Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Que é a berlusconización? ¿Como se pode definir esta? Talvez esteamos diante dun proceso de degradación da vida política en diferentes niveis, e é nese contexto –crise dos partidos tradicionais incluída– cando xorden personaxes curiosas e rechamantes que veñen das finanzas, dos negocios da construción ou das empresas do sector mediático e publicístico, e pasan a ocupar cargos públicos de alta responsabilidade, e mesmo a presidencia dun Estado. En Italia o empresario Silvio Berlusconi –catro escanos máis que Mussolini no seu día– gobernará o país cun Parlamento no cal a esquerda non ten presenza e a berlusconización, agora si, está servida. Umberto Eco ten falado de dous tipos de categorías de electores da dereita italiana: por unha banda, os convencidos ou clásicos, clases altas, empresarios e conservadores e, pola outra, os fascinados pola imaxe de Berlusconi e polo lavado de cerebro levado a cabo pola televisión comercial nos últimos tempos. Coñecen moi ben os italianos ao presidente vedete, o presidente rosa –el si–, aquel que dixo que "a esquerda non ten gusto, nin sequera cando se trata de mulleres", porque –engadía– "as nosas candidatas son máis fermosas". ¿Lembran vostedes cando a muller de Berlusconi lle enviou unha carta ao xornal La Repúbblica para expresar a súa consternación e pesar polos ligues públicos do seu marido? O propio Silvio Berlusconi respondeulle á súa muller pedíndolle desculpas publicamente noutra carta. ¿Berlusconización? E pingas de esperpento tamén. Mais a berlusconización é un fenómeno que está a se converter en materia real, en pauta de conduta a seguir –velaquí a capacidade de fascinación e de imitación– por un importante segmento da sociedade italiana. Unha boa parte dos italianos admiran o estilo de Berlusconi, a súa linguaxe antipolítica, as súas brincadeiras, a súa incorrección, o seu populismo. E nada importa que o presidente sexa un dos homes máis ricos de Europa –¿como?– e que sexa dono dun imperio mediático. El é o éxito. E punto.