Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Doce entidades sen ánimo de lucro como a Asociación para o Desenvolvemento das Novas TIC - Tgwifi; Axóuxere, consello para o Desenvolvemento da cultura e do Home; o Centro Cultural e Deportivo de Taragoña; o Colectivo Artístico DesKarte; o Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz; ou o Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados son a base da nova Univesidade Autónoma do Atlántico (Uniat) que o vindeiro día 15 de xuño fará a súa presentación oficial no Club Internacional de Prensa compostelán.
Con sede na parroquia de Taragoña, Rianxo, a Uniat defínese a si mesma como "unha plataforma de ensino para o desenvolvemento baseada integramente no tecido organizativo da sociedade civil, con plena independencia de poderes públicos e intereses comercias e cun compromiso firme polo desenvolvemento local integral e sustentábel".
A Universidade Autónoma do Atlántico comezou a tecer xa o seu programa formativo cunha vontade expresa de innovación e implicación social baixo a batuta do xornalista Joam Evans Pim, o seu reitor. As primeiras actividades previstas son dous cursos de verán no mes de xullo: un de especialización en estudos árabes e islámicos, en Rianxo, en colaboración coa Menéndez Pelayo, e outro en Vilagarcía, sobre investigación, innovación e desenvolvemento, coa USC. Despois, en outubro e novembro, vai organizar as primeiras edicións do Congreso Galego da Mocidade Investigadora, o Internacional sobre Defensa Responsábel e o Internacional sobre Muller, Paz e Seguranza.
Nos seus tres andares, dispón de sete aulas-obradoiro, un auditorio con capacidade para trescentas persoas, varios locais para uso administrativo e unha cafetaria con cociña. Alén da sede central, as diversas Escolas dispoñen tamén de locais propios nos que desenvolver e xestionar as súas actividades, o que se complementa cunha serie de acordos con entidades públicas.
Pola revitalización de Taragoña
O domicilio social da Universidade está radicado en Campo de Pazos, na parroquia rianxeira de Taragoña. O actual edificio levántase sobre a Escola Rosalía de Castro, construída pola Sociedade de Fillos de Taragoña de Buenos Aires no ano 1929, mostra do empeño da comunidade por incidir no seu propio desenvolmento a través da educación, e que aínda hoxe funciona como centro de educación infantil. Sobre esta construción orixinal ergueuse nos anos oitenta un centro cultural financiado e xestionado pola veciñanza, que durante décadas albergou unha intensa actividade educativa, deportiva, musical e artística, que agora encontra continuación con este novo proxecto.
