Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Opinión  |  RSS - Opinión RSS

JOAQUIM VENTURA

O SAL DA TERRA

As regras do xogo

23.03.2009

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

JOAQUIM VENTURA

A retirada, por orde xudicial, dun panel con fotos de etarras dunha reixa na localidade de Arrasate (ou Mondragón) foi noticia. O que sería normal, nunha sociedade normal, aparece como un suceso excepcional. Xa é moito esas galerías de fotos nas herriko tabernas e bares filobatasuneiros -a verdade, entrar neles precisa de ter moito sangue frío- mais aceptemos que é un espazo privado e que, no fondo, resulta unha válvula de escape.

Mais ocupar a rúa con fotos de delincuentes, ocupar as prazas con pancartas permanentes a prol dos etarras na cadea, é un insulto á cidadanía e ás vítimas. Sorprendeume hai uns anos, que estiven nunha zona comanche no linde costeiro entre Biscaia e Guipúscoa, a indiferenza cómplice dos máis dos cidadáns coas pancartas batasunas. E non falo só de poboacións pequenas, non: falo de vilas coma Lekeitio e Gernika.

Desde o PNV, cunha cuarta de narices pola coraxe de Patxi López, argumentan que a ilegalización das candidaturas da chamada esquerda abertzale foi unha manobra para furtarlles a posibilidade de renovar o seu goberno. Ben que non fixeron noxos cando aqueles convidados de pedra que foron os deputados do PCTV se abstiveron para facilitar a reelección de Ibarretxe. Foi unha opción legal mais teño para min que non era lexítima. Home, e cun toque de humor, eu tería legalizado ambas as dúas candidaturas, Demokrazia3M e Askatasuna, e que competisen entre elas, a ver que facían. Mais, xa en serio, as regras do xogo son as que son e son para todos. ¿Alguén imaxina un partido que non condenase os delitos dos pederastas? Ou, ¿cabe pensar nun mural cos rostros dos agresores das que foron as súas mulleres? Ou, ¿alguén con dous dedos de siso dedicaría unha praza ou uns xardíns a un narcotraficante?

Porque oportunidades houbo para que se desmarcasen da violencia, é dicir, do delito. Xa dixen algunha vez que me preocupa máis que un sector da sociedade vasca non participe da cultura da paz (incluído o respecto aos outros) que catro marxinados aínda vaian cunha pistola na man.

Malia todo, hai quen non perde a esperanza, como os socios de Lokarri, organización sucesora de Elkarri, que programaron para as semanas que veñen diversos encerros en igrexas para falar da paz, o primeiro o vindeiro 28 de marzo na parroquia bilbaína da Inmaculada. Falar abre as mentes. Sempre que haxa quen queira que lla abran, claro.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS