Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xamais ante os meus ollos unhas marés máis fortes, a forza do noso amor non pode ser inútil FOTO: Chico Mirás |
V.15 NON PARA TODAS
Apróbase o anteproxecto de lei do aborto no medio dunha polémica cada vez máis insá e enlodada. No bus urbano, sinto unha señora: "Zapatero, ese si que anda a restablecer a pena de morte: para matar os nenos!" (a frase foi pronunciada, obviamente, en castelán). Moi probablemente non defenda esta muller a tal capa e espada as vidas dos nenos e nenas iraquís, da India ou ben de Ruanda. Nin tampouco a mesma vida das propias nais, a piques da posibilidade de experimentar ou non un cambio radical e verdadeiramente irreversible. O mellor que debería facer alguén que estea en contra do aborto é sinxelamente non abortar. Se todo o mundo vivise a situación de preferir seguir adiante co embarazo non se precisaría de campañas antiabortistas. Propoño que estes últimos/as vaian creando, dos seus petos, un fondo económico para a axuda e apoio real a todas esas "nais en apuros". Ah, e, de paso, que nos mercados se lles cobre a ducia de ovos a prezo de polos ou galiñas.
S.16 tODOS OS MUSEOS ABERTOS
Na Coruña, o Concello celebra o Día Internacional dos Museos vertebrando unha programación que abre á rúa cada pequena galería ou grande contedor de arte da cidade. "Happenings" ao aire libre polas esquinas, actos especiais, proxeccións de cadros sobre as fachadas dos edificios ou nas lousas do Cantón, coloquios e xuntanzas, e uns museos que festexan -de portas abertas- o seu día grande ata unha grande noite. Hoxe pechan ás 00 h, pero antes imos ler os nosos poemas á sala de "MoretArt" que, dende a rúa Olmos, anda a funcionar marabillosamente ben nese labor non aprendido de coidar os seus artistas e clientes. Nótase o agarimo no mimo co que conservan as obras de Héctor Francesch ou Manuel Suárez, co que enriquecen a exposición actual de Xurxo Gómez-Chao ou co que ofrecen asesoría artística a investidores da arte ou coleccionistas. E ademais de gozar da poesía dos compañeiros Lino Braxe ou Xavier Seoane, fago a abraiante descuberta de Dores Tembrás, que acaba de editar en Espiral Maior a súa primeira obra, O pouso do fume, unha marabilla que relembra o mundo rural cunha elegancia exquisita, luxo de léxico enxebre e unha fonda verdade. "Amarotes nos balados/ camiño da escola", delicioso voltar á infancia na aldea da man dunha voz tan alta e delgada.
D.17 ESTIVEMOS TODOS/AS
Milleiros de cabezas, riadas de amor. Decenas de miles de vontades de non deixar esmorecer un tesouro. O ceo rompeu a chorar e a Quintana floreceu de paraugas, todos a un tempo, coma as consignas. Riadas de amor á lingua ateigando as rúas de Compostela. Cando fala Avelino sae o sol, cando berra Pousa-Antelo o ceo alberga unha esperanza, e ao lonxe pinta un horizonte de mil primaveras máis. Estivemos alí e berramos alto, ou erguémonos en silencio. Collemos os coches, investimos o noso domingo, e movémonos rodeando mazás enteiras para multiplicar os números dos que só respectan a liberdade deles/as. O ceo rabeaba e non encollía a nosa forza. Saímos con pandeiretas para que o galego non remate nun obxecto folclórico, saímos sen bandeiras para que non sexa máis o aceno dunha política de partidos, saímos todos xuntos para que sexa de todos e todas e nos una, saímos á capital para que non nos deixen ao arbitrio da lei da selva. Xamais ante os meus ollos unhas marés máis fortes, a forza do noso amor non pode ser inútil.
L.18 POESÍA PARA TODO O MUNDO
A nova da morte de Benedetti volve cara á poesía os ollos mesmo dos/as que non o leron. "Unha esperanza un horto un páramo/ unha migalla entre dúas fames/o amor é campo minado/ un xubileu do sangue". Imaxe do home bon con voz e alma de poeta, o que non levigou a excelencia na democratización da poesía, que nunca restou brillo á voz que compartiu con todos/as. Poesía doada e alta, flores para o pobo ancho. "Nas mans che traio/ vellos sinais/ son as miñas mans de antes/ non as de agora", e das súas mans recoñezo a letra, na primeira páxina deste poemario fermoso que sosteño entre as miñas, no seu saúdo escrito e cordial asinado no 98. Seguramente aquela foi a última vez que Benedetti pisou A Coruña; eu veríao despois, coincidindo nun acto na madrileña "Casa de América". Sempre conservou esa rebordante humanidade no seu rostro, sempre esa man tendida á mesma nos seus versos.
M.19 ESCÓITASE DE TODO
Mentres viaxo ata a Feira do Libro de Lugo para ler poemas, seguen as incógnitas sobre o futuro da lingua na que penso recitalos. Paos de cego e cortinas de fume, onde dixen "digo" digo "Diego", inquéritos familiares pero non poder facer "educación á carta", protexer a liberdade lingüística duns/has e protexer a dos outros/as ao mesmo tempo, ameazas de segregación nas aulas xunta unha chea de excelentes intencións sen que estean claras as maneiras efectivas de acadalas. Dúbidas e perdices mareadas. Desexamos solucións claras e chocolate espeso, claro que é difícil nadar e á mesma vez gardar a roupa..