Mércores 08.09.2010  | Actualizado 04.09      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
Portada » Hemeroteca web

lendas

Unha lareira virtual con fantasía

26.08.2006 Reigosa presenta hoxe en Pontevedra "Galicia Encantada"

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ALBA BÚA . SANTIAGO

O experto en tradición oral Antonio Reigosa, que falará hoxe en Pontevedra da web Galicia Encantada  FOTO: GH
O experto en tradición oral Antonio Reigosa, que falará hoxe en Pontevedra da web Galicia Encantada
FOTO: GH

Galicia encantada é unha expresión que define moi ben a riqueza mitolóxica e de fábula que posúe a nosa comunidade, unha faceta pouco recoñecida e que algúns expertos da tradición oral como Antonio Reigosa e o resto do grupo de investigación Chaira, xunto con Lugonet, tratan de espallar entre os máis novos e entre os docentes.

Así Galicia Encantada tamén é o nome dunha enciclopedia web da fantasía popular (www.galiciaencantada.com) que comeza a súa andaina en marzo de 2005, coordinada por Reigosa, quen presentará este espazo hoxe na Casa das Campás de Pontevedra para pechar as Xornadas de Historia, centradas este ano no marabilloso e organizadas polo concello con motivo da Feira Franca.

"Cando xurdiu internet pensamos que esa era unha canle para aproveitar e difundir a nosa imaxinación popular", comenta Antonio Reigosa. Este espazo virtual contén máis de 700 documentos rexistrados para o servizo de todos os que o desexen, pois un dos obxectivos é "ofrecer un soporte a aquela xente que coñece lendas, contos e non atopa onde publicalos". A concienciación dos rapaces e incluso dos mestres para realizar grupos coordinados de traballo e participación é outra das pretensións deste proxecto, que polo momento está a dar moi bos resultados "Hai xente que fixo achegas marabillosas, por exemplo un señor do Barco, sobre os cogumelos". Así e todo, tamén aparece algunha que outra achega con "trampa" e, en canto a isto, Reigosa afirma que o único criterio de escolla que desenvolven en Galicia Encantada é o da honestidade.

Un punto de intercambio e de interacción

Ademais os colaboradores individuais desta enciclopedia virtual poden participar nas enquisas da sección "Didáctica da fantasía", que os organizadores realizan sobre temas moi concretos de mitoloxía e lendas para aprender máis e abrirlles as portas a aqueles que queiran acceder. Preguntas do tipo ¿como se creou Galicia? ou ¿que significan as manchas da lúa? son só unha mostra da maxia de escribir coa boca e ler cos oídos, un encanto que agora empeza a constar por escrito e que pode variar segundo o lugar da lenda, pero en realidade "o que se busca son as coincidencias en canto ás funcións dos personaxes mitolóxicos e non tanto os diferentes termos empregados para designalos", explica Reigosa, que presentará hoxe en Pontevedra as posibilidades desta lareira virtual coa intención de facer partícipe a máis xente.

TRABALLO DE CAMPO

A recollida e a difusión do máxico

En canto ao labor de compilación e traballo de campo realizado polos investigadores da tradición oral , o escritor lucense recoñece que é complexo, "require tempo, contacto regular cos posibles informantes e que haxa un mínimo de confianza entre o que recolle e o que achega información, xa que hai temas delicados como por exemplo o relativo ás ánimas". Unha vez que se alcanza esta confianza, o traballo de recollida é fácil en reunións de veciños, xuntanzas...

O feito de que hoxe estas lendas, seres e lugares mitolóxicos non corran tanto de boca en boca, segundo o coordinador de Galicia Encantada, débese a que a fantasía "está desprestixiada e se valora peor que antes".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS