Domingo 06.01.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Opinión |
Contáronme esa lenda o outro día os de Paderne. En Bergondo, porque en Paderne non puido ser. Sí, quero dicir, non puido ser porque non lles deixaron que fose. Se cadra debo espricalo un algo, pra que poidades comprender de qué estou a falar, ou millor dito en qué estou a pensar, a qué estou a referirme cando vos digo que non puido ser mentras vos ia falar dunha lenda que me contaron os de Paderne o outro día. A lenda en cuestión é unha cousa, o que non puido ser é outra distinta, porque ademáis unha lenda non é que poda ser, é que xa é, xa ten existencia -e os feitos que contan as lendas sempre foron, sempre aconteceron, índa que o fosen de xeito distinto a como se contan.
Contareivolo, logo. Primeiro o que non puido ser, despois a lenda. E vós veredes cal dos dous sucedidos resulta máis inverosímil, se o acontecido agora mesmo, hai poucos días, ou o que relata a lenda. Pois resulta que uns viciños do concello mariñán de Paderne, que pilotan unha asociación cultural moi activa, convidáranme a dar unha conferencia nun dos ciclos que orgaizan no outono e inverno de cada ano. Chámanos "Os Diálogos de Paderne" e, como iles mesmos din nunha folliña espricativa, "é unha iniciativa para promover o diálogo como valor positivo nunha sociedade onde a liberdade segue a ser un dereito a conquistar día a día". E, a maior abondamento, engaden: "Un ciclo de actividades culturais encamiñado a seguir actuando co pensamento e a palabra contra a marcaxe social e os intentos de control absoluto".
Poden parecer aseveracións desmesuradas, apreciacións pexorativas resultantes dunha visión distorsionada da realidade actual no noso país. Mais o certo é que os feitos non semellan desmintilas. Pasado algún tempo despois de ter eu aceptado o convite, informóuseme de que había dificuldades para determinar o lugar da celebración do acto. Días máis tarde, comunicouseme que a conferencia non sería en Paderne, senón na casa da cultura do concello de Bergondo. Alí acudín, alí fun recibido pola concelleira de cultura desa corporación municipal, alí dei a miña conferencia -e alí me deron os orgaizadores do acto a espricación do aparente contrasentido, isto é, de que unha actividade dunha asociación cultural domiciliada nun concello, Paderne, tivese que celebrarse nas dependencias doutro distinto, Bergondo. A espricación era tan simples coma increíbel: o alcalde de Paderne denegara a utilización do local destinado aos actos culturais. Disque o tiña comprometido pra non-se-sabía-cal-outro evento.
Seica "Roxin Roxal" -así se chama a "asociación cultural libre de Paderne" que me convidou- está mal vista pola alcaldía. Será por declararse "libre" e, congruentemente, andar por libre tamén. Ou será porque efectivamente desenvolve actividades culturais, porque exerce un labor de pedagoxía popular, porque actua como foco de dinamización didáctico-cultural dos viciños do concello. Ou será porque orgaiza itinerarios e roteiros naturistas polas bisbarras da redonda. Vai ti saber. O caso é que é a única asociación cultural propriamente dita que existe no termo municipal, e é a pior tratada pola alcaldía en consideración institucional e no reparto de axudas públicas materiais con finalidade social e cultural precisamente. Cando dunha recente visita institucional do presidente do actual goberno autónomo a Paderne, seica foi a única asociación non convidada ao evento.
No que a min atinxe, non me solprendeu nen me alporizou o sucedido: hai ben tempo que estou afeito. Inda recentemente, na campaña das municipais, o mitin para o que fora chamado a intervir en Arbo tivera que celebrarse nun restorán cedido por xentileza dos proprietarios, porque, tamén alí, tamén o alcalde denegara o uso do local público institucionalmente previsto para os actos de formacións políticas legalizadas en semellantes circunstancias. De xeito que estou afeito. O dominio señorial funciona así. Funcionou sempre. Agora como hai mil anos. E non son eu o único, nen o primeiro, nen o máis solvente dos analistas que, nos últimos tempos, levan sinalado o feitío neo-medieval ou, máis esactamente, neo-feudal das nosas post-modernas sociedades actuais. O único que me chamou a atención foi a coincidencia de que os dous alcaldes implicados como cara e cruz deste estrambótico episodio, o mao e o bó, o que mandou ao exílio a unha entidade cultural do seu concello, e o que lle deu acollida como refuxiada, digámolo así, son membros dunha mesma formación política. Pero axiña reparei na analoxía cun precedente histórico que botaba luz no asunto. Veredes. Estabamos nas Mariñas, dacabalo da ría de Betanzos: dunha banda Paderne, da outra Bergondo. As Mariñas, outrora feudo dos Andrade: de Fernán Pérez, o Bó, e de Nuno Freire, o Mao. Porén, o Bó e o Mao, os dous eran Andrade. Os dous eran persoeiros da mesma familia feudal. Ao cabo, as pezas do crebacabezas encaixaban. E máis a lenda tamén.
Sí, a lenda que me contaran os de Paderne o outro día, e que vos ía contar eu hoxe se non me non enlease co lerio dos dous alcaldes, o mao e o bó, como fixen até eiquí. A lenda que os de Paderne tomaron emprestada pra pórenlle nome á sua asociación: a lenda de Roxin Roxal. Velaí vai.
Os feitos acontecen no tempo dos famosos Andrade. Precisemos: no de Nuno, non no de Fernán. Precisemos máis: no do Nuno II, que era o Mao -pois o I seica non mereceu ese alcume. E il había no feudo un mozote moi feito, "un doncel lanzal de corpo, ledo, loiro e riseiro" -disque asi o descreben as fontes da lenda. Chamábano Roxin Roxal, e estaba ao servizo de don Nuno. Éralle tan leal que o Nuno II, inda con ser Mao e todo, tiña un feble por il, e mesmo en certa ocasión agasallárao co galano dun seu puñal de prata moi prezado. Dixéralle ao entregarllo: "Defende con il aos teus señores". Mais o Nuno tiña tamén unha filla, de nome Tareixa, "fermosa e rebuldeira" -disque así era. Craro está: Tareixa e Roxin namoráronse. Craro está tamén: amor imposíbel, Roxin non era nobre. Don Nuno, o Mao -agora sí- ameazou á filla con matalo se non casar ela cun tal don Henrique Osorio, "nobre coma ti", disque lle dixo. Naturalmente, ela casou, e Roxin caíu nunha fonda melancolía. Roldaba polas noites ao pé da xanela fechada da alcoba da parella. Nunha déstas solprendeuno don Nuno e ameazouno: "Vaite das miñas terras, Roxin Roxal". Dito e feito: o Roxin foise, seica pasou a ría prá banda de acolá, con estatuto de refuxiado.
A lenda prosegue co fracaso de don Henrique en gañar o aprezo da sua dona. Un día, para fardar de valente, obrigouna a acompañalo na cazata dun porco bravo que destragaba as colleitas dos seus servos labregos. Na beira do Lambre dan co xabarín, don Henrique dispara o arco, a frecha fire ao porco, non o mata, a fera bótase a il, o Henrique fuxe ás alancadas pola ponte do Lambre, bótase ao río, o porco bravo vírase contra Tareixa -e firea de morte. A lenda remata deste xeito: "De alí a uns días, de mañá, un vulto negro apareceu no meio da ponte. Era o porco bravo, morto. No pescozo ensanguentado estaba cravada até a empuñadura a daga de prata que don Nuno lle regalara a Roxin Roxal. Dende entón aquel lugar coñécese polo nome da Ponte do Porco".
Ben o sabedes, poisque isto xa non é lenda, senón historia: os abusos e falcatruadas do Nuno Freire de Andrade provocaran a primeira revolta irmandiña, a coñecida por "Fusquenlla", a do mítico Roi Xordo. Pra combater a eses primeiros irmandiños, Andrade o Mao requeríu axuda do rei Trastámara de Castilla. E acabou por esmagalos. Isto foi no século XV, esactamente no 1431. Non sei se os de agora correrán a mesma sorte. Mais o certo é que aquil mesmo ano palmou o Nuno tamén: o azar histórico évos así.
A noite da miña leria en Bergondo, despois de cearmos todos xuntos, de agasallárenme con froitos da comarca, de contárenme cómo os porcos bravos volven destragar as terras de labramio dos poucos labregos que inda restan, de escoitar música de gaita e máis a marcha dos mariñeiros de Betanzos interpretada cun violino, aquela noite, dicíavos, de volta na casa feliz e máis canso ca unha burra vella, aquela noite tiven un soño e un pesadelo. No soño apareceuseme Fernán Pérez, o Bó, transfigurado noutro bó Andrade mítico do meu tempo cando neno, o Benigno, o "Foucellas", o guerrilleiro antifascista asasinado a "garrote vil". No pesadelo eu era o porco bravo co puñal no meu pescozo. E choraba porque eu non matara á Tareixa, mais eu sabía o que non soubera o Roxín, sabía quen fora o asasino da moza, e fórao o seu pai, o Nuno II, o Mao. Espertei doorido e cheo de anguria: tiña un cabalo que nin Diós.