Mércores 05.07.2006
Hemeroteca web
|
RSS
Portada | A voz de alarma xa está lanzada. As costas galegas van soportar na próxima década unha "explosión" de novas vivendas, se se cumpren as previsións dos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipais -PXOM- dos concellos que ocupan os 1.700 quilómetros da costa galega. En termos xerais e para facernos unha idea rápida, a construcción crecerá no litoral, en polo menos, un 75 por cento.
Estes plans municipais son posibles grazas á Lei do solo do 2002, permisiva coa edificabilidade e prevén, todos xuntos, 600.000 vivendas en todo o literal galego na próxima década.
Aínda que a Xunta de Galicia bipartita está a traballar na próxima aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio, un plan integrado de protección do litoral e unha axencia de protección da legalidade urbanística, as voces críticas dos ecoloxistas apuntan a que, cando estas novas normativas estean aprobadas, podería ser xa tarde. As previsións apuntan a que esas directrices non chegarían en menos de dous anos. E todo o mundo sabe que en dous anos unha construtora pode poñer moitos edificios en pé.
Onte, Greenpeace presentou o seu informe anual sobre o estado da costa de toda España e constatou a problemática xurdida en Galicia nos últimos anos. De feito, desde a ONG ecoloxista, revelan a presenza na comunidade de promotores ligados con anterioridade á construción no Mediterráneo. No seu informe sobre o litoral galego, María José Caballero, sinala que "Metrovacesa traballa na costa de Vigo, a construtora do ex futbolista Valery Karpin na Guarda, Lábaro Grupo Inmobiliario na Costa da Morte, a compañía de Florentino Pérez ACS na Mariña lucense, e tamén Fadesa, Urbis, Vallermoso... As maiores inmobilias do Estado reunidas no litoral galego". As razóns para esta chegada de capital construtor foráneo están claras: a beleza das paisaxes galegas e o baixo prezo dos terreos con respecto a outros lugares de España.
Desde a Federación de promotores de edificación e Suelo de Galicia, o seu secretario xeral, Juan José Yáñez confirma este extremo como algo normal dada a liberdade de mercado e a globalización que tamén leva a empresas galegas a construír en toda España ou no estranxeiro. "Sería inconstitucional impedírlle a ninguén que traballe aquí", sentencia.
Greenpeace considera fundadas as súas sospeitas porque xa a día de hoxe acaba de marcar 45 puntos negros das costas galegas. Como lugares problemáticos, a ONG considera tanto aqueles que están soportando unha excesiva urbanización como os lugares que presentan problemas ambientais ante a falta de depuración dos residuos e os concellos nos que se está estragando o litoral construíndo portos deportivos. Cun crecemento perigoso atopamos lugares como Viveiro -onde a Xunta suspendeu os plans urbanísticos municipais-, Ortigueira ou a Illa de Arousa, entre outros moitos.
Sobre a insuficiente depuración das augas, aparecen puntos como Baiona, Vilagarcía ou Covas en Ferrol, situación gravísima tendo en conta que hai uns meses, a Unión Europea multou a Galicia pola contaminación na Ría de Vigo.
Ademais de portos deportivos que poden deformar para sempre as praias das nosas costas, Greenpeace non esquece unha das últimas polémi cas: a situación de piscifactorías. Suspendida a de Touriñán e en estudo a de Corrubedo, especialmente grave é o caso da instalación do Rinlo, que ameaza unha das grandes xoias do paisaxe galego, a praia das Catedrais.
Mensaxe: "A comunidade está a tempo de salvar o litoral"
A responsable da campaña de Grenpeace "A toda Costa" en Galicia e autora do "Informe sobre a situación do litoral", María José Caballero, lanza unha mensaxe de esperanza. Coas conseguintes regulacións e medidas por parte de todas as administracións, "Galicia está a tempo de preservar un dos litorais máis espectaculares de toda a península". A chave estará en frear este proceso, "bastante novo" na nosa terra, segundo Greenpeace. Aínda que a organización verde percibiu hai dous anos que os construtores normalmente establecidos na costa mediterránea descubriron que en Galicia había un marabilloso litoral, cun prezo do solo moito máis barato, "este ano foi o asalto".
Aínda que os plans urbanísticos de todos os concellos da costa galega poden sumar ata 600.000 vivendas en proxecto para os próximos 10 anos, Greenpeace asegura que polo de agora hai 283.000 vivendas en proxecto. Por esta razón, pídelle a Xunta que decrete unha moratoria ata que se poidan aprobar as novas directrices de Ordenación de Territorio, que deberán tardar entre 1 e 2 anos.
65.000 novas casas en Ortigueira ou 22.000 en Meaño, as cifras más escandalosas
Greenpeace concentra a atención, no seu informe específico sobre a costa galega, nalgúns concellos onde as cifras son realmente espectaculares. Estas cifras están tomadas dos diferentes plans xerais de ordenación municipal dos concellos galegos que ocupan os 1.700 quilómetros de costa galega.
Máis de un e de dous concellos prevén crecementos de máis do 100 por cento, pero hai ata nove no que o aumento supera o 200 por cento: Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Mugardos, Sada, Pontedeume, Meaño e Ortigueira. No caso do concello pontevedrés de Meaño, os plans municipais contemplan pasar das 2.000 vivendas existentes na actualidade a 21.818 casas novas. No de Ortigueira, aínda sorprende máis, porque, con 5.300 habitantes proponse a construción de 65.000 casas na próxima década, o que supón un aumento da edificabilidade neste consistorio coruñés dun 1.230 por cento.
Pero en cifras absolutas, a maior suba é a de Vigo, que prevé un crecemento de 144.000 vivendas de nova construción nas próximas dúas décadas, plan que suporía dobrar o parque de vivendas actual.
En Laxe, Greenpeace cita un proxecto de Fadesa para construír 190 vivendas en primeira liña de praia, e un campo de fútbol. Algúns concellos, especialmente na Costa da Morte están a chamar poderosamente a atención dos promotores, así, en Fisterra 13 construtoras traballan en 600 apartamentos e vivendas unifamiliares fronte á praia de Langosteira.
Sanxenxo, "resort" turístico por excelencia, acaba de aprobar a construción de 1.200 vivendas mentres o novo PXOM prevé outras 7.000 máis (un 82 por cento das actuais). Tamén polas Rías Baixas hai en Pontevedra dous puntos "quentes", os terreos de Tafisa, onde os promotores xa teñen prevista unha operación que dará como resultado 700 vivendas nun dos enclaves privilexiados da cidade e un futuro caso: o dos terreos de ENCE en Lourizán. Aínda que non está confirmado o seu traslado, a empresa xa deixou caer que os terreos poderían entrar no mercado inmobiliario. Para isto hai que recualificalos, xa que por agora son de dominio público marítimo-terrestre.