Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Juan Pedro Basterrechea, Marisol López, César Antonio Molina e Óscar Suau, pola dereita FOTO: GH |
Porque "a difusión e a promoción da lingua non se consegue só a través do ensino" senón que "hai que crear ferramentas cara á sociedade da información", o director do Instituto Cervantes, César Antonio Molina acaba de presentar xunto á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, un novo servizo que permite a tradución gratuíta de textos e webs do español ó galego e viceversa no enderezo http://oesi.cervantes.es/traduccion.jsp.
"A supervivencia dunha lingua está na fenda dixital" afirmou o director do Cervantes durante a súa intervención onte no Clube Internacional de Prensa de Compostela, onde presentou este novo servizo, que realiza 200.000 traducións ó mes no Instituto. Así mesmo Marisol López, quen colabora dende Política Lingüística con este proxecto, adiantou as perspectivas de futuro para este tradutor que "dende hai uns meses xa empregamos" na Administración e que "queremos distribuír entre distintas entidades galegas". A secretaria xeral tamén confirmou, que tras asinar hai uns meses un protocolo de colaboración co Instituto Cervantes para promover o coñecemento da lingua, disporánselle "uns fondos bibliográficos básicos" cos que o convenio "continúe dando os seus froitos" afirmou.
Na rolda de prensa, tamén estivo presente Juan Pedro Basterrechea, responsable de Relacións Institucionais do Instituto Cervantes, que considerou que a misión do centro que é "a promoción e a difusión de todas as linguas cooficiais do Estado" non é "suficiente" xa que as linguas "teñen que estar presentes nesta era da información", de aí "a importancia deste servizo que se acaba de pór en marcha". Sobre este programa de traducción automática, Basterrechea subliñou que "o seu resultado será moito mellor, en 24 horas actúase para corrixir os seus erros".
Por outra banda, Óscar Suau, responsable de Automatictrans, a empresa que desenvolveu durante dez anos esta tecnoloxía, afirma que "a nosa utopía é ter todas as frases do mundo" porque "aínda que non cremos na intelixencia artificial, si cremos na memoria".
O tradutor automático do Cervantes, que empezou a funcionar en xaneiro de 2005 e que está patrocinado por Telefónica, traduce do español ó galego, catalán, francés, inglés e portugués e ten previsto para o próximo ampliar os seus servizos ao español-eúscaro e eúscaro-español, co que terá cubertas todas as linguas cooficiais do estado español. Posteriormente, os responsables da empresa Automatictrans van continuar co italiano, alemán, ruso, árabe e chinés.
Ortogal, o primeiro corrector en liña
A Universidade de Vigo, a través do seu seminario de Linguística Informática, ofrece gratuitamente o primeiro corrector en liña do idioma galego, que permite detectar erros ortográficos e tamén detecta hiperenxebrismos e castelanismos. Ortogal, que non precisa a instalación de ningún programa informático, é un sistema que se nutre dun dicionario normativo que dispón de 60.000 raíces, que proporcionan 25 millóns de palabras. Ademais, o corrector integra unha ampla base de nomes de persoas, e dispón para a súa mellora dunha caixa de correo onde os usuarios poderán facilitar as súas achegas e comentarios. Por outra parte, este seminario de lingüística inclúe o tradutor español-galego, galego-español Opentrad, que permite trasladar textos gratuitamente entre ambas as dúas linguas.