Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Cando somos nenos-as pintamos paisaxes con casas nas que son moi importantes as chemineas, polas que sae o fume. Medramos e seguimos debuxando aínda que non debuxemos. Seguimos imaxinando e iso fainos sentirnos vivos-as. Dores Tembrás (Bergondiño, A Coruña, 1979) chama a nosa atención como se ela fose unha cheminea que nos devolve á nosa orixe. O seu primeiro libro O pouso do fume resulta delicado, elegante, humilde, sobrio. Ela é doutora en Filoloxía Hispánica e especialista na obra poética de Alejandra Pizarnik. Nos debuxos da infancia tamén había un pozo cheo de pedra, memoria e auga. Dese pozo extraemos as palabras necesarias para comunicar a páxina en branco, a alegría, a morte, o amor, as perdas. Se o silencio falase diría moitas cousas. O poema da despedida tamén podería ser un xeito de situarse no centro da vida: "Pasou febreiro pero sempre acuario e dos 28 desexos só queda unha man que xa non fai caligrafía"
As palabras son pequenas casas onde vivir para sempre? Que é para ti a literatura? Sentes amor polas palabras?
As cuadrículas son para min pequenas casas onde vivir coas palabras para sempre; así o aprendín no parvulario. Son un espazo donde a comunión é posíbel, facilitando o encontro entre a palabra e quen a convoca. Daquela, como non amalas? Elas miran por nós, procúrannos alimento, descanso, saben dos nosos medos e axúdannos a exorcizalos. Definir a literatura sen que soe pretencioso non é doado, para min é unha arte que ten como ferramenta as palabras e que, coma calquera outra arte, une emoción e pensamento.
O fume é unha especie enerxía última dos corpos antes de desaparecer?
O fume é testemuña da morte, substancia que penetra nos corpos, signo que, contra o que se pensa, non se esvaece. Pero tamén é fogar, penso nos debuxos da infancia, as chemineas omnipresentes, o primeiro fume das piñas no inverno, a roupa afumada. Non escribo sobre a morte, pero está aí, coma compaña silandeira que se sabe vencedora. A morte en abstracto non me interesa moito dende o punto de vista poético, pero si a morte concreta, a que considero máis real, a que acontece no cotián.
O poeta Antonio Gamoneda ensinounos que todo arde: as perdas, os significados, o tempo, a vida mesma...Que che ensinou a ti o poeta Gamoneda?
Ensinoume que as perdas poden arder; asumo que a queima é necesaria para a reconstrución, un rito co que aprender a despedirse, onde comprobar se somos de todo imnífugos, ou se tamén se queima algo en nós mentres acendemos as achas. Pero Antonio Gamoneda amosoume sobre todo o peso do frío, a excelencia da imaxe perfecta, da emoción contida no último verso.
No teu libro "O pouso do fume" hai unha presenza de pantasmas que necesitan xogar, chorar, expresarse. Cres no poder da imaxinación?
Eu non as chamaría pantasmas, son presenzas das que me rodeo, que me acompañan e sinalan verdades, lembrándome quen son, de onde veño. Sempre estiveron aí, pero no proceso de escrita, fixéronseme máis visíbeis, necesarias incluso. Tendo en conta a potencia da tradición oral como signo definitivo dos meus antergos, esas presenzas transcenden o paso do tempo e permiten a comunicación fluída coa orixe. Na terra na que vivimos é difícil distinguir os límites entre o real e o imaxinario e eu tiven a sorte de que meus pais potenciaran ao máximo a imaxinación no meu irmán e en min, dándolle incluso un estatus superior que á realidadesta.
A infancia é unha ilusión óptica?
Agora, dende a escrita, percibo a infancia coma unha ilusión óptica, reescríboa con teima, convócoa no intento último de apreixala. Escribir é un xeito de aprender a despedirme da nena que fun, pero ao mesmo tempo isto permíteme cristalizala nos poemas, sabendo que sempre poderei volver a ela a través das palabras.As infancias de tres xeracións atravesan o poemario, tres fíos que dialogan dende unha distancia temporal que desaparece grazas á terra. Na miña adicción ao pasado, á memoria, a infancia é o centro que me permite embalsamar a perda.
O camiño ata a escola mide 7 km. É a distancia que hai entre a vida cotián dos nenos-as e o mundo -artificial e aprendido- da educación?
O poema dos 7 km baséase nun feito real que lle aconteceu á miña avoa Cándida, cando era unha nena, co Rei Alfonso XIII, cando este foi visitar unha marquesa que vivía en San Sadurniño. Eses 7 km son o símbolo da primeira desilusión que se experimenta na nenez. E poderían medir, con certa exactitude, a distancia entre a aprendizaxe máis natural e aqueloutra máis artificial, que se nos obriga a adquirir sen que cheguemos a comprendela, e o que é peor aínda, sen que iso importe.
A poeta Yolanda Castaño dixo que "O pouso do fume" é "unha marabilla que relembra o mundo rural cunha elegancia exquisita." O mundo rural é para ti un fondo suco, unha emoción, un tempo vivido?
Eu tiven a sorte de criarme na aldea e, sen dúbida, ese espazo que tento recrear nos poemas é un suco de infindas posibilidades, sobre todo de emocións que determinan o xeito de enfrontrarse á vida, de entendela e que, no meu caso, condicionan unha parte fundamental do carácter. E aínda que a ligazón coa terra é un vinculo indisolúbel e definitivo, si é certo que falo dun tempo que foi, porque aos oito anos meus pais decidiron que debiamos escolarizarnos na cidade,e a partir dese intre, o cotián coa terra pérdese en favor dunha intensidade máis puntual.
Recuperar a desmemoria é unha forma de manter viva a memoria?
Si, completamente, recuperar a desmemoria é o intento de sobrepoñerse ao paso do tempo, de recoñecerse nas xenealoxías que me conforman, de revelarse contra o silencio cómodo. Ollar as cicatrices de preto, expoñéndonos á dor, volvendo experimentar a ferida, como solución que cauteriza, ata que deixa de doer. A memoria podería ser un río, na aldea na que me criei, chámaselle río aos lavadoiros de pedra, na miña casa hai un: pedra+ auga=memoria.
Dedícaslle un poema a Manuel Suárez -"o voyeur descompoñía fractais"-. El é o autor da ilustración da portada do teu libro.
Manuel Suárez é un pintor exquisito que tiven a sorte de coñecer hai anos. A fonda amizade que nos une deume a posibilidade de asistir a unha parte importante da súa evolución como artista, e de adentrarme nas vísceras da súa pintura. A pesar de ser un pintor novo, para min hai tempo que deixou de ser unha promesa, converténdose nun creador cunha obra fascinante. Non podía ser doutro xeito que eu lle pedise un cadro que cristalizase o pouso do fume para a capa do libro. O certo é que a súa obra e a miña escrita hai tempo que estableceron un interesante diálogo, e precisamente agora andamos cun proxecto entre mans sobre a súa última serie de abstractos.
O silencio, a páxina en branco, están moi presentes en "O pouso do fume". É importante silenciar o non escrito e lembrar a John Cage?
Ás veces sucede iso, que o silencio é máis potente que calquera palabra; quero ler o silencio, escribilo, non como ausencia de palabra, senón como presenza de silencio. A importancia deste conceptualizouse para min coa lectura do libro Silencio de John Cage, hai anos, mentres investigaba para a miña tese de doutoramento. Este libro levou- me a interesarme polo compositor e a súa obra. Considero "4"33" unha obra mestra, que pon de manifesto a xenialidade do compositor que se atreve a indicar na partitura, que o intérprete non executará ningún son durante catro minutos e trinta e tres segundos.
Cando les a Alejandra Pizarnik "desaprendes" e sentes o sal na chaga e a febre no beizo?
Ler a Pizarnik é desaprenderse, e isto esixe non sentir o sal na chaga, se non ser a chaga. Non me resulta doado falar de Pizarnik exclusivamente como lectora, sen que a investigadora apunte por detrás, pero a pequena homenaxe a Alejandra no poemario quere referir o credo da súa poética: recoñecerse na dor para saberse viva, gorecéndose no desamparo, convencéndose de que non existe saída posíbel, só a escrita como testemuña da pugna entre a palabra e o silencio.
O fume deixa un pouso positivo que perdura no tempo? Por que decidiches un título de fume para o teu libro?
O fume do forno, da cociña de ferro, da lareira, aí reside a orixe, a comida e a palabra arredor do lume, a historia do que somos. Síntome herdeira dese legado, pertenzo a unha xeración testemuña da súa extinción, quería tentar recoller o pouso de séculos de fume, coa esperanza de apreixalo. O concepto que deu lugar ao título xurdiu hai anos, mentres realizaba unha estadía investigadora en Suecia; alí verbaliceino por vez primeira, reflexionando sobre a terra e a orixe, daquela asumín o momento que estaba a vivir, a morriña na medula, o lonxe que ficaba o pouso do fume.