Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Opinión  |  RSS - Opinión RSS

XosÉ Ramón lópez boullón

retallos dunha época

Prolingua. Porque estou contigo

14.10.2009

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN

Que cousa é a lingua galega?, pregúntanse os que non cren nada nela, os que dela se afastan, os que a rexeitan e buscan a súa salvación eterna proclamando que a única lingua e verdadeira para salvarnos como pobo non é a nosa, senón outra. E como dun designio divino se tratase andan tentando sacala do medio. Como se usala fose un pecado capital.Os que a usamos, decote, os que a queremos e cremos nela somos, segundo estes incrédulos, uns pecadores que debemos pedir perdón por usala e esixir que se use no seu territorio natural e debemos, por iso, facer un acto de contrición e propoñernos firmemente non pecar máis, impoñéndolles a eles tal próposito e así cumprir a penitencia da submisón e da obediencia que se nos impón a nós, desde o principio dos tempos.

Así que chegou a hora de saír ao paso de tanta necidade. Xa abonda de parvadas, de mentiras, de falsidades, de falta de verdade e de coherencia con respecto á lingua galega. Hai que lle pór fin á estulticia dunha santa vez. Así que me sumo á plataforma Prolingua para seguir usando, querendo, crendo e vivindo en galego con dignidade e normalidade. E confeso, ante quen faga falta, que se isto é pecado seguirei pecando moito, de palabra, obra e omisión. Esta é a razón pola que asinei o manifesto: pola miña lingua, pola miña lingua, pola miña gran lingua. Para que non haxa que rogar por ela, nunca máis. Para que non se fale dela nunca con dor. Para que ninguén se arrepinta xamais de ter lingua. Porque xa son moitas as palabras escritas en milleiros de artigos. Moitos os cabreos que nos fan morder a lingua cando oímos tanto desatino. Porque cansa dicir que a lingua nos une. Porque non é crible que se sintan acosados, obrigados, atacados polo galego. Pola especulación, a manipulación e as falsas impresións sobre unha realidade ou un conflito que non existe e que utilizan con moita astucia e propaganda e con montaxes cuxo fin é engarguelar a quen, de forma inconsciente, aprehende, asimila ou cre nelas a forza de oílas. Pola súa enganosa percepción do bilingüismo. Pola galegofobia. Polos inquéritos e as políticas que rachan as avinzas e fomentan as valoracións negativas e os prexuízos sobre a nosa lingua. Pola holística da mentira na que se fundamentan e utilizan para impor, eles si, o seu criterio. Polo virus que inoculan contra a diversidade lingüística, contra o plurilingüismo. Por esa hexemonía de dominadores que queren que nós sigamos sendo os dominados. Porque todas as palabras, manifestacións, iniciativas e mobilizacións son benvidas para construír a normalidade necesaria para que remate este absurdo cambalear idiomático. Para que a xente que comece a falar galego siga as instrucións para empezar a falar galego do relato de Sechu Sende do libro Made in Galiza. E porque quero dicir como no seu último relato que estou contigo, porque formas parte de nós, de min, porque che debemos moitas cousas, todo. E porque quero darche as grazas e dicir que estou contigo, miña lingua, miña lingua, miña gran lingua.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS