Sábado 30.08.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O poemario de Samuel L.París está en www.aregueifa.net |
Escribir como se vomita, sen respecto ningún máis que pola realidade, crúa e a padexadas. É o que contén este Manual da Destrución, primeira obra editada de Samuel L. París (de Muros e do ano de 1984), unha voz elegantemente "maleducada" que pode traer un pouco de aire sucio, como é a vida, á literatura do país.
Recollendo poemas de distintas momentos creativos, París compón un mapa social dende a vida propia. Un mapa político, xa que logo, porque o persoal é político, nunha linguaxe moi lonxe do requintamento.
A este respecto, afirma que a fuxida de formalismos foi voluntaria: "o libro sae en parte de ver xente da miña xeración facendo cousas que non están na literatura actual, é literatura doutro tempo, case facer historia da literatura". E bate de novo contra o elitismo na poética: "Non entendo á xente tentando chegar a algún lado comparando a súa vida aínda coa mitoloxía grega. Eses non son os meus referentes nin os da xente á que quero chegar". Os referentes aquí son máis próximos, palpabeis e vividos: a viaxe no Castromil, os poppies, o Luar de Xosé Ramón Gayoso ou os porros nas festas no verán. "No poemario está zuatrapeite/ entredentro de min, e aí está Kortatu, tamén". Zu atrapatu arte é o título dun dos himnos máis berrados dese grupo de Rock Radical Vasco.
Por parte, o autor xoga nas páxinas deste "e-book" coa lingua dun xeito case que musical, facendo poemas cheos de sonoridade e ritmo, musicais en sentido amplo. "Pode ter algo a ver coa formación de filólogo, mais sobre todo é humorismo, é desmitificar o tema da literatura e facer ver que coa linguaxe pódese xogar e facer o que queiras dela", di o muradán.
No Manual da destrución a violencia está moi presente, de xeito transversal: "Un non pode escapar do que lle arrodea; hai violencia no meu contorno, e non falo do tópico de se hai guerras en tal sitio. Non. Nunha tensión dentro dunha familia que pode vivir ao teu lado hai violencia, hai violencia nun emprego no que te están puteando, hai violencia nas aulas, ... e iso ten que estar aí". Violencia estrutural e tamén violencia emancipadora: señor cura/ a vostede mateino/ por mentireiro/ inxurioso/ fascista e maltratador/ por castigar a liberdade emocional/ con ritos absurdos cos que loitar/ coa beleza pagán/ mateino como se mata a un porco[...].
Tamén os corpos e os afectos, a "liberdade emocional" presente no antes citado, teñen espazo destacado no poemario, tan lonxe de romanticismo pasteleiro como do caricaturesco no que ás veces se cae pretendendo falar de "amor libre". Para o autor, "trátase de tirar todo o empachoso que se lle deita enriba ao sexo, que de por si é bonito dabondo".
Pola circulación libre da cultura
Manual da destrución está editado en formato e-book polo netlabel A Regueifa (aregueifa.net), onde pode ser descargado de balde. "Non podes dicirlle a ninguén: págame por isto que acabo de facer. O conto é que estea aí, que o collas ou non, e que fagas del o que queiras".