Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
Portada » Hemeroteca web

EN PROFUNDIDADE

A chave autóctona unifícase

29.04.2008

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ARTURO NICOLÁS MARTÍNEZ . SANTIAGO

Membros do A.V. San Pablo, posando coa chave
Membros do A.V. San Pablo, posando coa chave

O venres pasado, Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deporte, e Marta Souto, directora xeral para o Deporte, xunto a representantes das asociacións de chave de Santiago de Compostela, Ourense, Ferrolterra e a Irmandade da Coruña, presentaban a I Liga Galega de Chave, algo nunca visto neste deporte tan tradicional na nosa comunidade.

Trátase dunha innovación que ten como principais obxectivos, por unha parte, organizar a conxunto de xogadores de chave que hai en Galicia, e por outra, espallar un deporte que é dos máis antigos no noso país. Para coñecer mellor este proxecto de Liga Galega falamos con Xaime Iglesias, presidente do Clube Amigos da Chave de Ferrolterra, unha das entidades confudadoras do proxecto. "A chave estaba estancada en diversas zonas e había que darlle un pulo, había que movela, revitalizala e levala ás cotas que as directivas dos diversos clubs de chave de Galicia queriamos que chegara" explica. "Nós levamos certo tempo negociando coa Xunta de Galicia, coa Consellería de Cultura e Deporte e xurdiu o tema de facer unha Liga Galega de Chave. Xa o ano pasado estivo preto de facerse, pero foi imposible polas datas. O 23 de xullo de 2007 un negociador da Xunta propúxonos facer unha liga de chave e a idea pareceunos impresionante. Finalmente non se puido levar a cabo, pero o 27 de marzo deste ano tivemos outra reunión e xa se comezou a definir o proxecto. Naturalmente este ano sería unha liga galega pero para os vindeiros anos teriamos que ir mellorando, elevando a liga a un nivel óptimo tecnicamente", aclara Xaime Iglesias.

Na reunión de marzo definíronso temas tan importantes como as datas para a celebración da competición -terá lugar entre os meses de maio e xuño- ou as regras polas que se rexerían os equipos participantes. "As chaves son distintas dependendo da comarca. Ante isto, chegamos a un consenso de que nos adaptariamos e seguiriamos xogando cos mesmos modelos de chave de cada sitio. Pode que no futuro se faga unha chave híbrida, pero en principio cada un vai xogar coa súa chave. Non temos unificada unha chave e ao mellor non temos por que facelo", sentencia o presidente do Clube de Amigos da Chave de Ferrolterra.

Na competición participarán dous equipos por comarca, é dicir, Santiago, Ourense, Ferrolterra e a Irmandade da Coruña terán dous representantes no torneo, ata xuntar un total de oito equipos de quince xogadores cada un. Os encontros disputaranse durante as fins de semana en modalidade de liga, cunha fase final da que sairá o campión.

Non obstante, no vindeiro ano agárdase a presenza de máis equipos. "É o que queremos. Este é o primeiro ano e hai que entendelo. Hai expectativas porque agora todo o mundo da chave de Galicia está pendente. Hoxe en día hai catro clubs estruturados, pero hai outros zonas onde se está xogando á chave e temos que intentar que se formen clubs. Para integralos hai que empezar xa agora a traballar", propón Iglesias.

Agora que Compostela festéxanse as festas da Ascensión, disputarase unha das probas máis populares de chave, pertencente á Liga das Eiras, que terá a súa continuación nas festas do Apóstolo, pero esta coincidencia é casual. "Para o ano, ao mellor estas datas non son as idóneas porque en Ferrol estase a xogar a Liga, en Coruña tamén, etc. Para o ano hai que xogar con outros parámetros e atrasar a Liga en tal sitio, paralizala dúas ou tres semanas, etc.", conclúe Iglesias, que está marabillado ante a iniciativa.

A REVIRAVOLTA

Opcións de recompra

O mundo do fútbol é complexo, non dicimos nada novo. Move moito diñeiro, si. É un auténtico filón para as televisións e para todas aquelas firmas que atopan publicidade nel. Con tantos en xogo é normal que se multipliquen as cláusulas en todos os contratos relacionados co negocio. Dende un tempo a esta parte, estase a poñer de moda a cláusula de compra, é dicir, eu, presidente dun club de fútbol obteño a cesión dos servizos federativos dun xogador por un ano, por exemplo. Pero ademais quero incluír unha opción de compra por se ese xogador tivese un bo rendemento. O prezo fixámolo antes de traelo ao equipo.

Non contentos con isto, os dirixentes dos clubs españois decidiron darlle unha volta máis ao conto. Eu, presidente do club que cede os servizos dun xogador a outro club, con opción de compra, teño medo de que o rapaz xogue tan ben que o negocio xa non sexa rendible para os meus intereses. Entón poño no contrato unha opción de recompra por unha cantidade acordada. Isto é exactamente o que pasa con Ángel Lafita, xogador do Deportivo.

Lafita é un futbolista que saíu da canteira do Zaragoza da man de Víctor Fernández. Ante a falta de minutos durante a campaña pasada, Ángel decidiu aceptar a petición de cesión do Dépor, na que figuraba unha opción de compra. Na primeira volta de Liga non amosou motivos polos que exercela, pero nesta segunda parte do campionato converteuse no líder do equipo. Tal é o nivel que os dous millóns de euros que debe pagar o Deportivo polo xogador parecen poucos. ¿Cal é o problema? O Zaragoza.

O equipo maño, previsor, fixou unha opción de recompra por tres millóns e medio para xuño de 2009. Hoxe en día, o valor do xogador no mercado podería estar incluso por riba desa cantidade. Estamos a falar dun "caso Arizmendi". Quen sabe o que ocorrerá ata entón... Mentres tanto, Lendoiro debe amarrar a Wilhelmsson e a Filipe xa. Arturo N. Martínez

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS