Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
Por mor da homenaxe que o 28 de outubro o Foro Republicano de Galicia e o Concello de Lugo organizarán para rememorar a personalidade de Federico García Lorca, a cidade da muralla contará cun itinerario dedicado ao poeta. A ruta, segundo explicou Xesús Alonso Montero, presidente do Foro Republicano de Galicia, abarcará aqueles lugares significativos da estancia do autor de Poeta en Nueva York en Lugo.
"A Lorca hai que homenaxealo en Galicia,Tailandia, Xapón, Chicago..., alí onde se ame a democracia", afirma Alonso Montero para GALICIA HOXE. O acto, ideado xa dende o nacemento do Foro Republicano, a finais do ano pasado, "será un tributo grande, pois contamos con axudas económicas e doutro tipo".
A lembranza dunha figura extraordinaria
"Por enriba do Lorca escritor estaba o Lorca home", conta Alonso Montero, por iso a homenaxe estará centrada na súa personalidade plural, pero tamén en rememorar a aqueles que durante o franquismo foron represaliados. Todo isto dentro do que Alonso Montero considera o Ano da Memoria Republicana de Galicia, pois "chamarlle Ano da Memoria Histórica para min é desvirtualo, xa que se é memoria tamén é historia, é un pleonasmo."
A data do evento foi escollida, coincidindo coa primeira estancia do artista en Galicia, hai 90 anos, cando veu xunto con outros compañeiros cos que cursaba segundo de filosofía e letras na Universidade de Granada.
A intención do Concello de Lugo, despois deste día é converter os puntos clave nos que varios poetas recitarán a Lorca tal e como el o fixo en Lugo no seu día, "nun atractivo turístico e cultural", afirma Alonso Montero. O roteiro comezará preto da muralla, onde estea o monumento de Lorca que se inaugurará o 28 de outubro. "Aínda non sabemos quen vai realizar a escultura, estamos a falar cun artista de Betanzos".
Un camiño con poder máxico e evocador
As actividades que o Foro Republicano está a programar xunto co concello de Lugo consistirán principalmente no recital de poemas, algúns da obra Poeta en Nueva York, no mesmos lugares lucenses nos que recitou Lorca, tamén se lerá o primeiro poema galego do autor granadino, alí onde o escribiu.
Ademais o 28 de outubro pola tarde está previsto que "un neno lucense de 9 ou 10 anos interprete a prosa poética que Madoc Frontini Hermelo, fillo de Moni Hermelo compuxo para Lorca e que recitou nun acto organizado por Luis Seoane en 1937". Alonso Montero tamén explicou que se están a realizar publicacións sobre a relación de García Lorca e Lugo.
Chamamento a autores galegos
O Foro Republicano anima a todos os poetas galegos a participar na publicación Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte, elaborando un poema ou prosa poética.