Domingo 15.10.2006
Hemeroteca web
|
RSS
Opinión |
Disque o Ministerio do Interior decidiu aprazar o Cumio Europeo da Vivenda previsto para os días 16 e 17 en Barcelona por motivos de seguridade. Da versión oficial adiviñamos que hai medo a que mobilizacións como a que o Forat de la Vergonya convocou a semana pasada no barrio da Ribeira se "vaian das mans". A liorta entre manifestantes -okupas barulláns!- e policía foi boa.
Outros falan da inoportunidade de celebrar a xuntanza coa capital ateigada de marchas, argalladas pola Asemblea Popular por unha Vivenda Digna, xusto cando comeza a campaña para a procura dunha cadeira de poder na Generalitat. Sexa como for, o do cumio ese semellaba máis ca nada unha provocación á intelixencia cidadá en forma de lupanda turística de ministros, pois todos sabemos que no eido do acceso á vivenda -e do urbanismo en xeral- os políticos non teñen propostas para atallar o problema. Nin as pensan.
No sector da construción, que tamén é o da corrupción urbanística, o do branquexar de cartos -B- ante notario, o da especulación, o da recualificación, o da destrución ambiental, o do feísmo e o que afoga as economías familiares da cidadanía enteira, hai demasiados políticos con intereses directos, e xa que logo moitas decisións necesarias que nunca se tomarán. Políticos, pero non parvos. Quen traballa arreo para dar conta da hipoteca non ten tempo para protestar. Sobre todo agora, cando os xuros soben e subirán até nos esganar, pero deixándonos un buraquiño de nada polo que respirar para que sigamos pagando. Nós ou os nosos fillos, que xa se fala de hipotecas interxeracionais.
Salvando as diferenzas, o papel da construción -cos seus cómplices bancarios- no Estado español, e especialmente no país galego, é comparábel co das petroleiras en Bolivia, as mineiras no Ecuador ou as biotecnolóxicas en México e Brasil. Teñen o país nas súas mans, no noso caso espido de sectores produtivos e condenado a ser esnaquizado con formigón e segundas vivendas como única saída para a eterna doenza desas arcas públicas nas que tantos meten man.
E todo isto con millóns de vivendas baldeiras, intocábeis por mor da sacrosanta propiedade privada das nosas corruptas e insolidarias sociedades. E falan dos okupas, se cadra os primeiros que se decataron da inxustiza. Non serán os bancos, os construtores e os políticos do cemento os okupas? Os okupas das nosas vidas.