Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
Portada » Hemeroteca web

agosto

A sonosfera da cidade

21.08.2009 Escoitar.org, unha formación especializada na recuperación sonora de Galicia, desembarca hoxe no Festival dos Abrazos para grabar os sons de Compostela

5.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. TOJO . SANTIAGO

Se tal como supón o filósofo Peter Sloterdijk, o ser humano é un experimento sonoro, habería que comprender o mundo como un sistema polifónico perfectamente engranado e onde cada territorio ten a súa paisaxe acústica. Non soa igual Galiza que Catabria, Etiopía ou Nepal. Nin Marín que Ferrol, nin as dunas de Corrubedo que as de África central. E ese ruído é identitario. E é a fonte da que bebe o proxecto Escoitar.org, unha asociación cultural dedicada á recuperación da memoria sonora galega que hoxe ás 13.00 horas aterra en Compostela -"unha cidade con moitos silencios"- para grabar parte do seu son dentro do programa do Festival dos Abrazos .

Pertrechados cun micrófono xigante inchábel de sete metros de lon­xitude, arrastrado e suxeitado con arneses, o batallón de oíntes percorrerá as rúas da cidade na procura dos sons propios -os chamados sons de pertenza- "aqueles de confiren o carácter e a identidade acústica do lugar, que os habitantes recoñecen como propios e que non se escoitan en outros sitios", segundo explica o antropólogo Chiu Longina, coordinador de Escoitar.org. Alén, o macrófono capturará o son ambiente en tempo real o que posibilita a súa emisión radiofónica.

Segundo explica Longina, na Sonosfera de Santiago, "que faremos coa colaboración do Colectivo Alg-a, poñeremos en primeiro plano ese son. "A maioría ímolos buscar, pero facémolo como unha deriva situacionista, é dicir, deixámonos sorprender polas orellas. Outra boa parte veñen dos traballos de prospección previos baseados en estudos da historia de Galicia e dos consellos que escoitamos no programa O Tren do Serán da Radio Galega.

E outra parte veñen dos obra­doiros que se imparten nas cidades e os pobos ou do traballo de campo que se fan habitualmente -baseado sobre todo en entrevistas en profundidade a informantes-. "O que temos moi claro dende sempre é que son os propios ointes os que deciden cales son os sons importantes na súa experiencia sonora, é por iso que o sistema web de Escoitar.org permite a calquera oínte engadir sons ao mapa. "Co son poden contaminarnos e até torturarnos".

Curiosamente a lexislación actual sobre son refírese unicamente os aspectos de presión sonora, é dicir, de volume, pero non recolle aspectos cualitativos do son, como é este caso, así que pouco se pode facer legalmente para evitalos. De novo temos diante esa hexemonía histórica do visual sobre o sonoro.

Escultura Escoitadora na Praza do Toural, trátase dunha acción "na que taparemos a boca e pecharemos os ollos durante quince minutos para afinar os nosos oídos e invitar ao mesmo tempo a cidadanía a que faga o mesmo".

Os membros do grupo falan de que seleccionan os sons s como expedicionarios. "É moi difícil elixir un son concreto, sobre todo porque a nosa experiencia é plurisensorial e moitas veces os sons están asociados ás imaxes, os olores ou as sensacións tácteis. Comento isto porque aínda que nós en Escoitar.org centramos a nosa investigación no son, como método científico operativo, temos moi claro que os nosos cinco sentidos funcionan como sensores de datos que informan ao cerebro e este interpreta e memoriza as situacións deste xeito plurisensorial. Un son que sempre me sorprendeu e o silencio das mañáns na miña aldea, na que se escoita perfectamente como traballa o pequeno disco duro do portátil, cousa que nunca escoitei en Vigo.

Duelo entre Lord Keison e Chemical Orange

Como todos os venres,o Festival dos Abrazos pechará a xornada cunha sesión dj ás 23.30 h. no parque de Bonaval MusicVideoCrash, nome dun espectáculo no que Lord Keison se enfronta nun novo combate entre audio e vídeo con Chemical Orange. O inglés Funk, Soul, Rebel combinará a súa selección ampla de estilos na busca da vitoria sobre a técnica e a estética impecable do Chemical Orange.

ENSAMBLE

A música persa de Barbod

O patrimonio arquitectónico de Compostela volve ser testemuña dun encontro intercultural no Festival dos Abrazos coa Barbod En­semble, que hoxe actúa na igrexa de Santa María do Camiño, ás 13.00 h. e ás 20.00 h.. Cunha formación e un repertorio que beben das tradicións musicais de Oriente Medio, o grupo está integrado por músicos iranianos e armenios, encabezados por Massud Naderi, mestre dos ritmos persas sacados dun peculiar instrumento: o tombak. Todos eles residen en Cataluña e os seus espectáculos inclúen improvisacións sobre pezas das tradicións persas, armenias e doutros países do Oriente Medio, o Cáucaso e Asia Central, nas que a percusión xoga un importante papel. Entre eses sons exóticos destacan o do tombak e o def, que se funden coas melodías engaiolantes de instrumentos de corda, como o rubab afgano, o oud e o tar, e mais de vento, como o duduk.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS