A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, informou hoxe no Parlamento de que o custo dos billetes de avión da delegación galega que participou na Feira do Libro de La Habana (Cuba) foi de 150.000 euros, mentres que os gastos de aloxamento ascenderon a 87.000 euros.
En resposta a unha pregunta do deputado popular Ignacio López-Chaves, a titular de Cultura do Goberno galego recordou que o custo total da presenza galega na capital cubana foi de 1,3 millóns de euros e explicou que mañá mesmo os gastos "serán detallados" na Comisión de Cultura da Cámara autonómica.
Fronte a iso, López-Chaves acusou a conselleira de "seguir co mesmo" e de tratar de ocultar que gastaron dous millóns de euros na viaxe. Así, reclamou que revelase tamén os gastos de organización da viaxe e asegurou que ós deputados do BNG, "que eran tan exquisitos co gasto público" cando gobernaba o PP, agora non lles preocupa.
En resposta a estas acusacións, Ánxela Bugallo acusou o deputado popular de "desprezar" os sectores culturais galegos e concluíu que o PP usa "a cultura do espectáculo cando goberna e o espectáculo do voceiro de Cultura na oposición". "Sigan vostedes por ese camiño que a cultura galega se seguirá desenvolvendo a pesar de todos vostedes", resolveu.