Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
O cantautor madrileño con raíces galegas Joaquín Lera presentou onte en Santiago de Compostela Cometas, o seu sétimo traballo discográfico. O artista estivo acompañado por Javier Vidal, director da SGAE-Noroeste, quen resaltou que a última vez que Joaquín Lera estivera alí no hotel Palacio del Carmen, fora para anunciar un disco realizado por Factoría Autor con motivo da catástrofe do Prestige.
Antes de falar do contido das dez cancións do seu último disco Joaquín lamentou ter que facelo ante "a marea negra dos incendios", feito que a el tamén lle toca cerca, pois viviu algunhas temporadas en Corcubión, a terra do seu pai e que tamén considera del. "Pasei varios anos da infancia en Galicia, todos os veráns viña aquí e ademais estudei COU en Santiago, asi que sempre digo que son un madrileño con alma galega".
Cometas, producido por Pablo Méndez, é o resultado dunha selección de cen cancións e da colaboración de músicos como Javier Paxariño, Cristina Narea, Ismael Molina e Paz Miret, entre outros. O retrato da carátula é obra da irmá do cantante, Charo Lera que "tivo a amabilidade de facer esta portada, na que parezo un peruano", afirma. O tema que dá nome ao disco xorde por mor da lectura dun libro de Chantal Maillard, premio nacional de poesía hai tres anos, que di "os papaventos obrígannos a mirar ó ceo nunha cidade que obriga a mirar sempre onde pisas".
Ademais de temas urbanos e o amor, tamén están presentes as cuestións sociais, en Los que no quieren nada e El palacio de hielo así como Galicia, no tema Lejos queda la orilla del mar.
Lera aproveitou a ocasión para valorar o traballo de grandes cantautores non recoñecidos, como Juan Antonio Muriel, isto débese a que " a industria discográfica é unha pena, só se preocupa de gañar cartos", di o cantautor que reclamou nos medios un "circuíto paralelo a Operación Triunfo, por exemplo, un programa semanal de cantautores" para os que conciben a música dun xeito diferente ao de OT.
Os pequenos locais constitúen o escenario da súa vida
Joaquín Lera (1959) leva desde o ano 77 no mundo da música, empezou actuando en espazos íntimos como o Song Parnass de Lavapiés, xunto a figuras como Sabina, Alberto Pérez, Rafael Amor ou Juan Antonio Muriel. "Eu toquei toda a miña vida en lugares pequenos e considero que debería haber un circuíto máis amplo. Hai poucos sitios onde a xente vai a escoitar música en directo e é unha pena", expón o cantautor que tamén escribiu cancións para outros artistas (Mocedades, Manolo Tena ou Joaquín Sabina) e agora "dedícome a compoñer basicamente o que sinto, estou máis despreocupado"
Ademais de Talismanes, disco que realizou co grupo que tivo cos seus irmáns (Ventolera); Más allá del universo, Vamos al Caribe, Síntesis, Polos opuestos e Cometas, Lera tamén ten un disco íntegro en galego titulado Lixeiro de equipaxe.
A colaboración en actos solidarios é algo que, como a moitos cantautores, o caracteriza, un exemplo é a canción SOS Costa da Morte, que compuxo debido ao Prestige. "Os cantautores sempre estamos aí como esquecidos, pero á hora da verdade, en traxedias como a do Prestige ou a desta nube negra de incendios, damos a cara".