Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Mércores 27.02.2008
Portada
atrás Comparte en Yahoo a nova Operación Carballo Comparte en Del.icio.us a nova Operación Carballo Comparte en Menéame a nova Operación Carballo imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto

CONTRA OLUIME

Operación Carballo

05.09.2006 Contra o venres catro de agosto fomos testemuñas de cómo comezaban, ó mesmo tempo, varios incendios no Morrazo. Como moitos galegos pensamos que estabamos diante duns sucesos que, por desgraza para nós, forman parte do calendario estival galego

ALBERTO CIFUENTES . CANALCIENCIA.COM

Lamentabelmente, a situación era outra: ao pouco sabiamos que unha praga de fogo arrasaba varias comarcas próximas a Vigo, Compostela, Pontevedra, Vilagarcía ou Soutomaior, nun pesadelo que se estendeu case dúas semanas. Grazas aos traballos de milleiros de galegos, veciños, bombeiros e brigadistas propios e vidos de fóra, policías, militares, Garda Civil... bos e xenerosos todos, gañouse esta dura proba contra o lume.
A esta altura, podemos falar con toda propiedade dunha “vitoria pírrica”: o lume deixounos con catro persoas mortas e, segundo os datos proporcionados pola Consellaría do Medio Rural, máis de setenta e sete mil hectáreas queimadas. Angustia pensar que a superficie queimada equivale ao dous por cento da extensión total do país. 
Sobre as causas que iniciaron cada un dos lumes queda moito por esclarecer: o abano de posibilidades apuntadas é tan amplo como ideas ruíns ou comportamentos descoidados poidamos ter. Que o Goberno empregue todos os medios e recursos posíbeis para previr unha situación semellante é unha esixencia de toda a sociedade galega.
Tamén é unha obriga co país que cada un de nós traballe a prol da recuperación do que o lume e unhas xestións forestais non axeitadas estragaron. Coidamos que calquera iniciativa, por modesta que sexa, que estea encamiñada á mellora e conservación do noso, debería ser posta na práctica axiña.
Contra 1987, polo tanto hai dezanove anos, comezamos un labor de cultivo de plantóns de carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea sativa). A idea xurdiu dunha petición de sementes de boa calidade, plantóns de carballos e doutras árbores, feita por grupos de conservación da natureza. Así, contra 1988, as nosas primeiras arboriñas viaxaron cara a Asturias e León. Uns meses antes tamén marcharon unhas cantas landras escollidas. Aquí quedaron unha ducia de plantóns, aos que seguimos coidando na casa durante un ano máis e que logo plantamos nunha bouza propiedade dun amigo. Nos anos seguintes continuamos coa tarefa e hoxe hai centos de carballos da casa medrando no Morrazo, no Val Miñor, preto da cidade universitaria viguesa, en fincas de Ourense, nos arredores de Vigo ou de Pontevedra. Grazas á nosa actividade profesional tivemos a oportunidade de facer este traballo con grupos de rapaces e rapazas, os nosos alumnos; algúns deles continúan con el nas súas casas.
Cando comezamos partimos dunhas recomendacións que, despois, fomos adaptando ás nosas necesidades e á nosa situación. Outros consellos semellantes poden atoparse en libros de xardinería e silvicultura ou na internet. Velaí van os nosos resumidos nun decálogo.
1. Recollida das landras: farémolo en setembro e outubro. Procuraremos que non teñan puntos nin marcas de actividade de insectos. Gardarémolas nun lugar seco e onde non lles dea directamente o sol (se lles dá moito estráganse en catro ou cinco días). Asemade, recolleremos follas caídas de carballo e conservarémolas na neveira.
2. Durante setembro e outubro recolleremos envases tetrabrick e mais botellas de plástico PET de litro e medio. As botellas cómpre cortalas para aproveitar os dous terzos contados desde a base. Aos tetrabrick hai que cortarlles a tapa. Cunha navalla furaremos o centro da base dos envases. Dos dous tipos de envases, o mellor é o tetrabrick. As botellas son axeitadas para ver como progresa a xerminación e como van crecendo as raíces.
3. Encher os envases con terra rica en humus. Se é posíbel poñer no fondo do envase unha capa de area de río limpa.
4. Durante outubro e novembro, ou asemade coa recolleita, seleccionaremos as mellores landras. Para iso, meterémolas nun caldeiro con auga e deixarémolas de cinco a dez minutos. Aproveitaremos as que axiña vaian ao fondo e teñan boa pinta: son as mellores. Rexeitaremos as que aboien (teñen aire dentro e, polo tanto, algún burato na casca feito por insectos, pola caída da árbore, polo sol...).
5. Plantaremos as landras en outubro e novembro. Non debemos agardar moito desde a recollida pois perden a capacidade de xerminación nunhas semanas. Poñeremos as landras, dúas ou tres por envase, a uns oito ou dez centímetros da superficie, máis ou menos a unha profundidade que sexa de dúas a tres veces o diámetro da landra. Protexeremos a superficie da terra cunhas cantas follas das recollidas asemade coas landras e que temos gardadas no frigorífico.
6. Cómpre deixar os envases coas sementes no exterior: é necesario o frío do inverno para unha boa xerminación e crecemento. Así a todo, evitaremos que a terra estea enchoupada.
7. En abril ou maio, cando saian os plantóns podemos levalos ao lugar escollido para plantalos. Agardaremos a que teñan quince centímetros ou máis de lonxitude e varias follas ben desenvolvidas.
8. Para plantalos faremos un burato no chan dun tamaño un pouco máis longo e largo có recipiente. Con coidado, cortaremos as paredes do envase e sacaremos o plantón coa terra; cómpre ter coidado coa raíz principal: é moi longa e estará enrolada. Lembremos que para plantar as nosas árbores é necesario pedirlles permiso aos donos do terreo (xuntas de montes, propietarios particulares...).
9. Ás veces é necesario protexer as árbores acabadas de plantar cunha malla para coellos.
10. Mirar para as árbores, coidalas e gozar da súa presenza.

 
atrás Comparte en Yahoo a nova Operación Carballo Comparte en Del.icio.us a nova Operación Carballo Comparte en Menéame a nova Operación Carballo imprimir recomendar Aumentar texto Diminuír texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade