Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Sesenta anos despois da adopción da Declaración dos Dereitos Humanos por Nacións Unidas, o suspenso é xeneralizado en todo o mundo. O balance: un fracaso. Na actualidade, polo menos 81 países aínda manteñen prácticas de torturas ou malos tratos ás persoas, en polo menos 54 son sometidas a xuízos sen as necesarias garantías e noutros 77 non existe a liberdade de expresión. Un suspenso do que non se libra Galicia. Cómpre, pois, facer os deberes. É, ademais, o momento de que "os gobernos do mundo pidan desculpas por seis décadas de fracaso e renoven o seu compromiso para obrar melloras concretas".
Así o denunciou onte en Vigo a sección galega de Amnistía Internacional na presentación do seu Informe 2008: O estado dos dereitos humanos no mundo. Neste contexto, os membros de AI emprazaron a Xunta e os concellos galegos a elaborar "un plan de protección e promoción dos dereitos humanos" como o que xa lle presentaron hai 6 meses -e que agardan que se faga realidade-. Un plan que "inclúa medidas sobre racismo, inmigración e trata de persoas; violencia contra as mulleres, educación en dereitos humanos, formación da Policía autonómica e local e solidariedade coas vítimas de violacións de dereitos humanos", explicou a responsable de Relacións Institucionais de AI en Galicia, Yolanda Román, quen afirmou, na presentación do informe, que "o ano 2007 se caracterizou pola impotencia dos gobernos occidentais e a ambigüidade das potencias emerxentes" para atallar "algunhas das peores crises mundiais en dereitos humanos".
Desigualdade, impunidade e inxustiza pintan o mundo hoxe
A maior ameaza, engadiu Román, "para o futuro dos DDHH é a ausencia dunha visión compartida e un liderado colectivo". Porque, segundo denunciou a representante de AI, "a inxustiza, a desigualdade e a impunidade son hoxe as marcas distintivas do noso mundo".
Pola súa parte, o voceiro da sección galega de Amnistía Internacional, Alberto Estévez, incidiu nas materias pendentes do goberno galego en materia de dereitos humanos. Así, en declaracións a GALICIA HOXE, explicou que "en plena campaña electoral", en outubro do ano pasado, saíron "á palestra para dicirlles ós partidos galegos que se comprometesen a elaborar plans municipais de dereitos humanos. Algúns dixeron que si, pero aínda non está en marcha ningún".
"En novembro mantivemos unha entrevista con Presidencia e Vicepresidencia para formular este asunto, e vimos unha boa disposición ó diálogo, un primeiro contacto positivo". Con todo, engade Estévez, "xa pasaron seis meses, xa é hora de que adopten esas medidas".
Por outra banda, e ademais destas demandas co obxectivo dun plan específico en DDHH, desde AI reclaman tamén da Xunta un maior compromiso no día a día. "Interésanos -explica- que o presidente Touriño e o vicepresidente Quintana, cando saian ó estranxeiro, non deixen fóra da maleta os dereitos humanos". Por exemplo "cando se viaxa a países como Cuba, onde a frustrigación ós críticos co sistema está moi presente, ou a México, onde existe un sistema xudicial absolutamente ineficaz e corrupto". Trátase, indicou, de incorporar os DDHH como compromiso na axenda política. "Igual que cando veñen investidores chineses, como viñeron en decembro, se lles pon unha alfombra vermella, hai que lembrarlles que se comprometeron, de cara ós Xogos Olímpicos, a deixar de frustrigar a prensa e acabar coa pena de morte. Porque os chineses teñen a medalla de ouro de execucións, con 8.000 anuais".
Desde Madrid, onde o informe se presentou de xeito paralelo, a presidenta e o director de AI, Itziar Ruiz-Giménez e Esteban Beltrán, consideraron que son os países máis poderosos os que deben dar exemplo. Beltrán indicou que Estados Unidos ten que pechar a prisión de Guantánamo e os centros secretos de detención para que os encarcerados sexan xulgados ou liberados.
Europa, "cómplice" das violacións de dereitos en EEUU
Na súa opinión, unha das "promesas incumpridas" da Declaración de 1948 que resulta "totalmente inaceptable" é a tortura, unha práctica que sempre foi "a máis clandestina das violacións dos Dereitos Humanos" e que hoxe "corre o risco de converterse en aceptable".
Beltrán destacou a actuación de Estados Unidos neste aspecto e a práctica da tortura que exerce no centro de detención de Guantánamo e os voos secretos da CIA para o traslado a cárceres doutros países a arrestados por terrorismo, algo ao que, segundo denunciou Ruiz-Giménez, contribuíron os países europeos polo seu "silencio e pasividade".
Abuso policial, violencia machista e racismo, as materias pendentes
Son catro as principais materias pendentes da nosa comunidade en materia de dereitos humanos, segundo denunciou onte, nunha conversa con GALICIA HOXE, o voceiro da sección galega de AI, Alberto Estévez.
Persistencia de malos tratos e torturas. "Hai uns meses publicamos un informe específico sobre malos tratos policiais en España, e comprobamos que hai elementos que levan á impunidade así como unha falta de recoñecemento do Goberno". Neste sentido, "hai un caso emblemático, o de Mamadou Kane polo que foron condenados catro policías locais de Vigo. En xaneiro deste ano o Supremo confirmou o indulto parcial, polo que os acusados non chegaron a cumprir as penas de cárcere estipuladas".
Atención a inmigrantes. "En Galicia hai unha especial preocupación pola chegada de polisóns a bordo de buques. Neles arriban inmigrantes ou solicitantes de asilo, orixinarios de zonas implicadas en conflitos moi graves, como Serra Leoa ou República Democrática do Congo. Hai un ano, solicitámoslle ó subdelegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, unha reunión para tratar o tema, do que ademais non temos cifras oficiais desde 2003. E aínda estamos agardando".
Racismo e xenofobia. "A cuestión dos realoxamentos de poboados xitanos non é máis que un exemplo do que vimos denunciando. España está á cola de Europa á hora de abordar estes temas, e non hai datos oficiais sobre agresións racistas. O Estado puxo en práctica mal e a destempo uns mecanismos que non son operativos, como o Consello de Igualdade de Trato. O Goberno non toma en serio este asunto".
Violencia contra as mulleres. "Malia os pasos dados, coa lei española e a específica galega, preocúpanos a falta de acceso ós recursos por parte das mulleres inmigrantes. Existe unha instrución desde o 2005, que establece que cando unha muller inmigrante denuncia malos tratos, a Policía debe facer investigacións sobre a súa situación administrativa e, en caso de estar en situación irregular, debe abrírselle un expediente de expulsión. Sabémolo porque nolo contan as asociacións de mulleres galegas. É un elemento disuasorio, un impedimento clarísimo para que denuncien a agresión".