Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
"A educación en galego non está amplamente dispoñible a nivel do ensino primario e secundario, e o número de nenos de educación preescolar cubertos por este sistema educativo segue sendo moi baixo". É unha das indicacións do informe que o Consello de Europa fixo público onte sobre a aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, no que propón un modelo de ensino baseado na "inmersión total".
No estudo constátase que o Plan Xeral de Normalización "non foi todo o eficaz que se agardaba", de aí que no ensino, "o número de alumnos que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo". O Consello de Europa, ademais de felicitar o modelo das galescolas, considera que a Consellería de Educación "debe promover outros programas que establezan o galego como lingua vehicular en todas as materias e en todas as etapas."
Na xustiza, a institución europea constata "o incumprimento xeral en Galicia dos mínimos asumidos polo Estado español". De feito, constata a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do Estado, "pola súa exclusión do galego". Por iso, insta as autoridades a que dispoñan versión en galego de "formularios e textos administrativos de uso frecuente en todas as dependencias competentes da Administración do Estado con sede en Galicia".
No referente aos medios de comunicación, o Comité de Expertos do Consello de Europa expresa a súa "preocupación pola tendencia negativa (no uso do galego), observada en RTVE". En xeral, considera que a situación da lingua nos medios é "mellorable" e insta para a creación dunha emisora de radio privada que emita en galego".
O Consello europeo tamén lamenta a escasa información achegada polo Estado sobre as opcións lingüísticas nos servizos telefónicos, de provisión enerxética, etc, aínda que sinala que "a información presentada polo sector non gobernamental apunta a que a maioría dos servizos públicos non cumpren este compromiso". Recoñece ademais os casos en que "os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego", tal e como o denunciou a Mesa pola Normalización Lingüística. Apunta como unha das causas a "ausencia dun plan de acción para evitar estas situacións".O Consello de Europa constata a inexistencia dunha regulamentación financeira e bancaria que permita o uso do galego "na redacción das ordes de pagamento ou outros documentos financeiros", de xeito que "na maioría dos casos non se dispón de documentos financeiros e bancarios en galego".
Advirte ademais de que "non se realizaron actividades para promover o uso do galego no servizo de ferrocarrís (Renfe e Adif) ou os servizos aeroportuarios (Aena)", compañías nas que o galego só se emprega puntualmente en documentos oficiais e nas que existe unha escasa dotación de persoal galegofalante "que poida prestar servizos nesta lingua". Do mesmo xeito, o persoal do servizo público de saúde "fala fundamentalmente castelán, non existe un regulamento sobre o uso do galego no Sergas e nos hospitais e non se emprenderon iniciativas para impartir formación ao persoal". "A maior parte do persoal non está cualificado para prestar servizos en galego, e a situación é grave na atención privada de saúde".
O Consello de Europa insta o Estado para que cumpra os compromisos e informe sobre se "se despregaron esforzos para estabelecer unha cooperación interestatal entre as autoridades portuguesas e españolas en beneficio do galego". Na situación xeral da cooperación con Portugal, o Comité de Expertos considera que "poden realizarse melloras". Con respecto ao galego na comarca Eo-Navia (Asturias) sinalan que "se tomaron moi poucas medidas en beneficio desta lingua desde o último ciclo de supervisión". "A identidade específica desta lingua continúa sen gozar dun recoñecemento claro como variante lingüística do galego", apuntan. Ademais, o Comité de Ministros do Consello de Europa insta o Estado español para que aclare a situación do galego na comunidade de Castela e León, así como que "adopte medidas para a súa protección e promoción".