Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| De esquerda a dereita, Jango Edwards, Iván Prado e Peter Ercolano demostrando que eles si se mollan por facer rir o público FOTO: Rosa M. Gallardo |
O estanque do Auditorio de Galicia, foi onte á mañá escenario de risas, música de tambores, espectáculo ao aire libre e algún que outro chapuzón para presentar os cursos de Formaclown, que dende o 31 de xullo ata o 6 de agosto se realizan en Santiago de Compostela, xunto á gran variedade de números humorísticos.
O concelleiro de cultura de Santiago, Néstor Rego destacou que o Festiclown 2006, achegará á cidade galega decenas de persoas de todo o mundo para convertela na "capital do riso" durante a próxima semana.
Durante a presentación tamén falaron, Iván Prado, director de Cooperativa Cultural (ente xestor do Festiclown) e algúns dos profesores dos cursos de formación: Pablo Pundik, Pablo Trasno, Peter Ercolano, Jango Edwars, Loco Brusca e Sergio Claramunt.
"Estamos fartos de tanta guerra, de tanta mentira e de tanto político profesional que nos di que hai armas de destrución masiva e que hai xente secuestrada", comezou Prado, quen tamén explicou que os clowns están organizados nunha irmandade pola solidariedade, a paz, a xustiza e a dignidade.
Os cursos de formación para os "guerrilleiros do sorriso" son o eixe central do Festiclown, xunto coa Gala Solidaria con Palestina. O total de alumnos é de 250, e ademais de Galicia e distintas partes de España, moitos deles son estranxeiros. O éxito de participación foi tal, que segundo Iván Prado, preto de 50 persoas quedaron fóra das clases.
Entre as temáticas das xornadas destacan as relativas á formación de pallasos para hospitais, que correrá a cargo de Sergio Claramunt (do 31 de xullo ao 4 de agosto). "Eu creo que o pallaso actualmente ten moitos espazos aínda por descubrir, espacios nos que a xente está sufrindo e está necesitada de esperanza, de futuro, de ilusión, de risa, por iso o clown debe estar presente nos hospitais", afirmou Claramunt. As técnicas de improvisación e as dirixidas a "contrarrestar o efecto militar desde o mundo clown" , segundo afirmou o mestre Loco Brusca, serán outras das iniciativas a aprender nestas clases maxistrais o 5 e 6 de agosto. Ao final do acto, Jango Edwards, Peter Ercolano e Iván Prado demostraron no estanque que "se mollan pola risa do público".
Polo cesamento da violencia
Ademais das xornadas formativas, dedicadas a formar escudos humanos do humor para loitar contra as guerras e inxustizas, o evento estrela do Festiclown será a Gala Solidaria con Palestina, que se celebrará hoxe ás 22:00 horas no Teatro Principal. "Desde que naceu o Festiclown (2000) todo o recadado vai para obras solidarias" afirmou Iván Prado. De feito, no ano 2002, unha delegación de pallasos do Festiclown estivo en Palestina. O acto de hoxe presentarao Paula Carballeira e actuarán Leo Bassi, Jesús Jara, Pablo Trasno, Mofa e Befa e Os 7 Magníficos+1. A intención é demandar o cesamento de violencia nos territorios ocupados polo Estado de Israel , todo isto a través da maxia do espectáculo.