Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Moito me sorprenden as opinións contrarias e mesmo a mofa que provocou a iniciativa parlamentaria nacionalista sobre o impulso da fabricación de xoguetes que "falen" galego.
Resulta agora que introducir a palabra "xoguetes" no Parlamento é para algúns algo cómico e, para outros, mesmo perigoso. E certo: o serio é enredar cun acordo -que non dá chegado- de definición dun país que, con dous nomes (Galicia e Galiza), aínda non atopou politicamente o camiño da identidade propia.
Foi o 22 de setembro de 2004 cando, por unanimidade, o Parlamento de Galicia aprobou o Plan de Normalización Lingüística, no que se di: "Para estes nenos a lingua inicial non cadra necesariamente coa lingua materna. Mesmo podemos afirmar que estas novas xeracións non teñen lingua materna, que entran na vida sen lingua materna e con lingua de gardería ou, se se quere, con lingua inicial moitas veces distinta da lingua materna ou familiar".
Son moitas as mensaxes que os nenos reciben en castelán e sen a opción de recibiren outras tantas en galego. Os cativos absorben tanta información en castelán que, mesmo nos fogares galegofalantes, os nenos rematan declinando o uso da lingua propia. Nin os seus amigos, nin os seus personaxes de ficción, nin os seus DVD, e tampouco os xoguetes comunican en galego; é dicir, tamén no tempo de lecer dos nenos, o castelán e o galego están en de- sigualdade de condicións.
A nosa lingua aínda está -parece que estará por moito tempo- nun proceso de normalización. A reivindicación de bonecas galegofalantes non é, paréceme a min, un problema, senón un dos síntomas dunha lingua enferma cuxo prestixio é aínda unha arela por conquistar.
Decididamente si: as bonecas axudarían a prestixiar o idioma entre os cativos e contribuirían a dar un paso máis dentro da normalización da lingua. ¿Quen ten medo de que as bonecas galegofalantes se rebelen e corrompan os nenos? Alguén viu películas de máis.