Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Gloria Lago durante a súa entrevista con Jesús Vázquez (esquerda) FOTO: Axencias |
Hai boa sintonía entre a presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que onte se compremeteu a estudar as súas peticións. Se nos guiamos pola versión de Educación, mesmo hai sintonía entre Lago e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, aínda que ela -probablemente máis sincera polo regalo envelenado que lle levaba a Lorenzo- diga que os seapara "un abismo". ¿Cal era o regalo?Pois moi sinxelo: Unha"petición moi especial" -explicoulle a presidenta aos periodistas- digna das mellores intrigas cortesanas: que se retire unha guía de planificación enviada polo bipartido e redactada, entre outros, por Anxo Lorenzo.
Pero Lago non quedou aí e tras a reunión co conselleiro, cualificou de "indecente e antidemocrático" o Plano de Normalización Lingüística que, precisamente, promoveu o PP. Quen o respaldou "estaba equivocado" e ela explicaralle á xente "as porcalladas da política lingüística feita ata agora". Por outro lado, o resultado da enquisa impórtalle "un pemento"
Lago arrincoulle a Vázquez a posibilidade de que o próximo curso os alumnos usen a lingua que se lles antolle nas aulas mentres non haxa un novo decreto do galego. Ao parecer, dixo, existe unha "cláusula de excepción" no texto actual que ampara a súa demanda.
"A reunión foi cordial", indicou a líder de Galicia Bilingüe, satisfeita pola receptividade do conselleiro, aínda que non lle parece suficiente: espera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "cumpra as promesas electorais" e redacte un decreto sen tanta flexibilidade como o actual para que cambialo sexa imposible.
Con respecto á polémica consulta que estes días realiza Educación, Lago presentou unha lista con case 50 centros onde constataron que "cometen irregularidades". Na maioría, as irregularidades que ve Galicia Bilingüe é o envío dun tríptico en galego "que intenta condicionar" os pais. "Nalgúns casos ía grampado na enquisa", enfadouse Lago, e noutros casos, foi repartido no comedor dos centros. "É xente desesperada a que fai este tipo de trampas", sentenciou. Para Lago, a derrogación do decreto non vai provocar unha fractura social porque "os galegos non somos tan parvos". Pero o texto actual abriu "unha inmersión obrigatoria" e escondía "intereses económicos" e "fanatismo".
Callón entra nos xulgados
Os cartaces utilizados na manifestación do 17 de maio volveron saír á rúa onte para mostrar o apoio ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que acudiu aos xulgados composteláns para declarar despois de que o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, o denunciase por un presunto "delito de calumnias e de inxurias".
O motivo desta denuncia, segundo indicou a Mesa, foron as declaracións realizadas por Callón en defensa da lingua cando Fraga Mandián denunciara un veciño da Coruña que lle solicitou recibir as notificacións en galego e co topónimo oficial da cidade.
O portavoz da Mesa rexeitara con contundencia a declaración do maxistrado "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña" que reproduciran os medios de comunicación presentes no xuízo contra o veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, que onte estivo tamén na concentración. Para Callón, a afirmación do xuíz constituiría unha "apoloxía da desobediencia da legalidade, especialmente grave ao se tratar dun maxistrado, quen non debería guiarse por ningún outro criterio na súa función pública que non fose o da plena aplicación da lei."
Para o presidente da Mesa, esta denuncia "encádrase nunha campaña moito máis ampla de demonización da nosa asociación, que vimos sufrindo cunha virulencia inusitada nos últimos oito meses".