Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Unha "parodia" dun "segmento da sociedade ao que normalmente se trata con moito respecto" por ocupar "os postos de maior relevancia". Así define Marcelino Fernández Mallo a sua novela Klásicos, que presentou onte na libraría Couceiro de Santiago.
As clases altas, e en especial as segundas xeracións, son tratadas, así, neste libro, "cun pano de ironía irredenta", que o autor desenvolve a través dun narrador en terceira persoa, con moita retranca e cun estilo áxil que dosifica ben a intriga nun "thriller psicolóxico", tal como cualifica a obra a editora, Morgante -o selo de autores galegos de Rinoceronte-.
"Os personaxes son inseguros, teñen moitas dúbidas e espazos agochados. Quixen reflectir isto dun xeito visible: as idas e voltas, quebras, currunchos...", comentou o autor. Os protagonistas, un grupo de amigos, actúan segundo unha serie de "tics, tópicos, ritos, que non son máis que estupideces... Eu o que propoño é unha parodia. Un tipo de reflexión que creo que necesitamos. A historia xurdiu da observación da realidade. Persoas co mesmo talento e méritos acadan postos moi diferentes, e entón parece que o talento que teñen é de distinto nivel. Ademais, é unha especie que se reproduce: os privilexios, a posición, hérdanse, e establécense mecanismos de conservación das mesmas", salienta.
A historia comeza cando Horacio, un mozo cunha vida cómoda e pracenteira, mata á asistenta, tras sentirse desprezado por ela polo xeito no que lle rexeita un bico. A partir deste feito, pasará a sufrir situacións de necesidade. Un "paradoxo", que nos revela desde o primeiro quen é o protagonista.