Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Acabo de ler que un escritor sen blog é un ente caduco, unha rémora de outro século, que un escritor sen blog "está coxo das súas pernas." Ese son eu.
O 22 de febreiro viaxaba de Vigo a Carballo con Ana e Mauro. Preto da chegada, baixando de Anxeriz cara a Entrecruces, está o desvío para a fervenza do Taboada. Alí chámanlle a Férveda, ou o Salto da Férveda. O día era fermoso e acababa de chover arreo, de maneira que acordamos facer un alto e ir ver o cachón.
A última vez que foramos Ana e mais eu, quince anos atrás, sorprenderamos a un ancián e un adolescente en plena sodomía entre a matogueira da ribeira. Quizais por iso ela amosaba agora escaso entusiasmo coa parada. Era domingo de antroido e uns cativos estalaban petardos a carón da igrexa. Aparcamos no adro e camiñamos. O sendeiro estaba limpo e ancheado ata uns metros do salto, un manto de auga procedente de Tordoia que se despenaba nunha caída duns vinte metros sobre a rocha moura. Achegámonos ata mollarnos coa auga salferida e sentamos na herba a escoitar o balbordo.
A uns pasos da fervenza, ademais de varios castros están os restos dunha antiga fábrica de electricidade, coma min... do século pasado. Peor aínda, de primeiros do século pasado.
Trátase dos muros esboroados dunha construción que na nosa anterior visita nos pasaran desapercibidos por estaren ocultos baixo as silveiras. Eu subín enriba dun dos muros, da altura dun valado, e vin que dentro conservábase parte da maquinaria enferruxada do que en tempos fora unha industria pioneira, cunha potencia de 150 kw e unha saída de 5000 voltios que se transformaban a 125 antes de seren distribuídos á poboación, con turbinas importadas directamente de Nova York ata a Electra de Bergantiños. Aquelas turbinas que eu ollaba agora ruinosas foran nun tempo o futuro.
Unha pedra do muro movéuseme baixo os pés e perdín o equilibrio, dei un chimpo cara a atrás para baixar ao prado e fun bater co pé esquerdo sobre un croio de pico espetado na herba mol, unha pirámide de tamaño algo superior a un puño. Non sentín romper nada pero notei como o nocello se torcía por completo: O coxo do salto. Permanecín uns minutos inmóbil agardando que minguase a dor. Ana e Mauro alarmáronse e preguntábanme se podía movelo, se podía andar. Eu fixen probas apoiando o pé con xeito, a dor continuaba pero podía andar, non había rotura, só unha escordadura. Iso si, a peor que sufrira nunca.
Os días seguintes apenas podía completar unhas ducias de pasos pero non vin que nada inchase ou que a zona virase moura. Era cuestión de agardar e que o tempo fixese o seu labor.
Ao cumprirse os dous meses seguía tendo días: algúns observaba melloras e outros non podía conducir. Fun ao ambulatorio. Expliqueille a situación á doutora adobiándoo co meu medo a que a lesión cronificase, que eu vía como os futbolistas con escordaduras volvían xogar ás tres semanas ou ao mes.
Ela dixo que era normal, que podía tardar tres meses, ou mesmo seis, que eu non tiña os coidados dun futbolista. Amabelmente fíxome ver que tampouco tiña a idade dun futbolista, e iso influía. Receitoume un protector semirríxido e pediu que non me preocupase en exceso.
Hoxe precisamente cúmprense cinco meses e algo mellorei, mais sigo tendo días, e sen correr nin forzar o artello. Se cruzo as pernas sentado deixo o pé esquerdo no ar, baixo as escaleiras con tino; se me viro, o eixe do pé de apoio é sempre o do nocello dereito, non me vai ben a humidade, cousas así. Claro que segundo a doutora aínda me queda un mes e, admítoo, non me coido como debería.
Mauro amosoume hai uns días unha aplicación de Google maps coa que podes pasear por unha cidade a nivel da rúa, virarte a esquerda e dereita (sen pés), erguer a ollada cara o alto dun edificio, rodealo, avanzar a paso real: algo abraiante. Se tivese ido á fervenza desta maneira o meu nocello estaría intacto.
Con todo, dubido que Microsoft teña mapeada esa zona do rural de Bergantiños, eles o perden. Non sei se me explico. Non sei se @s dos blogs me entenden. Eu leo un feixe deles e algún encántame, pero non teño, e estou coxo. Iso si, en vías de recuperación. E non quero ser un escritor do pasado, faltaría máis. Quero ser do futuro, de cando xa os blogs desapareceron e as ruínas son ruínas e as pedras seguen a mancar, aínda que doia.