Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
Portada » Hemeroteca web

sociedade da información

Galicia está á cola na conexión dos centros de ensino a internet

08.12.2006 Galicia é a comunidade con menor conexión á rede nos centros de ensino de Primaria e Secundaria ·· Mentres en España é case total (98,5%), aquí non chega ó 89 por cento

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

Malia que a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, destaca que practicamente todos os centros de ensino públicos galegos teñen conexión a internet, o certo é que están están á cola de España en acceso á rede, segundo o estudo do Ministerio de Educación A sociedade da Información e a comunicación nos centros docentes relativos ó curso 2004-05.

O documento mostra tamén que os estudantes da pública dispoñen de máis e mellores computadores e conexións cós da privada, tanto no eido estatal como no autonómico.

En Galiza, os que están conectados non chegan ao 89%, mentres que en España o índice de acceso é case total (98,5%).

A eiva das Tecnoloxías da Información no Ensino Galego non é cuestión unicamente de infraestruturas, senón que tamén atinxe ó uso que se fai da rede.

Por exemplo, a penas un terzo dos centros da comunidade galega (o 33,8 por cento) dispón de páxina web, cando no conxunto do Estado máis da metade das escolas si teñen un sitio propio.

Isto coloca a Galiza na penúltima posición da clasificación estatal, só por diante de Canarias, onde só o 17,5% dos seus centros dispoñen deste servizo.

Neste apartado, os privados saen mellor parados. Así, o 43,9% dispoñen dun portal web fronte ó 31,9 por cento dos públicos na comunidade galega.

Pero na Estadística da Sociedade da Información e a Comunicación nos centros educativos do exercicio 2004-05 non son todo datos negativos para Galicia.

En termos xerais, as escolas de primaria galegas, tras as de Murcia, entre as que teñen ordenadores máis novos. Na actualidade hai un computador por cada 12,9 alumnos galegos (10,5 se se consideran os pecé destinados preferentemente ó profesorado e á docencia con estudantes, o dato que manexa a Xunta), cifra que se eleva ó 15,8 nos centros privados. Os docentes son un chisco máis afortunados, pois existe un computador por cada seis. Agora ben, os institutos galegos son, despois dos das Illas Baleares, Ceuta e Melilla, os que posúen menos computadores por cada rapaz. No outro polo sitúase Estremadura, que ten 2,5 nenos por equipo, e o País Vasco, con 5,6.

Ademais, en número de equipos por aula, Galicia conta con 1,6 de media entre centros públicos e privados, fronte ós 7,4 que teñen as aulas estremeñas.

A estadística que acaba de publicar o Ministerio de Educación e Ciencia foi completada en 2005. A práctica totalidade das escolas, centros de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional de Galicia participaron neste estudo.

A rede, a trinta minutos da casa

A alfabetización do século XXI "debe ser audiovisual e multimedia. Este é o xeito de evitar que a fenda dixital se converta en fronteira insalvable entre o desenvolvemento e o atraso", aseverou esta semana o presidente da Xunta no II Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual en Santiago. A Administración pretende que calquera cidadán galego teña acceso a internet e videoconferencia a menos de 30 minutos do seu domicilio para o que porá en marcha o Programa Redes de Centros de Telecomunicación que alcanzará os 30 centros nos próximos dous anos, anunciou Emilio Pérez Touriño. Ademais, dotaraos aos centros educativos de 35.000 ordenadores e facilitará axudas a familias para a adquisición de 20.000 pecés.

OS DATOS

Corenta millóns para equipalos

O Consello da Xunta coñeceu onte un informe da Consellería de Educación polo cal o Goberno galego destinará preto de 40 millóns de euros, repartidos no período 2006-2007, a dotar de 40.000 novos equipamentos informáticos e multimedia ós centros educativos e para facilitar que as familias galegas con rendas máis baixas poidan comprar un computador, a través da convocatoria de 20.000 axudas.

Progresión da privada

Se ben a ratio alumnos-ordenador é moito mellor no ensino público (9,9 tanto en Primaria coma en Secundaria) ca no privado , a progresión desde o exercicio 2003-04 foi espectacular nestes últimos, xa que desde ese exercicio rebaixaron esta de 35,1 ata o 12,9 do porcentaxe 2004-05. No que respecta á cifra media total galega, rebaixouse de 13,7 alumnos por PC a 10,5 por cada computadora.

Arañeira e ADSL, nos públicos

O estudo do MEC evidencia o mellor equipamento dos centros públicos. Tres de cada dez privados galegos non teñen Internet -fronte o 92,6 por cento dos públicos, que si a posúen- e ademais, as súas conexións son de menor capacidade: o 63,2 por cento dos de Primaria e o 91,1 por cento dos de Secundaria públicos teñen conexión ADSL, fronte ó 10,3 por cento dos privados.

Só un terzo posue web

Só o 33,8% dos centros galegos teñen en páxina web, cando no conxunto do Estado máis da metade das escolas dispoñen dela. Isto coloca a Galiza na penúltima posición, só por diante de Canarias, onde o 17,5% dos seus centros dispoñen deste servizo. Analizando, o 43,9% dos privados dispoñen de portais fronte ó 31,9% dos públicos.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS