Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Domingo 26.06.2011
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine” Comparte en Del.icio.us a nova Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine” Comparte en Menéame a nova Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine” imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

DIRECTOR DA LONGAMETRAXE ‘SINBAD’ QUE SE ESTREA A FINAL DE ANO

Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine”

19.06.2011 Leva máis de vinte anos traballando na TVG como filólogo e nun intre determinado viu como o audiovisual se estaba construíndo de costas á literatura, que era “un dos espazos máis normalizados cos que contabamos, quizais o único”. Esa idea é a que xera a posibilidade que acabe facendo películas como esta baseada no libro ‘Se Sinbad volvese ás illas’ do máxico Álvaro Cunqueiro

TEXTOS: ROSA RODRÍGUEZ FOTOS: FICCIÓN PRODUCCIONES

Se Álvaro Cunqueiro ollara a longometraxe ‘Sinbad’, guionizada e dirixida por Antón Dobao (Lugo, 1963), quedaría satisfeito. Malia que é inevitable a transformación do texto, o espírito e a fantasía permanecen inalterables. A ficción, que está en fase de montaxe, é a historia dunha viaxe e das relación entre seres humanos e o mundo que os rodea. O amor, a amizade e a imaxinación están presentes neste traballo. Antón Dobao di ser un director tranquilo, algo puntilloso e sobre todo realista: “As condicións son as que son e tes que adaptarte a elas”.  ‘Sibab’ estrearase a finais deste mesmo ano, cando se cumpre o centenario do nacemento de Cunqueiro e os 50 anos da publicación do inesquecible libro. O ‘pai’ da criatura só espera que teña un longo recorrido.

Por que escolle unha novela de Álvaro Cunqueiro para facer unha película?
Eu creo que hai varias razóns, unha delas é porque é un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX e da literatura europea. É un autor moi pouco adaptado, traballouse pouco sobre el. É un autor que formula unha relación moi interesante entre o real e o imaxinario. Difumina a liña que poida separar a realidade e a ficción e a min xogar nese universo confuso sempre me resulta interesente.

Precisamente, adaptar un mundo real e imaxinario ao audiovisual será complicado.
Cunqueiro no ‘Sinbad’ xoga con este personaxe nas ‘Mil e unha noites’ e convérteo nun vello que xa viaxou e que conta as aventuras ós veciños. Eu sempre imaxinei que ese Sinbad era un paisano, próximo, entón cando me dicidín a adaptala tiven claro que había que actualizalo. Iso supón un cambio de prespectiva con ese mundo máis fantástico. Ao mesmo tempo dáche a posibilidade de xogar aínda máis co real, co fantástico, co imaxinario... nese sentido, aínda que pareza paragóxico, xogar a actualizalo e convertelos en personaxes de carne e óso axuda a borrar os límites entre o real e o fantástico.

Que conta a película?
Máis ou menos o que conta o libre pero con algunha que outra trama máis. É a historia dun narrador, de alguén que precisa contar para vivir e que é quen é porque conta. Iso forma parte da súa vida. Hai un proceso que o leva á necesidade de preparar unha viaxe ás illas Cotovías, que un territorio fantástico, e nesa viaxe vanno acompañar outros personaxes máis apegados á realidade e que dalgunha forma van compartindo espazos co universo de Sinbad. É a historia da preparación dunha viaxe, de relaciónshumanas, de personaxes e de relacións entre eses seres humanos e o mundo que o rodea.

Ten unha moralexa, unha mensaxe final?
A min sempre me gusta que o espectador teña a potestade de ler esa proposta á súa maneira. Non son moi amigo de mensaxes pero na película si toma partido a favor da imaxinación, do real que resutan os mundos imaxinarios que é a tese de Cunqueiro en toda a súa literatura. Hai quen fal de Sinbad como unha especie de Quixote. Eu creo que é case o contrario. O Quixote é un personaxe atravesado pola loucura. Sinbad non. É un personaxe que pon a imaxinación fronte a outras cousas. A tese é a contraria. O final non é de derrota malia que, nalgún momento, poida aparecer.

Canto tempo levaba maquinando nesta longometraxe?
Pasou máis dun ano, dende que escribín a primeira versión ata que foi madurando a historia. A novela é un personaxe que narra e podías optar pola opción dese personaxe que narra ou darlle unha volta. Case dous anos de pensar en que personaxes iamos introducir, escribir o guión...

Para canto esta prevista a  estrea de ‘Sinbad’?
Para setembro coincidindo co centenario de Cunqueiro. Agora estamos na montaxe. Espero que sexa unha película que teña certo percorrido polos festivais.

É unha longometraxe que pode entender calquera público?
De entrada non creo que haxa cousas só para galegos ou para xente de ningún sitio do mundo. Unha historia se está ben contada é apta para que a entenda calquera persoa de calquera parte do mundo. E con Sinbad igual. Pódelle resultar próxima a calquera espectador do mundo.

Que importancia tivo o cásting. Sempre viu a Manuel Olveira ‘Pico’ no papel de Sinbad?
Pico xa o interpretara no Centro Dramático Galego e xa coñecía esta parte de Sinbad. A posibilidade de Pico sempre estivo aí e despois de que fixemos un moi pequeno cásting para mirar dúas ou tres cousas xa tivemos absolutamente claro que Pico era Sinbad e que Sinbad é Pico. Calquera espectador que o vexa verá que hai unha identificación bastante evidente entre o personaxe e o actor, que lle dá vida á personaxe perfectamente.

Como foi a rodaxe?
O tempo foi perfecto en maio. Rodamos en Corrubedo, en Palmeira e moi ben. En case todos os sitios nos que vas rodar, a xente ten un comportamente exquisito, sen queixa, todo o contrario. Foron catro semanas, que foi un tempo bastante xusto, pero moi ben. A rodaxe transcorreu tal e como se esperaba, sen sorpresas, nin sobresaltos.

Defínase vostede como director?
Bastante tranquilo. Non me sabería definir. Creo que son puntilloso para algunhas cousas e para outras non. Con respeto aos actores gústame deixalos crear o personaxe. Outra cousa é que o cre dunha forma que non me convence, daquela intentarei que vaia por outro camiño. Como as condicións nas que se roda están impostas, tes que adaptarte a elas e o final inflúen no resultado final da película. Sempre che queda a cousa de que si puidera quedar un pouco mellor.

É perfeccionista, daquela?
Si. Pero tamén son consciente das limitacións que tes. Que son as túas propias, as da produción e as do orzamento da película.

Con que orzamento conta?
Ten un orzamento pequeno, que non chega, creo, ó millón de euros. Son orzamentos que están elaborados a partir das subvencións, de Agadic e da participación da TVG.

Move moita xente?
Si e move diñeiro, dependendo de con que a compares. É diñero, pero creo que os cartos investidos en produtos audiovisuais están ben investidos. Opino que dende o punto de vista cultural é un investimento a futuro importante.

Cre que Cunqueiro estaría contento coa adaptación?
Creo que Cunqueiro sabería entendelo. Cando calquera texto del saía da súa pluma e o pillaba calquera escritor ou lector, xa o estaba transformando. Iso é inevitable, a relación entre o escritor e o lector é sempre esa: o lector transforma o texto. Cando ese texto pasa a outro soporte narrativo, e neste caso o audiovisual, a transformación é moito maior. Sei que Cunqueiro sería consciente diso e comprendería perfectamente que a adaptación vaia por onde vai. Eu confío en que esta historia estea ben contada e a el lle parecera ben. Pero hai que partir de que el sería consciente de que unha adaptación implica unha transformación desa obra. Creo que non lle disgustaría, deixémolo aí. Tampouco son tan fachendoso para dicir que estaría encantado. Si vería o seu Sinbad, aínda que o vira cambiado.

Como chega Antón Dobao a director de cine?
É un pouco casualidade. É a necesidade de contar historias. Son un paracaidista no mundo do audiovisual e como director. Eu veño da literatura. Os mundos que son capaz de crear sempre viñeron a través da literatura. O que pasa é que eu levo vinte e tantos anos traballando na TVG como filólogo e ocorre que nun intre determinado vendo simplemente como estaba nacendo o audiovisual, ocórrreseme facer unha proposta na TVG para traballar sobre ficción a partir de texto da literatura galega. O audiovisual estábase construíndo de costas a esa manifestación cultural e a literatura parecíame que era un dos espazos máis normalizados cos que contabamos, quizais o único. Esa idea é a que xera a posibilidade de que acabe facendo estas cousas. Entón non sei se é por casualidade ou porque de súpeto vin que en realidade me gustaba facelo e era outra forma de contar unha historia, que é o que realmente me interesa, me gusta e creo saber facer.

Soñaba con ser director de cativo ou foi froito da casualidade?
Non sei o que quería ser de pequeno. Imaxino que futbolista, despois de adolescente cantante dun grupo de rock e aínda hoxe me gustaría telo sido. Pero o cine sempre me gustou e me chamou a atención, a posibilidade de contar historias con imaxes. Ten que haber esa chispa para que o final acabes sucumbindo a ela.

Ademais de director é un actista na defensa da lingua galega.
Creo que a lingua é a que nos define como seres humanos. Todo que facemos o facemos coa lingua de por medio. Eu creo que como ser humano teño dereito a vivir a miña vida na lingua na que me comunico cos meus pais e coa toda a xente. Se cando considero que hai dificultades para exercer con outra xente ese dereito, iso chama a rebelarme. Pero a min e a centos de millóns de seres humanos en todo o mundo. Neste senso, para min, a defensa da lingua é absolutamente irrenunciable. O ser humano non se entende sen a capacidade de comunicar na lingua que lle é propia. Esta lingua merece que faga todo o posible para vivir a miña vida completamente con ela. Sen renunciar ao coñecemento e ao uso doutras linguas, pero evidentemente si me gustaría vivir nunha sociedade que respectase o dereito a vivir na miña lingua, e nesta sociedade iso non ocorrre. Así, eu con outras moitas persoas, sinto esa preocupación e na medida das miñas posiblidades achegarei o que poida para que esa situación mellore.

Cre que estamos vivindo uns ‘anos escuros’ en referencia á lingua?
‘Anos escuros’ non porque foi unha época na que a lingua estaba totalmente apartada da vida pública. Non é o caso, estamos falando agora mesmo dunha película que sae en galego. Pero nos últimos anos houbo un discurso contra os avances na normalización da lingua (facer uso da lingua en todos os ámbitos normalmente). Calquera avance na normalización da lingua é atacado. Sen ningunha razón de ser e sen equilibrio. Hai uns días nun artigo de Roberto Blanco Valdés, que é unha das persoas que máis se preocupa por acabar con calquera posibilidade de desenvolvemento normal do galego, cunha especie de autoodio incomprensible, incidía xustamente no contrario. É un discurso perverso, porque ademais é falso. O castelán e o galego non están no mesmo nivel de uso social porque parten de situacións de desigualdade. Non hai máis que mirar a cantidade de medios que hai en galego e en castelán. Para que haxa igualdade hai que promover medidas de apoio, e se cada vez que se fai, intentase que ese apoio se retire e xérase un discurso en contra, estamos sendo inxustos. Estanmos querendo condenar á desaparición e ao gueto a esa lingua. Hai pouco un científico dicía que a lingua é patrimonio de todos, pero que de aí a usala para todo non. Isto é querer facer da lingua un obxecto de museo. É un problema de rexeitamento do que representa esa lingua, que son os falantes. Imaxino que é unha aptitude moi clasista.

Tamén se leva ben coas novas tecnoloxías’.
Si. Creo que hai que aproveitalas. Forman parte da capacidade do ser humano para vivir mellor, para comunicarse mellor, para coñecernos mellor. Non debemos renunciar a elas. Dentro da posibilidade dos que nacemos noutra era, si son interesantes as novas tecnoloxías.

Cales son os seus futuros proxectos?
Agora estou na montaxe da película, que é a última fase de escritura do guión, onde acabas de contar a historia, aínda que si é traballoso. Logo teño un libro de poemas que teño que revisar e levo unha temporada preparando un libro de relatos para dentro duns meses. Imaxino que haberá máis películas de ‘Un mundo de historias’. Pero agora a miña maior preocupación é que ‘Sinbad’ esté rematada, que teña un percorrido e que chegue a distintos espectadores. Rodar unha película é moito esforzo e non debe nacer para quedar morta nun caixón, ou que a emitan un día por televisión. O proxecto inmediato é darlle saída á película.

Como se poden facer tantas cousas á vez?
Publicando son bastante lento, doulles tempo ós textos. O tempo é igual para todos. Visto desde fóra pode parecer que non che chegan as horas do día, pero tamén procuro vivir normalmente e ter vida propia.

Que tempo lle queda para a vida persoal?
Gústame moito viaxar. Aínda que só sexa a Portugal, onde vou moito para tratar de cambiar de aires Para descansar é o que máis me gusta. Pero eu vivo nunha urbanización e na casa tamén estou bastante a gusto.


Activista a prol da lingua galega

Antón Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, amais de filólogo é escritor e guionista e tamén director. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade desenvolve e dirixe o proxecto de ficción audiovisual ‘Un Mundo de Historias’, consistente na produción de longametraxes baseadas en adaptacións de obras do sistema literario galego. Entre elas ‘A biblioteca da iguana (2005), ‘O bosque de Levas (2006), ‘A Mariñeira (2007), ‘O Club da Calceta’ (2008) e ‘Sinbad’

É  un activista da a prol da lingua galega. Así no seu blog ‘República da Multitude’ podemos ler unha carta aberta ao presidente da Xunta de Galicia en defensa do idioma. E é un dos impulsores de ProLingua,
unha “plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia”.

Foi Profesor Asociado da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela. Dispensou a materia Libro de Estilo. É membro do Comité de Redacción da revista de pensamento ‘A Trabe de Ouro’

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine” Comparte en Del.icio.us a nova Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine” Comparte en Menéame a nova Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine” imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade