Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Isaac Díaz Pardo, na foto, será un dos homenaxeados en Celanova, xunto con Celso Emilio Ferreiro FOTO: Charo |
Dende onte ata o 31de agosto varias figuras da cultura galega intervirán nas primeiras Xornadas sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista, organizadas pola Asociación cultural ecoloxista e de desenvolvemento rural Arraianos, que escolleu o Instituto de Ensinanza Secundaria de Celanova como o lugar clave para o desenvolvemento destes actos.
Segundo Aser Álvarez o coordinador do evento e da revista cultural Arraianos, a idea xorde "cando facemos o terceiro número da revista, sobre a resistencia antifranquista, pois vemos que quedan moitas cousas por contar da zona de Celanova e arredores, tanto no Alto do Furriolo coma no Mosteiro de San Salvador, habilitado como prisión central nos anos 40".
As xornadas, nas que tamén se recoñecerá o labor desenvolvido po Isaac Díaz Pardo en canto á memoria, foron inauguradas o domingo nun acto ao que asistiu o vicepresidente Anxo Quintana e que foi celebrado no Furriolo (A Bola), onde hai 70 anos numerosos presos foron asasinados a mans do réxime franquista.
Ademais o coordinador do evento, incidiu na "merecida homenaxe" a Díaz Pardo, "polo traballo de recuperación e a represión que el mesmo sufriu debido ao asasinato do seu pai, Camilo.
Os membros de Arraianos entregaránlle a este entusiasta unha obra dun artista da zona de Celanova, Mané Boan.
A expresión "Volverlles a palabra" é o fío condutor das conferencias, as proxeccións dos filmes e as mesas redondas que a asociación Arraianos se encargou de organizarar nos días sucesivos, pois o que se pretende "é dignificar as vítimas dalgún xeito, volverlles a palabra aos represaliados na boca dos superviventes, recuperar a memoria e romper o medo a falar de asasinatos".
As voces de xente que viviu en carne propia a represión, como Elixio Rodríguez e de testemuñas como Carlos Pereira e Arturo Pérez, serán as que estes días se escoitan no IES de Celanova.
A iniciativa foi ben acollida por varias institucións colaboradoras, entre elas, Política Lingüística, a dirección xeral de Creación e Difusión Cultural e os concellos da Bola, Allariz, Rairis de Veiga, etc.
Un recital poético-musical denominado "Volverlles a palabra" e a inauguración dun mural realizado polo deseñador de Sargadelos Xosé Vizoso, en homenaxe ás vítimas da represión franquista, marcaron o inicio de eventos. Para hoxe está previsto falar das consecuencias da represión. Ás 10 horas, Felipe Castro analizará a rutura da convivencia en Celanova de 1936 a1939, seguido de Raúl Soutelo, que abordará as consecuencias desta persecución para as mulleres do rural, entre outras actividades.
Segundo confirmou o coordinador dos actos de Celanova, a partir desta primeira iniciativa, a asociación Arraianos, que leva dous anos traballando duro neste ámbito, ten pensado conmemorar todos os anos a inauguración do mural elaborado por Vizoso.
Para a seguinte edición das xornadas, os de Arraianos teñen pensado tratar a represión na educación e máis concretamente na figura do mestre. Así, Aser Álvarez confía que se animarán a participar máis testemuñas, xa que é o que se pretende.