Mércores 17.10.2007      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 2 de 11]noticia anterior de Galicia Galicia  |  RSS - Galicia RSS

MEDIO

A Limia mobilízase

Máis de cincocentos manifestantes, na súa maioría agricultores da comarca ourensá, concéntranse fronte ó Parlamento contra a designación da ZEPA, zona de protección para aves

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

Un agricultor da comarca da Limia na manifestación de onte en Compostela contra a declaración de 10.000 hectáreas deste espazo como ZEPA FOTO: R.Escuredo
Un agricultor da comarca da Limia na manifestación de onte en Compostela contra a declaración de 10.000 hectáreas deste espazo como ZEPA
FOTO: R.Escuredo

Máis de cincocentas persoas, na súa maioría agricultores de Limia, protestaron onte fronte ó Parlamento galego polo proxecto do Goberno da Xunta para a declaración de 10.000 hectáreas da comarca como ZEPA (Zona de Especial Protección para as aves). Os dirixentes da plataforma "ZEPA Non" fixeron coincidir esta concentración coa moción que presentou o Partido Popular no pleno contra a cualificación deste espazo como protexida para as aves, que acabou rexeitada polos votos do bipartito.

Baixo o lema "Non á ZEPA, si ao Medio Ambiente", acusaron o actual Goberno da Xunta de querer "repoboar a comarca con paxaros, botando fóra dela as persoas". A declaración de Zonas Especiais de Protección para as Aves establécese de acordo cunha directiva da Unión Europea europea co fin de preservar o hábitat ou zonas de naturais de singular relevancia para a conservación da avifauna ameazada pola extinción.

No caso da Limia en concreto, e segundo explicou o vicecoordinador da asociación ecoloxista Verdegaia, Diego Rodríguez Vieitez, "a ZEPA nace por mor dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Comunidade Europea pola que se obriga o Estado Español e a Xunta a protexer as aves vencelladas ás actividades agrarias". De tal xeito, establécese un importante vínculo entre o agro e as aves polo que sería contraproducente erradicar a actividade agraria da comarca.

Aínda así, algúns agricultores do Limia, ven con receo que 10.000 hectáreas do seu terreo sexan declaradas como ZEPA por medo a que se limiten as actividades agrarias e gandeiras a pesar de que, polo de agora, non hai un regulamento redactado que estableza as normas que deberán acatar.

De todos os xeitos, o presidente da plataforma ZEPA Non, Francisco Bello, vaticina que, de aprobarse esta protección impediríaselles empregar fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios. Ademais, no poderán transitar con maquinaria polas pistas no tempo da nidificación das aves nin construir ou ampliar as naves. Porén, Medio Ambiente destacou que a da Limia e non será considerada un espazo natural protexido, xa que a Unión Europea non obriga a iso, polo que continuará coa cualificación de solo rústico de protección agropecuaria.

Aínda así, o portavoz da Plataforma ZEPA non destacou en declaracións aos medios de comunicación que o colectivo non se opón a este tipo de protección, senón a que se sitúe na Limia, tras o cal apuntou que "hai sitios e sitios en Galicia onde poñer a ZEPA sen que sexa A Limia, en sitios onde non prexudique as 22.000 persoas que viven na Limia". Na concreción atopábanse varios responsables do sindicato Xóvenes Agricultores; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra; e alcaldes do PP da comarca da Limia, como o rexedor de Xinzo, Isaac Vila. Os deputados populares Diego Calvo, Ignacio López-Chaves e Jaime Castiñeira saíron ao exterior do Parlamento para saudar os manifestantes.

A Xunta comprométese a garantir os usos agrarios neste espazo

Unións Agrarias asegurou onte que a Consellería de Medio Ambiente comprometeuse a non declarar unha Zona de Especial de Protección de Aves (ZEPA) na Limia mentres non se garanta a continuidade da actividade e dos usos agrarios sobre o territorio, un suposto que confirmou o departamento autonómico.

Tras a reunión mantida onte entre o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e responsables de Unións Agrarias, o sindicato subliñou que advertiron á consellería da necesidade de revisar "ambigüidades e erros de distintas normativas e de ordenación do territorio" para que a ZEPA permita compatibilizar a protección do ambiente cos usos agrícolas.

Así, pedíronlle a Manuel Vázquez que a ZEPA non implique limitacións para a expansión de regadíos ou para a construción de granxas e aseguraron que lograron o seu compromiso para "agardar o tempo necesario" para que antes da creación da zona de protección quede garantido o encaixe legal da continuidade das actividades tradicionais.

Fontes da consellería explicaron que este compromiso non supón ningún atraso porque xa foi avanzado hai dúas semanas polo propio titular de Medio Ambiente, quen garantiu nunha interpelación parlamentaria que a declaración da ZEPA non levará restricións ós usos agrícolas.

Medio Ambiente destacou que a da Limia será a primeira das ZEPA de Galicia (actualmente hai outras 14) que continuará coa cualificación de solo rústico de protección agropecuaria.

REACCIÓNS

Recibirán novas axudas europeas

Diversas asociacións ecoloxistas explican que a modificación da Política agraria Común (PAC) vai provocar a desaparición das axudas das que se estaba a beneficiar o agro, derivando cara aquelas actividades agrícolas beneficiosas para o medio natural, a calidade e a seguridade alimentaria.

Os ecoloxistas apoian o proxecto

A Federación Ecoloxista Galega apoia a Zepa da Limia xa que entende que vai ser beneficioso para o ambiente e para os agricultores. Aínda así, Verdegaia cre que a ZEPA debería abranguer máis superficie e ser continuada en lugar de contar con tres espazos illados.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS