividade da xente, dos locais onde tocan, beben, intactúan...
Carlangas: Respecto aos locais, precisamente son os reponsables de que isto saíra adiante. Entre os patrocinadores do disco non se atopa ningunha institución, a colaboración foi de bares, comercios e mesmo Estrella Galicia, que decidiron apoiar unha das súas paixóns, a música, que non sempre é ben tratada institucionalmente.

A creatividade compostelá segundo Alfonso Espiño de Los Chavales  

“Pois así, sen investigar moito, dende os 70 con N.H.U., nos 80 con Nicho Varullo e Dirty Barriguitas, nos 90 con Fame Neghra... Ao principio aparecen poucos grupos, pero xa nos 90 comeza a haber escena de grupos variados estilisticamente, xerme de moitas formacións actuais. Destacaría os Miskatones, nos que comezaron o bluesman Xulián Freire, e Mon Orencio, que non para actualmente, e tamén Xacobe Prieto, actual baixista de Dr. Gringo. Con eles, a Red Blues Band, onde comezaron Coll e Costa, Los Reyes del KO. E tamén, como non, o meu primeiro grupo, Contrastes, aínda bastante undergraun e aínda bastante reivindicables. Pero había moitos máis, Flintstones, Túzaros, Cocodrilo Blues, Torquemada... menudos festivais se montaban nos institutos, e sobre todo na sala NASA, co Rock Parrulo, que marcou a nosa xeración. De todas estas bandas e moitas máis tomou boa conta César Varela no seu fancín Plástico Elástico nº 1 no 2001. Na actualidade dirixe o seu programa Plástico Elástico na radio Kalimera no que fala de todos os grupos en activo e outros que xa non están. Por certo, falando da Nasa, alguén sabe algo dos Moderados? Eran un grupo que me gustaba moito e non se volveu saber deles. Se estades aí, manifestádevos”.

“O cacarexado Xacobeo 2010 pasa de todas estas bandas”                  

Alberte de Samesugas e Lixo Urbano, Roi Fernández de The Homens, Alfonso Espiño de Los Chavales, Carlangas de Novedades Carmiña e Adrián Moreno de Pista Oculta. Cinco cidadáns da urbe apostolar, que abre historicamente poderosas fendas desde o subsolo á impronta eclesiástica e oficial, cohabitan desde o seu nacemento (ou desde a chegada á Universidade, no caso de Fernández) coa cadencia regular de 6-5-6-11 anos da festa loco-internacional xacobea e das súas sucesivas programacións, este ano especialmente atravesadas polas críticas. 
Roi Fernández: Compostela sempre foi un sitio onde abrollou de forma moi potende o underground e Come on Pelegrín é unha mostra, sobre todo tendo en conta que quedaron moitas bandas propias. É unha iniciativa privada onde se representan estes grupos que non están, entre outros, en ningunha das programacións do cacarexado Xacobeo 2010.
Alfonso Espiño: A min dáme a risa, ou eran ganas de chorar? Para comezar, repetir artista paréceme unha oportunidade perdida, un cartucho ao aire. Non sei por que ten que volver Springsteen e moito menos JM Jarre, se co seu caché pódese traer a outros dinosauros que aínda non nos visitaron. Gústannos os dinosauros para os grandes fastos. O que pasa é que este ano van traer o máis aburrido deles, mr Knopfler. A ver se Alice Cooper non está moi vello, porque se o mellor que se pode traer para un Ano Santo é Muse (repe tamén) e Arcade Fire, apaga e marchamos. Estamos acostumados a que nos traian todo de segunda man ou de Todo a Cen, eu xa non me queixo nin suxiro, que para iso teñen a cabeza eses que cobran as comisións, para decidir a quen se trae. Aínda que postos a pedir, de dinosauro pídome a Paul McCartney e dos novos artistas a Alexander Kodchenko. Mención á parte merece o concelleiro de festexos sr Baqueiro, que este ano se loce con Melendi, Bebe e Pereza. Que non se sorprenda ninguén se o vemos no Preguntoiro pedindo una moeda... En Compostela hai calidade suficiente como para que o Xacobeo monte canda menos un día, só un día, un festival que reúna media ducia de grupos locais, e que a xente de fóra teña a oportunidade de escoitalos e opinar e/ou gozar. Só se necesita
vontade para medrar. Queremos medrar.
Carlangas: A min paréceme que o Xacobeo ten cousas positivas, e nos dá posibilidades como espectadores. Creo que o poderían propór doutra forma, iso si, porque hai movementos raros e decisións que ninguén entende e só se poden explicar por intereses económicos. Somos punks, eu si quero facer algo xa o fago ( á vista está), e eles que se enmarronen coa súa dubidosa forma de facer,  mentres eu vou á praia e estou en contacto co que realmente me fai feliz, que son todas estas bandas de rock and roll. Cando se paren a pensar e a reflexionar co corazón poderemos negociar, mentres seguiremos ligándonos ás súas fillas e gozando dos seus barcos ás agachadas. A nivel musical a min dáme bastante igual, é como a Cidade da Cultura. A min que coño me importa o Xacobeo ou o Gaiás, se non me vai abrir ningunha porta? Gozarei de Elvis Costello e intentarei tirarme unha holandesa. Eu agora vivo en Madrid, e estou acostumado a andar por rúas ateigadas de xente, non me sinto mal aquí estes días. Tamén me dá bastante noxo a actitude de criticar todo o que pasa, creo que debemos de ser optimistas e sacarlle o bo ou polo menos o divertido a todo isto. Temos que tirar de actitude
Adrián: penso que, como di Carlangas, o Xacobeo nos ofrece unha moi boa posiblidade como público, traendo artistas que non volverán pasar por Galicia ata dentro de moitos anos (no próximo Xacobeo quizais?). E este afán por facelo todo ó grande é parte do problema: ás veces non é necesario recorrer sempre a traer cousas de fóra, cando na casa tes xente moi boa que está pasando desapercibida e podes darlle unha grande oportunidade. O que realmente espero é que parte do feito este ano no Xacobeo se continue nos próximos anos, porque senón é realmente unha perda de tempo montar festivais multitudinarios de “usar e tirar”, dos que nada quede ata o grande evento de quenda.
Alberte: Realmente nos últimos anos começou haver um interese de certos programadores do Xacobeo em bandas mais underground, em descubrir a qualidade musical que havia em bandas que nom eram tam conhecidas nem tocavam em grandes festivais. Mas neste último ano todo voltou ser como era anos atrás.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova ‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD Comparte en Del.icio.us a nova ‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD Comparte en Menéame a nova ‘Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade