Sábado 20.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Sociedade | ![]() |
| María Dolores Rodríguez Amoroso, presidenta do CXG, onte |
"O Nadal galego, o noso de sempre, tradicional e auténtico, é máis ecolóxico e menos consumista". Pero estase perdendo coa chegada das novas xeracións. Por iso, "conscientes dos cambios que está a padecer a nosa sociedade", o Consello da Xuventude de Galicia (CXG) acaba de editar a guía "O noso Nadal, Galego e verde", con alternativas e ideas para celebrar estas festas recuperando tradicións propias, respectando o medio e sendo orixinais.
Recomenda "coidar a decoración das casas" e "evitar o abuso da iluminación para aforrar enerxía". Así mesmo, propón "receitas ecolóxicas e relatos tradicionais" para "coidar os recursos alimentaros e recuperar certos aspectos da gastronomía e a cultura nacional".
Así o explicou onte en Santiago de Compostela a presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso, no transcurso da presentación da publicación, da que indicou que "ofrece información para vivir un Nadal integramente en galego" e con tradicións "que se están a perder ou son descoñecidas para a poboación xuvenil".
Neste punto, destacou a importancia de recuperar receitas típicas galegas ou as panxoliñas de Nadal que os nosos avós e avoas recitaban de nenos. Así mesmo, a guía proporciona suxestións para agasallar literatura, música ou novas tecnoloxías en galego. Doutra banda, polo que respecta ao factor verde da publicación, "facilítanse consellos para que a celebración destas festas sexa máis ecolóxica e respectuosa co medio, cos animais e coas plantas, para que a pegada ecolóxica sexa menor". Estas propostas refírense á decoración das casas, á iluminación e acondicionamento, ácompra dos alimentos, ós agasallos e, finalmente, ós refugallos. Nesta liña, "ofrécense receitas verdes e ideas sobre agasallos alternativos, ecolóxicos e solidarios", apuntou. Únense así as dúas claves da proposta: a conciencia ecolóxica e o carácter de país.
A colaboración de GH, un xornal "galego e verde"
Durante o acto de onte, celebrado no Club Internacional de Prensa (CIP) de Santiago, Rodríguez Amoroso quixo destacar especialmente a "sensibilidade" do Galicia Hoxe, un xornal "galego e verde" á hora de apoiar a iniciativa. Precisamente, os lectores do GH recibirán unha copia gratuíta da guía mañá, domingo, coa compra do xornal.
Así mesmo, quixo agradecer o traballo dos quen se encargaron da súa elaboración: o Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Medio Ambiente do CXG e o apoio de entidades colaboradoras como a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da consellería de Medio Ambiente.
Doutra banda, Rodríguez Amoroso destacou o valor dos deseños da guía, todos eles asinados polo ilustrador Juan Jesús Sánchez.
Dispoñible na web desde o luns
Ademais do repartimento de exemplares en papel, o Consello da Xuventude persegue o obxectivo da súa difusión a través da rede. Desta forma, a partir deste mesmo luns os contidos da guía estarán dispoñibles na páxina web do Consello www.cxg.org, xunto coa opción de descarga de postais animadas desta campaña.
Contos autóctonos
O Consello agradeceu a desinteresada contribución nos contos de nadal por parte de Anxos Sumai, Francisco Castro, Santiago Jaureguízar, Tamara Canosa, Victoria Rozados, Fina Casalderrey e Miguel Vila. Así mesmo, a iniciativa do CXG conta coa colaboración da libraría Couceiro de Santiago de Compostela.
Os cantares: "O Braisiño"
Coma Jesusiño/que está no portal/inda non vin outro que /lle fose igual.
E durmindo estaba/cando veu meu pai,/e colleume a orella/levántate Brais.
A Belén correndo/todo o mundo vai/díxome anda pronto/mira a ver que hai (...)
M. Dolores R. Amoroso
"A guía ofrece información para vivir un Nadal integramente en galego e con tradicións que se están perdendo ou son descoñecidas para a nosa xuventude"
"Facilítanse consellos para que a celebración destas festas sexa máis ecolóxica e respectuosa co medio, cos animais e coas plantas, para que a pegada ecolóxica sexa menor"