Domingo 30.07.2006
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | O son das gaitas e da pandeireta, así como a vestimenta tradicional son uns dos trazos que mellor definen Galicia e nestes días en cidades como Santiago de Compostela puidemos ver moito diso, concretamente o día do Traxe Galego, no que a xente lucía as súas pezas máis tradicionais.
A loita contra a desaparición da vestimenta tradicional é un dos motivos da existencia da Asociación do Traxe Galego de Santiago de Compostela, que naceu en 1994 e que organiza este día, ideado hai vinte e oito anos polo artesán José Luis Míguez Abucide. "Era un entusiasta que se interesou moito polo traxe, concienciou un grupo determinado de xente de Santiago para saír con el á rúa", declara Pilar Domínguez Noya, presidenta da Asociación do Traxe Galego.
Na actualidade, moitas agrupacións velan para manter esta parte da nosa cultura, fan recollidas por diferentes partes de Galicia e van aprendendo cada un dos elementos característicos da zona. Segundo Francisco Collantes, ex presidente da asociación do Traxe Galego e actual membro, "a cada paso vense máis traxes que antes non se vían porque como eran vellos non se sacaban das casas, agora fixéronse varias copias dos antigos e hai maior calidade na vestimenta". Isto indica que aínda hai xente que se preocupa por conservar a tradición, algúns grupos folclóricos incluso se basean en estudos realizados sobre a vestimenta popular para reproducir o mellor posible as súas prendas.
Vestir é ser, a nosa identidade
Resulta curioso ver nenos e adultos de hoxe ataviados como as xentes de antes, para moitos quizais sexa só unha diversión ou unha cuestión de estética, pero outros considérano moito máis que iso, un símbolo da nosa identidade. O cariño que se lle teña á tradición é clave na recreación desta parte da cultura popular, pois "hai xente que cando vai facer un traxe quere que sexa vistoso e non un traxe realmente tradicional", afirma Emilia, dependenta da tenda A Mouga.
As primeiras mostras gráficas de roupa tradicional remóntanse ao século XVIII, pero esta ten unha gran repercusión no XIX; de feito, o verdadeiro traxe tradicional, sen estar influenciado por modas de fóra, pertence a unha época moi concreta. Os labores típicos de cada zona e as condicións económicas determinaban as diferenzas na forma de vestir. "É difícil falar das diferenzas que poida haber, pero por exemplo, os tecidos do interior non son iguais aos da costa", afirma Francisco. Malia isto, hai unha tendencia xeralizada a clasificar a vestimenta por zonas para falar de modelos concretos, pero Emilia explica que o feito de atopar un traxe determinado nun lugar, non indica que alí fosen todos iguais.
O liño, a la, o coiro ou a seda son os materiais máis empregados para realizar infinidade de complementos coas súas particularidades tanto no home como na muller. Nos traxes de gala abundan as pasamanerías, os bordados e as pezas máis características en mulleres son o dengue, a cofia, as mantelas e as mantillas, entre outras cousas. En canto ao home, o pantalón chega ata os xeonllos e os chalecos de gala poden ser de veludo, ou pano bordado, pero o que achega elegancia é a botonadura e tamén a monteira (sombreiro) "a prenda que máis garbo lle daba", di Francisco Collantes.
Na vestimenta decotío das mulleres, algunhas das pezas son a saia, o mandil, a camisa longa e o corpiño de cordón cruzado. Así e todo, isto non é case nada, posto que para comprender realmente o que é un traxe tradicional "de verdade" hai que velo, vestilo e saber levalo tendo en conta a tradición.
As de Muros, as máis fermosas
O traxe de muradá é un dos máis valorados na actualidade e no pasado, xa o expresaban moi ben uns versos de Rosalía de Castro, "As de Muros tan finiñas.../refaixo e mantelo negro/ zapato e media de seda/negra chaqueta de raso...". As citas da época sobre a roupa das mulleres desta vila son numerosas, ata tal punto que ás veces ao mantelo, chámaselle muradana en calquera rexión galega. Aquí é onde máis tempo se conservou o traxe rexional.