Mércores 26.03.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| O antigo alcalde de Carbia, Benjamín Salgado Uribe |
A asociación para a recuperación da memoria histórica A Oliveira de Teo homenaxeará este sábado, a figura de Benjamín Salgado Uriarte, que foi alcalde do concello de Carbia, actual Vila de Cruces, no 1936. A xornada celebrarase no local da Asociación de Veciños de Recesende, ás 20.30 horas, en Teo.
Nado no 1899 en Vilar, parroquia de Cacheiras, Benjamín Salgado foi o quinto fillo da mestra Marcelina Uribe e do médico Fernando Salgado. Viuse obrigado a emigrar a Cuba onde traballou na Habana e percorreu América, dende Estados Unidos até Bos Aires, traballando de xornalista.
Regresou a Galicia e abriu en Arzúa, en sociedade coa súa familia, un coñecido almacén de tecidos e gañou o aprecio dos seus veciños. Tras a morte do seu pai, instalouse cun irmán, en Vila de Cruces, onde abriron un ultamarinos. Participou no tecido asociativo da II República e como consecuencia do triunfo da Fronte Popular, foi elixido alcalde.
Porén, coa rebelión militar do 18 de xullo, trasládase a Pontevedra, xunto con cargos sindicais e políticos do Deza, para recibir ordes do Gobernador provincial.
Teme pola súa vida e decide agocharse en Compostela e logo en Arzúa. No seu refuxio enferma da tuberculose que lle causará a morte no ano 1950, apenas catro anos despois de ser indultado do delito de "rebelión militar" que non cometera.
Na xornada que a Oliveira lle dedica a este home natural de Cacheiras, presentarase un novo número da Voandeira da Oliveira.
Ramón Arufe e Manuel Igrexas
No acto do sábado, falarán Ramón Arufe, que estudou a figura de Benjamín Salgado Uribe, e Manuel Igrexas, profesor e historiador, que investigou a fondo a época republicana e a represión posterior ao ano 1936 na comarca do Deza.