Un total de 5 camións da empresa Transportes Damil, con sede no municipio lucense de Begonte, quedaron parcialmente esnaquizados esta madrugada tras un acto de sabotaxe contra este empresario que pertence á plataforma que impulsa un paro no sector do transporte en Galicia.
A administrativa da empresa e filla do empresario, Tatiana López, explicou que foi esta mañá cando se decataron das desfeitas ó chegar, xunto cun empregado, á chaira na que adoitan estar aparcados os camións.
Os 5 camións apareceron coas rodas picadas, as lonas rotas, os calderíns esnaquizados e as bombonas da suspensión picadas.
Nunha primeira valoración, a administradora avaliou os danos nuns 100.000 euros.
A propia empregada comentou que o autor ou autores era xente experimentada neste tipo de actos vandálicos, xa que, aseverou, "cortaron as lonas cun obxecto punzante por zonas onde saben perfectamente que é imposible arranxalas".