Sábado 09.08.2008      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 1 de 6]noticia anterior de Galicia Galicia  |  RSS - Galicia RSS

Protexer Corrubedo

Piden que Laxe brava sexa espacio natural de interese local

O BNG de Ribeira promove a declaración da Laxe Brava como Espazo Natural de Interese Local, coa intención de salvar a zona da construción da futura macropiscifactoría

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO

Zona da Laxe Brava, unha das últimas áreas virxes do litoral de Ribeira, co faro de Corrubedo ao fondo
Zona da Laxe Brava, unha das últimas áreas virxes do litoral de Ribeira, co faro de Corrubedo ao fondo

Corrubedo apura os seus últimos recursos para lograr a súa salvación ante a inminente aprobación do Plan Acuícola, prevista para a última semana de agosto. O novo intento para que a última franxa litoral virxe se libre de 308.000 metros cadrados de gaiolas e cemento vén da man do BNG de Ribeira, que promoverá no primeiro pleno municipal de setembro a declaración da Laxe Brava como Espazo Natural de Interese Local. Esta figura, recollida na Lei Galega de Conservación da Natureza, evitaría o desenvolvemento urbanístico nunha zona con hábitats prioritarios e integrante na súa maior parte da Rede Natura 2000 de espazos protexidos, ademais da obriga de revisar os plans territoriais e sectoriais incompatibles, como o Plan Acuícola.

A moción promovida polo BNG pretende protexer a franxa costeira que vai dende o faro de Corrubedo ata a Punta Espiñeirido, incluíndo o promotorio de Laxe Brava e a súa contorna. Unha iniciativa que tanto dende o BNG local, como dende Adega e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, esperan que chegue a bo porto. "Creo que o concello, tendo nas súas mans a capacidade de protexer unha área dun alto interese paisaxístico, natural e ambiental, incorrería nunha contradición se se negase a aprobar esta moción", asegura o concelleiro nacionalista e promotor da iniciativa, Xosé Luís Groveiro.

 

O Concello, contrario á instalación da granxa

Tal e como recorda este edil, o Concello de Ribeira, así como os diferentes grupos por separado, presentaron alegacións ó Plan Acuícola ó considerar nocivo para a contorna a instalación das piscifactorías previstas por Pesca. Unha postura á que hai que engadir a forte oposición da poboación local, que xa demostrou o interese que ten por conservar esta zona dunha riqueza similar á da súa contorna, protexida baixo a figura dun Parque Natural e dun Lugar de Interese Comunitario (LIC) Así o cren tamén dende Adega e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, que ven nesta iniciativa a posibilidade de crear un espazo protexido a engadir aos que xa están nos seus lindes, no que a poboación, ademais de contribuir á súa protección, poida levar a cabo actividades sustentables que sirvan de recurso económico. Por isto, dende o BNG confían en que a iniciativa vaia adiante xa que esta declaración só implicaría a confección dun plan de ordeamento e financiamento por parte do Concello. Ademais, a pesar de que a xestión depende do consistorio, os espazos protexidos baixo esta figura son prioritarios á hora de recibir fondos autonómicos.

Dende o BNG de Ribeira e os colectivos cidadáns e ecoloxistas recordan que, aínda que o Plan Acuícola fose aprobado en agosto e o concello promovese a protección da Laxe Brava en setembro, a Administración estaría obrigada a revisar as actuacións industriais e urbanísticas sobre a zona, pola prevalecencia da figura protectora. Por iso, estes colectivos iniciarán unha recollida de sinaturas entre a poboación local para amosar o seu apoio á unha das últimas iniciativas que poden facer que Corrubedo siga sendo un paraíso natural.

OS PROTAGONISTAS

"Medio Ambiente non se pode negar"

Xosé Luís Groveiro recorda que, unha vez que o Concello lle dea o seu visto e prace á iniciativa para a Laxe Brava, viría a quenda de Política Territorial e Medio Ambiente. Un trámite que, para o edil nacionalista, non debería supor ningún problema: "Cun acordo unánime do Concello de Ribeira, Medio Ambiente non se pode negar", asegura. En canto á postura dos demais grupos, Groveiro confía nun acordo, ante o rexeitamento que os tres grupos municipais xa amosaron a que as piscifactorías ocupen o litoral ribeirense.

"Agora é precisa a vontade política"

"O Concello de Ribeira pode escudarse na Lei galega de conservación da natureza para afastar os seus bens máis prezados das poutas das transnacionais do peixe plano e a especulación". O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, ve nesta iniciativa local a mellor oportunidade para erradicar definitivamente de Corrubedo a pantasma do urbanismo desmedido. Por iso, dende Adega cren que é precisa a vontade política para deter un proxecto "impulsado pola consellería de Pesca coa complicidade indignante coa de Medio Ambiente"

"O Concello debe comprometerse"

"Se o concello de Ribeira se empeña, Corrubedo quedará protexido como Espazo Natural de Interese Local". Esta é a opinión do voceiro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Manoel Santos, quen ve nesta figura unha "fórmula legal, lexítima e conservacionista do espazo que a Xunta excluíu da Rede Natura". Para Santos, esta figura de xestión municipal evidencia que o concello ten mecanismos para parar este plan sectorial que ameaza con arrasar a zona, de aí a necesidade do compromiso municipal.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS