Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Sábado 04.02.2012  | Actualizado 14.25

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Portada » Hemeroteca web

Elba Rey: "Uxío era un poeta total"

12.09.2009  A viúva de Novoneyra, considera que na obra "Os Eidos", publicada no ano 1955, aparece a palabra máis elegante e depurada que pode alcanzar un escritor

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

LUPE GÓMEZ

Na páxina final do último libro que publicou Uxío Novoneyra encontramos un poema que di así: "Se o pasado é pasado/ i o presente é o urxente/ por qué inda busca a xente/ aquil soño clausurado?" Era unha edición que levaba por título Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. Elba Rey confesa que é "unha muller silenciosa" pero cando fala de Uxío, fala "moitísimo". Nótase a emoción nas súas palabras, na súa conversa. Segue namorada do seu home, e segue pensando que el foi "unha persoa deslumbrante, un poeta total". Todos os poetas quixeran ter unha familia que conservase con tanto respecto e fidelidade a súa obra literaria. A compañeira de Uxío garda de forma rigorosa a esencia do que el dixo, viviu e escribiu. No libro Do Caurel a Compostela aparece este poema: "Chámanos cada verba/ cada sorriso cada xeito cada ollada nosa/ cada val e cada teso." Uxío segue chamando por todos nós, os galegos e galegas.

 

Que é para ti a poesía? Que significado tiña para Uxío?

A poesía é todo, o máis real, o máis axustado á realidade. Para Uxío a vida e a obra están tan encaixadas que é difícil distinguilas. El sempre dicía que procuraba fuxir do que entende a xente por "poeta". Aínda que el era escandalosamente poeta. Uxío dicía que "un poeta é o que está nelo. Non necesita nin publicar." Uxío estaba sempre niso e atento a esa constante reflexión sobre a sociedade. Contraponse ao poeta que está sempre no aire. Co reais que son os nosos poetas! Co ben situados que están! É difícil situar hoxe o que é un poeta. Antes o poeta era o símbolo. Era un referente, non só da palabra, senón de moitas cousas. Agora fálase de Uxío con emoción, como se o feito de dedicarlle o día das Letras Galegas fose vehículo de algo. Levame a reflexionar sobre o seu amor polo pobo.

 

"Acabei servindo á palabra poeta. Tamén me axudou a facelo ter por compañeira unha muller que consideraba que ser poeta era un gran destino." Son palabras de Uxío no libro "Dos soños teimosos", editado por Noitarenga.

Considero que ser poeta é o máximo destino porque é o máis solidario coa túa existencia e coa existencia dos demais. É a mirada máis compasiva. Tamén é o camiño para a felicidade e para estar sempre aberto á beleza. Iso é estar exposto a todo, ao máis positivo e ao máis negativo. No poeta sempre poden a esperanza e a responsabilidade máxima. Considero que Uxío era un poeta total. Era moi vital e divertido. Uxío levaba tamén unha carga, unha consciencia excesiva.

 

Segues falando moito de Uxío. Segue sendo para ti unha presenza que te acompaña?

A miña actividade plena é sempre a través de Uxío. Non se trata de que eu estea minorada. A través de Uxío son máis plena. Ampárome moito no seu concepto de elexía. Cando morreu Uxío, tiñamos tres fermosos fillos e eu nunca declinaría de que eles volvesen sorrir, pero eu pensei que a min non me importaría morrer. Non o digo como unha formulación dramática. Eu fun un ser moi privilexiado pero cheguei á idade que teño con moita dor. Fun unha nena moi mimada e caprichosa. Ao morrer Uxío o normal é que eu me sentise desamparada, ida, e non foi así. Uxío enchía tanto! Seguín amparándome na poesía . Volvín ler compulsivamente a Uxío e choraba. O libro Dos soños teimosos amparoume totalmente.

 

Como coñeciches a Uxío? Que foi o que te namorou del?

É moi bonito. A casa do Caurel, o bosque, a forma de coñecernos daban para unha película inglesa de moita beleza ambiental. Eu estudaba Maxisterio en Lugo. Considérome luguesa e caurelá. Agora quérolle moito a Compostela. Eu namorábame das miradas, dunha voz. Era unha nena moi encantadora. Lía moita filosofía. No verán de segundo de Maxisterio fun veranear a Vicedo. Unha tarde de verán, cando eu tiña 17 anos, fun pasear coa miña amiga Ana María. Iamos a tascas ás que só ían homes. Entramos no bar Juma, que era moi bonito. Había unha exposición de pintura. Colliamos notas da exposición porque estabamos artellando unha revista. Xusto entón entrou un home deslumbrante que viña de Madrid. Era Uxío. Era completamente distinto aos outros homes. Levaba bolso, vaqueiros, sandalias e unha cazadora tan bonita que lla trouxeran de Canadá, que era vermella e negra. Vin que era un home distinto, e observeino. Sempre me namorei moito e xoguei moito coa graza do amor. Casei con el no 1973.

 

Uxío dedicouche versos como este: "andas as rúas como se fora a praia". Para ti era un orgullo que el che dedicase poemas?

El non era moito de lles dedicar poemas ás mulleres. Para el o amor era a máxima realización e sen amor non concibía a existencia. O amor físico era importantísimo para el, e para min tamen. Hai un poema seu que está referido ao meu pelo. El dicía que era un pelo "moi chovido". Eu era moi delicada de aspecto. Era tamén moi elegante na miña xuventude. Ía sempre como se estivese espida aínda que fose vestida. Tiña o pelo moi longo e lacio. Uxío dicía que o meu pelo era bonito e que nunca o cambiase. Dicíame: "Vas ser unha velliña encantadora."

 

Na obra "Os eidos" palabra de Uxío é dunha gran fondura, como se nacese dunha experiencia extrema.

A poesía de Uxío en Os eidos é a palabra que vén do fondo do seu "pueblo" pero depurada por un poeta cunha experiencia intensa da palabra. El lía todos os poetas, asumindo a poesía como el a asumía, e pasaba a ser súa. El fusiónase con todo. Uxío sempre mantivo que o poeta fai un tremendo esforzo, recibe a palabra, depúraa, castígaa ata dicir o que é imposible calar. El non traizoou nunca a palabra. En Os eidos aparece a palabra máis depurada e elegante que pode ter un poeta.

 

Era un gran "dicidor" de poesía. Gustáballe recitar?

Recitaba constantemente. Facíanos andar con todos os poetas. Comíamos con palabras de poetas. Uxío convocaba a todos os poetas históricos. Miguel Hernández ía con nós. Recitar foi a súa vida. El consideraba que un recital era un ritual sagrado. En Galicia Uxío tocounos coa súa palabra en constantes recitais. Os políticos non conforman aos seres. Non teñen amplitude de miras. Uxío dicía que el cantaba moi mal, porque estaba moi entregado á súa palabra. Eu cantáballe moito a Uxío. Gustábanlle os alalás.

 

Uxío estaba contento vivindo en Compostela, pero nunca esqueceu que era do Caurel. Escribiu o libro "Do Caurel a Compostela". Era unha persoa moi permeable aos novos poetas.

El non está enterrado no Courel. Está enterrado en Lugo. Nunca aceptei que Uxío ía desaparecer fisicamente. Dende que o coñecín, pola nosa casa de Parada, ou en Lugo, ou en Compostela, todos os poetas foron a falar con el. Sempre foi un defensor e un ensoñado dos novos. Foi dunha xenerosidade absoluta, conmovedora. El amaba profundamente a Galicia e a todos os "pueblos". Cando volveu de Madrid para el foi moi importante o pintor Maside, e tamén respectou profundamente a Pedrayo. Compostela foi unha das súas cidades amadas. El dicíame que "Compostela é belísima." "Do Caurel a Compostela" é un percorrido mítico de liberación do seu "pueblo" e de todos os "pueblos" oprimidos. É loitar polo esencial. Para Uxío o poeta ten que anovar a palabra sempre. Non pode aterse a normativas. Ten que estar atento ao recibido, anovalo e ofrecelo.

 

Uxío deixou estas palabras: "Se un puidese orar aínda, o único que teimaría en pedir sería non ceder nunca do entusiasmo."

En Galicia o poeta é o canto máximo. É o entusiasmo que nos leva á plenitude. Cando Uxío morreu metinlle na súa caixiña o libro "Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas". Eu construía as portadas e os libros con el. Antes de morrer díxome que puxese ao final un poema que di asi: "Camiño de volta fago/ volvo do cabo do Mundo./ Terra sólo en ti me fundo:/ é a certeza que trago." Cando o leo sempre me emociono. Di "fundo" como fundamento, como di un labrador, non como unha teoría cultural. Para Uxío a "patria lingua" é onde quedaremos. Dicía noutro poema: "Branca Uxío i Arturo/ quedaranse no Futuro." Uxío era o que nos coidaba a todos, o que se levantaba polas noites. Era o pai, o irmao, o amigo. Era a graza da vida. Era o non declinar nunca do entusiasmo.

 

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS