Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
Asociacións ecoloxistas galegas culminarán hoxe a Semana Galega do Medio Natural cunha concentración na Praza das Praterías, onde lanzarán unha "mensaxe de alarma e esperanza" á sociedade galega.
A iniciativa, organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), aspira a concienciar á poboación da necesidade de reivindicar un uso sostible do bosque galego e de reducir as emisións de carbón por parte das empresas térmicas de Galicia, por ser causante de "gran" parte das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Na xornada de hoxe, Día Mundial dos Océanos, varias asociacións ecoloxistas e sindicatos levarán a cabo unha concentración a partir das 12.00 horas baixo o lema Por un futuro sen carbón, por unha costa sen cemento e lonas negras en Praterías. Durante a lectura do manifesto, que correrá a cargo do escritor Xurxo Souto, os ecoloxistas farán un chamamento á sociedade e ás administracións para "actuar" sobre dous dos "principais" problemas ambientais en Galicia, como son o uso do carbón como combustible e a degradación dos mares.
O coordinador organizativo de Adega, Martiño Fiz, explicou que durante a concentración tamén trasmitirán unha mensaxe de "alarma e de esperanza" aos galegos sobre o estado dos mares xa que, ao seu entender, están "seriamente" ameazados pola "irresponsabilidade dos que o ven como unha fonte ilimitada de recursos para explotar". Por iso, reclamou a elaboración "urxente" dun plan estratéxico contra a contaminación mariña no que participen todos os axentes implicados, cuns obxectivos "concretos e temporalizados" para "minimizar" o risco das verteduras accidentais e as mareas negras.
Tamén defendeu a protección "efectiva" dos ecosistemas costeiros fronte ao urbanismo "especulativo e depredador", e esixiu a retirada do Plan Acuícola por ser a "principal ameaza ao patrimonio natural e cultural do litoral galego", concluíu.
Unha efeméride cargada de actos
Os grupos celebraron a semana do medio natural cunha morea de actividades entre as que destacou unha exposición de aparatos solares na Quintana, así como unha degustación de pratos elaborados con esta enerxía e un taller infantil de pintura. Tamén visitaron o Parlamento para comprobar o uso de renovables nas instalacións. Así mesmo, organizaron unha charla-debate na que diferentes expertos abordaron as posibilidades da enerxía solar en Galicia.