Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Un xogador do Real Club Deportivo de La Coruña, Sergio González, nacido en Barcelona e criado en L"Hospitalet, di nunha entrevista concedida a un xornal deportivo coruñés que o galego e o catalán son dialectos, o mesmo que o asturiano: "Eso no son idiomas. Yo creo que son dialectos, no los considero idiomas". Así de claro. E pregúntalle a xornalista: "¿Cual fue el último libro que leyó?" E o deportista responde que foi hai moito (case 8 anos): "No soy mucho de leer libros, soy más de revistas del cotilleo. Me gustan mucho". Así de sincero e así de transparente o deportista. Dicía o filósofo Amos Bronson que a enfermidade do ignorante é ignorar a súa propia ignorancia, mais no caso de ignorancia que nos ocupa eu prefiro mentar a coñecida frase de Óscar Wilde, que tan ben lle acae ou presta ao futbolista entrevistado, sen nos esquecer da profesional entrevistadora. Di o irlandés: "Hai moito que dicir a prol do xornalismo moderno. Ao darnos as opinións dos ignorantes, mantenos en contacto coa ignorancia da comunidade". Velaí. O profesor Ernesto Garzón Valdés, un escritor e intelectual arxentino ben coñecido en España, chega a establecer -baseándose en boa parte na historia da filosofía- oito categorías de ignorancia. E son estas a ignorancia escusante, a presuntuosa, a culpábel, a racional, a "douta ignorancia", a conxectural, a inevitábel e, finalmente, a querida. Eu non sei se a ignorancia que exhibe o xogador do Deportivo, Sergio González, será da caste desta última, da "ignorancia querida". Mais en parte concorda. Di o profesor Garzón Valdés que a ignorancia querida nos envolve nunha "néboa protectora" e que nos fai despistados diante "o aumento dun saber que nos volve tamén máis ignorantes" e nos impulsa a recorrer á ignorancia como escusa, cando non a estimulala presuntuosamente. "Eso no son idiomas", di o futbolista nacido en Barcelona referíndose ao galego e ao catalán. ¿Presuntuoso? ¿Politizado á par da dereita extrema? Non. Ignorante simple, coitado e indocumentado. E chégalle ben.