Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia poderá achar, por fin, a paz ecolóxica e medioambiental. Todos os galegos proclaman que a súa terra é un verdadeiro paraíso, pero son, en cambio, os habitantes menos considerados e respectuosos con ela. A saudade da terra semella ser un sentimento que só se posúe lonxe cunha imaxe lírica e idealizada. O mito da Matria e Terra Nai podería ser un invento de filósofos e vates malpocados. A Terra verde, perenne, indeclinable. Proclama Rof Carballo: "En contra do espírito dos tempos que piden outra cousa, en contra da predominanza do arquetipo celeste, da fe na razón para o resolver todo, o galego seguiu fiel á Terra Nai".
Estou absolutamente convencido de que o pensamento de Rof Carballo se virou unha lenda fermosa pero inxenua e inútil. Acaso falaz, equívoca, enganosa. Tendo en conta os embates de que son vítimas os tres bens xeográficos máis prezados de Galicia: os montes, os ríos e o mar. Os montes, obxecto de batallas incendiarias permanentes. Os ríos, enlordados e maltratados. Os mares, fonte de riqueza e de esplendor, deslustrando o seu benéfico perfil e a súa gloriosa inmensidade.
Os ríos de Galicia son, seguramente, os peor atendidos e vixiados de toda Europa. Cada íncola pensa que el tamén é un propietario individual e, polo tanto, pode chantar o poderío no seu cauce. En tempos era a auga dos prados e dos muíños, o relouco das tardes de esmorga e paparoca. Hai ríos en Galicia que perderon a condición de navegables por abandono da administración e o desleixo da cidadanía. Hai ríos en Galicia que son hoxe a canle por onde baixan as podremias urbanas -de vilas e cidades-, pestilentes e fétidas. Hai ríos en Galicia que morreron no holocausto das industrias que se ergueron á súa beira. O alcalde de Pontevedra bañouse no Lérez para demostrar a súa louzanía e garrideza, pero ninguén o creu. Este Ulla que pasa mesmo a carón da Bouza inxel, é unha cloaca de impudicias. Non se poden beber as augas do Lérez, nin do Ulla, nin do Tambre. Nin de calquera río menor deste país. Están contaminados, corrompidos, dexenerados, infectos, goros. Os ríos galegos da vertente occidental son monumentos e testemuños da vesanía civil, da demencia colectiva, da desidia e da indiferencia gobernamentais.
Tómese como exemplo o Ulla, unha vez máis. Mira e propósito das avaricias e lascivias dos grandes emporios económicos. Incluso de pírricas empresas que viron no Ulla unha táboa de salvación para ser rico sen esforzo en prazo curto. Alguén meditou: no Ulla, 115 quilómetros de canle, 2.500 quilómetros cadrados de drenaxe, podemos construír e combinar dez, vinte, trinta encoros.
Un conselleiro proxectara, a principios do século XXI, o número exacto: 14. O Ulla era a larpada, o caramelo e o pastel con que se pagaban servizos e adhesións a compangueiros e mingamonas. Sempre o Ulla. Para disimular ilegalidades e nepotismos, comezaron a distrubuír licencias de pantanos e centrais eléctricas en ríos minúsculos que se ocultan nas serras e nas fragas. Un deles, manancial modesto, afluente do Tórdea, perdido nas montañas de Castroverde -a escasos quilómetros de Lugo-, posuía dous encoros e unha láctea. Acaba de se producir unha catástrofe contra os recursos naturais e o medio ambiente. O Sar que tanto doe no corazón, está moribundo. Case sen posibilidade de revitalización. Así, mil ríos de Galicia. O edén da cosmogonía fluvial.
Asistimos agora á liorta de Touriñán. Quería instalarse en Touriñán unha piscifactoría de faraónicas dimensións para a produción de rodaballo. Un peixe de moda para banquetes e festíns. No territorio de Touriñán, o faro mítico de Galicia despois do de Fisterra.
Nas paisaxes de Santa María de Touriñán e de San Cristovo de Nemiña (¡que fermosura de topónimo, nesta regueifa de buscar as palabras máis expresivas e tenras da lingua galega!. ¿Que estraño vínculo existirá entre Nemiña e Nemeño, no municipio de Ponteceso?) Esta Muxía, cinguida por Moraime, Morquintián, Nosa Señora do O, Ozón, atravesa momentos de tristura tras o Prestige.
O establecemento da piscifactoría de rodaballos mermaría o desemprego e a emigración. A multinacional do rodaballo non aceptou a alternativa doutros lares: Xove e Ribadeo. A anterior Xunta de Galicia, cando estaba en funcións, autorizou a instalación en Touriñán. A actual, pola contra, non o permite porque a península de Touriñán forma parte da Rede Natura. Un rifirrafe, abrumador. Presenciamos, mesmo, pecados de incivismo, de desobediencia e rebelión. Un tour de force intolerable.
Comeza a catarse o sentido común entre a cidadanía e nos dirixentes de Galicia. Trátase de poñer un pouco de cordura na incesante devastación da paisaxe. Avisan do levante español que a Costa da Morte -e, se é posible, todas as Rías Baixas-, están no punto de mira da avidez e da voracidade das inmobiliarias internacionais. Os habitantes de Muxía e o alcalde manifestan as súas discrepancias. A súa decepción. Palabras grosas nos seus beizos.
O conselleiro replica: "Non pode ser que levemos por diante un espazo emblemático do litoral galego". Galicia ten que desenvolverse e contemplar o progreso con ilusión. Non se pode situar unha piscifactoría nas illas Cíes ou nas Sisargas, por exemplo.
A UE, ademais, non o permite. Galicia tampouco o pode tolerar. Esta Muxía, por tantos títulos venerable, non debería obcecarse con pan de hoxe e a fame de mañá. Debe esixir da Xunta un trato preferente. Encabezar un movemento que salve a Costa da Morte de clixés e tópicos absurdos. Desterrar das estampas de Galicia unha Costa da Morte lúgubre, sombría e macabra. ¿Non se poden unir nesta ambición Fisterra, Muxía, Camariñas e Vimianzo, Laxe, Cabana, Ponteceso e Malpica? ¿Acaso ignora a Xunta que este litoral, entre Fisterra e San Hadrián, é a gran reserva natural e humana de Galicia?