O concelleiro pontevedrés Guillerme Vázquez substituirá a Anxo Quintana como portavoz nacional do BNG, despois de que a lista que el encabezaba (Alternativa pola Unidade) recibise esta tarde o apoio do 55 por cento dos membros da Asemblea Nacional da organización nacionalista, reunida en Santiago.
Vázquez, cuxa lista está apoiada pola Unión do Povo Galego (UPG), impúxose na votación ó outro candidato, o portavoz parlamentario Carlos Aymerich. A lista que lideraba Aymerich ('Máis BNG') estaba apoiada polo sector denominado 'posquintanista'.
Finalmente, a lista de Guillerme Vázquez obtivo un total de 1.189 votos, o 55 por cento do total, mentres que a de Aymerich fíxose con 969 votos, o 44,9 por cento. A estes votos uníronselle outros 63 en branco e 50 que foron declarados nulos.
Na composición da nova Executiva do BNG (máximo órgano de decisión da organización frontista), a lista de Guillerme Vázquez conseguiu oito dos 15 postos, incluído o de portavoz nacional, mentres que os outros sete estarán ocupados por membros da lista de Aymerich.