Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O compotelán, na foto, procurará aproveitar ao máximo os consellos de Darío Xohán Cabana FOTO: GH |
Despois de probar coa carreira de historia e de decatarse que aquilo non era o seu, decidiu cambiar de aires e estudar xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Alberto Ramos Ríos ten 20 anos e todo un treito por percorrer no mundo da literatura, pois hai uns días gañou a segunda edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia coa súa novela Dor pantasma, na que agora está metido de cheo.
"De momento, non penso en novas historias, porque desde que me concederon o premio tento mellorar este proxecto de obra", afirma o autor das páxinas que tratan a desapacirión dunha rapaza en Cangas. Ademais de recibir un ordenador portátil e unha escultura de Luis Loureira, o mes de outubro este escritor novel, estará hospedado na Casa Grande do Bachao, en Santa Cristina de Fecha, Santiago, para pulir a súa novela xunto a Darío Xohán Cabana, que será o seu mestre. "Para min este é o principal incentivo, pois Darío Xohán Cabana xa ten moito traballo ás súas costas e agradézolle que se moleste en ensinar aos que estamos empezando".
A desaparición dunha persoa e a angustia de non saber o porqué desa ausencia é o que el denomina Dor pantasma. "Quixen reflectir unha situación que se ve moito nos medios de comunicación, pero sempre tendo en conta o respecto dos que a padecen, pois estas páxinas non se centran tanto na desaparición en si, senón no que sucede na rutina do contorno da persoa que xa non está".
Alberto ten claro que quere aprender moito e seguir facendo o que lle gusta, aínda que recoñece que a lectura "vai mal, pois os que lemos en Galicia, tanto a prensa como os libros, somos moi poucos, pero isto é un problema de toda a sociedade e non só dos máis mozos".
O segundo intento foi o decisivo
Este compostelán, admirador de Carlos Casares, ten presentado varios relatos nalgún que outro certame, como o Rúa Nova 33, pero "moi pouquiña cousa, esta é unha boa oportunidade para mellorar", di Alberto. Ademais o ano pasado xa participara no concurso de Biblos, pero cun proxecto diferente, co que non houbo sorte.
Agora Ramos está concienciado para afrontar a corrección de Dor pantasma, xa que Iria López Teijeiro, gañadora do ano pasado e membro do xurado do premio, xunto a Darío Xohán Cabana, Xosé Ramón Pena e Tucho Calvo, "aconselloume que fose empezando a traballar, porque hai moito que facer". A obra publicarase na colección Mandaio.