Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O cantautor canario realizará hoxe a súa última actuación en Feitoamán no calexón do Curro da Parra FOTO: Rosa M. Gallardo |
Naceu en Tejeda, Gran Canaria e dende moi novo iniciou un camiño musical que o levou a diversos lugares da xeografía española, como Madrid, Barcelona, Sevilla e Santiago de Compostela, onde viviu dous anos e actuou en locais da cidade, un deles a cafetería Conga 7.
Estes días, o cantautor Fermín Romero, regresou a Santiago a través da iniciativa Canarias Crea, para actuar no festival de rúa Feitoamán, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella e hoxe despídese da xente coa súa última actuación programada neste evento, que durará ata o 3 de setembro.
"Para min tocar na rúa é un luxo", expresa o artista, contento tras o seu primeiro concerto na Carrilana, onde ao principio, había moi pouca xente, pero despois "eramos polo menos máis de 100". O que el pretende co seu repertorio de cancións cargadas de ironía e reflexión é facer partícipe o público para que sexa consciente de temas tan serios como a violencia "isto tento facelo ver dunha forma que non sexa violenta, a través do humor", é o que el denomina "canción cabrona". "No monólogo que represento nalgúns concertos en directo explico que decidín non facer cancións para ligar, senón para tocar os collóns, que me divirte máis". Romero considera que o feito de traballar cos nenos lle inflúe no carácter porque "se reaviva a miña vena adolescente, no sentido de molestar e buscar o cambio".
Unha traxectoria en solitario que despega en 1995
Sendo un adolescente, Fermín Romero, formou parte de grupos de rock, pero en 1995 o cantautor decide que quere dedicarse en serio á música, cambia de estilo, e emprende a súa carreira en solitario.
Romero ten tres discos no mercado Espíritu de sal (1999), Directo al Tajo (2002) e La granja (2006). "Creo que o que estou ofrecendo agora é musicalmente moito máis maduro, as dez cancións de La granja son como un todo con coherencia". Ademais este ano, o artista canario participou como actor e compositor da banda sonora do documental Noche de viernes e actualmente traballa como animador sociocultural nun centro de mozos inmigrantes utilizando a música como elemento educativo.
O seu camiño comezou a ver a luz, cando en 1999 gaña o I Certame de Canción de Autor en Ceutí (Murcia), que lle permitiu escoitar a súa música en Radio Nacional. "Isto ábrelle os oídos a moita xente, ademais o premio axudoume tamén a pagar o primeiro disco, pois os meus traballos prodúzoos eu".
A música para a integración
O artista tamén colabora en proxectos dirixidos a mozos de barrios desfavorecidos de Gran Canaria e agora desenvolve a iniciativa Clave (Cancións, Lugares, Actitudes e Valores Educativos), xunto con Susana, que é psicóloga, un músico senegalés e outro cubano. Así, Romero considera a música como unha boa ferramenta para a integración dos inmigrantes, “temos que facelos partícipes desa música e á vez ter en conta a súa voz e opinión”.
En canto á vaga de inmigración que estes días asolaga as costas canarias, opina que o problema máis gordo “virá cando non se lle poidan cubrir as necesidades a esta xente. Creo que tamén debería haber solidariedade a nivel internacional”.